- O xurado, presidido por Amparo Alonso Betanzos, concedeu catro segundos premios a alumnado do IES Rosalía de Castro (2), do IES Brión e do IES Val Miñor de Nigrán
FEIRACO patrocinou a sexta edición dos Premios Stephen Hawking para apoiar o ensino galego da man do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Un centro que entregou o pasado venres o primeiro premio deste certame, dotado con 1.500 €, a Daniela Montoto Pereira, Leyla Villar Abella e Anxo Vázquez Manzano, do IES Blanco Amor de Ourense, polo seu traballo “Demostración e descubrimento automático de teoremas xeométricos mediante bases de Gröbner”, coordinado por Carlos Ferreiro García.
Os galardóns foron entregados o venres no salón de actos do instituto compostelán, nun acto que incluíu unha conferencia de Amparo Alonso Betanzos catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, e un cóctel con produtos de FEIRACO.
O VI Premio Stephen Hawking de Xóvenes Investigadores, coordinado por Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), foi convocado polo IES Rosalía de Castro e conta coa colaboración da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, FEIRACO, Finsa e Ternera Gallega. O apoio de FEIRACO e CLUN a estes novos investigadores é reflexo da aposta da cooperativa pola innovación, un dos alicerces do noso crecemento e do noso proceso de mellora día a día, buscando sempre a calidade e a eficiencia en todas as fases e procesos da cadea de valor.
Premiados
O xurado concedeu catro segundos premios aos traballos: “Estudo do crecemento e supervivencia de larvas cunha dieta de polipropileno”, de Irene Lazzari Otero do IES Rosalía de Castro (coordinado por Sandra Vázquez Dorado), “Simulación computacional da interacción da magainina con modelos simplificados de membranas bacterianas e de mamíferos sans”, de Mikel Escobar Díaz, Álvaro Francos Martínez e Unai Peral Fernández do IES Brión (coordinado por Virginia Rodríguez Álvarez); “Aproximación á determinación dun índice para a comparación da cantidade de ácido ascórbico e da pegada de carbono en zume de diferentes tipos de kiwis”, de Antía Toinmil Estévez do IES Rosalía de Castro (coordinado por Jesús Fidalgo Fernández); e “Estudo da presenza de microplásticos na costa valmiñorana”, de Ariane Antequera González e Eva Leyenda de Arriba, o IES Val Miñor de Nigrán (coordinado por César Rodríguez López).
Así mesmo, concedeu dez terceiros premios a alumnado do IES Rosalía de Castro de Santiago (3), Do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago (2), do IES Eusebio da Guarda da Coruña (2), do IES Ramiro de Maeztu de Madrid, do IES Castilla de Soria e do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo. Uns premios merecidos pola calidade científica dos mesmos: “todos os traballos contaban cunha enorme calidade en materia de investigación”, explica o director do IES Rosalía de Castro, Xabier Mouriño. O alumnado tivo dez minutos para expoñer os seus traballos: “Tanto a presentación como a defensa dos rapaces foi moi boa”, engadiu o director, quen tamén quixo destacar o gran número de participación de alumnos e centros educativos.
En total presentáronse hoxe 54 traballos de estudantes de once institutos: nove galegos, un de Soria e outro de Madrid. Os traballos xiraban en torno a dous eixos: a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á intelixencia artificial; e a lenda desta edición: “Intelixencias”. A bioloxía e xeoloxía foron o campo con maior peso, pero tamén houbo representación en física e química, matemáticas, no ámbito tecnolóxico coa presenza da robótica, das ciencias sociais ou de índole artística.
Os centros que tomaron parte nestes VI Premios Stephen Hawking foron: IES Arcebispo Xelmírez II e IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES Brión (Brión, A Coruña), IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Lucus Augusti e IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Blanco Amor (Ourense), IES Xermán Ancochea Quevedo (Póboa de Trives, Ourense), IES Val Miñor (Nigrán, Pontevedra), IES Castilla (Soria) e IES Ramiro de Maeztu (Madrid).