David Mella e Marisa García do RC Deportivo en Eroski con Feiraco

LEVA O TEU LEITE FEIRACO ASINADO POR XOGADORES DO RC DEPORTIVO

  • David Mella e Marisa García, xogadores do RC Deportivo de A Coruña, protagonizarán un acto de sinatura cos clientes que adquiran produtos Feiraco
  • A acción terá lugar este mércores, 6 de maio, entre as 18.00 e as 19.00 horas, no supermercado Eroski Xuxán (A Coruña)
  • Os primeiros 20 asistentes levarán un paraugas Feiraco de regalo

Este mércores, 6 de maio, o supermercado Eroski Xuxán (A Coruña) acollerá un encontro exclusivo entre os xogadores, David Mella e Marisa García e os seareiros do club.

A iniciativa terá lugar entre as 18.00 e as 19.00 horas, nun espazo habilitado dentro do establecemento, onde os xogadores do conxunto herculino compartirán un momento próximo cos clientes que adquiran, previamente, algún dos produtos Feiraco. Ós primeiros vinte asistentes terán ademáis un paraugas Feiraco de regalo, un agasallo moi oportuno para esta semana de choivas.

Leva o teu leite FEIRACO asinado por xogadores do RC DEPORTIVO
Leva o teu leite FEIRACO asinado por xogadores do RC DEPORTIVO

 

Trátase dunha oportunidade única para achegar os deportistas á súa afección e reforzar, así, o vínculo emocional que une ao club coa contorna.

Feiraco reafirma así o seu compromiso co territorio, as persoas e o deporte, consolidando o seu papel como marca implicada no desenvolvemento social e deportivo de Galicia.

Unha experiencia emocionante co RC Deportivo para a rapazada

Unha xornada en Abegondo na que entrenaron como profesionais, recuperaron forzas cunha merenda FEIRACO e coñeceron aos xogadores do RC Deportivo.

O sábado 18 de abril regalámoslles aos máis cativos e cativas un deses recordos que quedarán gravados na súa memoria. Vestidos coa equipación de FEIRACO, viviron unha emocionante mañá na Cidade deportiva de Abegondo. Máis que un evento deportivo; foi unha experiencia inolvidable onde a ilusión inundou o terreo de xogo.

A benvida na sala de prensa

A aventura comezou cedo, cando todos os nenos e nenas se achegaron ata a porta de Abegondo. O equipo técnico do Deportivo deulles unha benvida moi especial nada menos que na sala de prensa, un momento máxico nun escenario que ata entón só viran na televisión. Sentarse alí, onde falan os seus ídolos despois de cada partido, fíxolles sentir que este día ía ser algo fóra do común.

Adestrando como os mellores

O prato forte agardaba fóra. Unha vez no céspede, a rapazada tivo a oportunidade de entrenar como auténticos xogadores profesionais. Guiados en todo momento polos adestradores da canteira do RC Deportivo, pasárono en grande compartindo o balón cos seus compañeiros e compañeiras. Daba gusto ver o esforzo e a calidade que teñen os nosos pequenos e pequenas futbolistas!

Para repoñer forzas despois de tanto correr, fixemos unha pausa necesaria cunha merenda con produtos Feiraco, o aliado perfecto para recuperar enerxías e seguir coa xornada coas pilas cargadas.

O encontro cos seus ídolos

O momento máis emocionante de toda a mañá chegou case ao final, cando os nenos e nenas se atoparon cara a cara cos xogadores do RC Deportivo. Lonxe de protocolos, foi un encontro próximo e humano onde se sacaron fotos e recibiron as súas firmas.

Grazas a todos os que fixestes posible esta xornada de fútbol e valores. A canteira está máis viva que nunca!

 

Mira o ben que o pasaron:

Día das Letras Galegas en FEIRACO: XIV Certame de Microrrelatos “Vai de mulleres”

(ATENCIÓN! Estivemos recibindo relatos sen a información de contacto. Se enviaches o teu relato a través da web, escríbenos a [email protected])

Esta iniciativa honra a Begoña Caamaño, escritora e xornalista que, na súa obra, reinterpreta desde unha ollada feminina historias míticas, dándolles voz a personaxes como Circe, Penélope ou Morgana.

En FEIRACO, o Día das Letras Galegas é unha cita importantísima dentro do noso compromiso con Galicia e coa súa cultura. É por iso que nos fai moita ilusión presentar o XIV Certame de Microrrelatos. Neste caso, quixemos homenaxear a figura e o legado de Begoña Caamaño, poñendo en valor o seu impacto literario e ideolóxico. Polo tanto, decidimos que a temática do certame deste ano sería “Vai de mulleres”.

En que consiste?

O certame deste ano estriba en crear unha historia situada en Galicia e protagonizada por mulleres. A extensión do texto non pode superar as 500 palabras e avaliarase en función de tres criterios: a orixinalidade (50% da valoración), a coidada redacción (25%) e o uso correcto da lingua galega (25%). Os participantes terán entre o 13 de abril e o 17 de maio para subir á páxina web os seus relatos.

Como participar?

Existen dúas categorías: a categoría xuvenil e a categoría de adultos.

No caso da categoría xuvenil, dirixida a alumnos de ESO e bacharelato, o profesorado de cada centro seleccionará o mellor relato de cada curso e os escollidos subiranse en formato PDF á web feiraco.es onde se debe cubrir ademais un sinxelo formulario de contacto. En canto á categoría de adultos, o autor ou autora deberá subir o seu relato en PDF á web feiraco.es.

Os premios!

Levamos máis de dez anos celebrando este concurso e queremos que cada edición sexa especial. Unha parte importante diso son os premios que preparamos para os gañadores:

1º premio: cadro con lámina ilustrada, 4 libros, lote de produtos FEIRACO, bolsa FEIRACO e marcapáxinas.

2º premio: 2 libros, lote de produtos FEIRACO, bolsa FEIRACO e marcapáxinas.

3º premio: 1 libro, lote de produtos FEIRACO, bolsa FEIRACO e marcapáxinas.

 

Sobre Begoña Caamaño:

Begoña Caamaño Rascado​ (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014) foi unha figura polifacética, destacando como xornalista, escritora, e activista política.

Nas súas obras, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), a súa narrativa caracterízase por unha profunda reivindicación feminista e pola recreación de mitos clásicos desde unha perspectiva feminina. Foi promotora de MUGACOM (Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación) para loitar pola igualdade laboral e o tratamento da imaxe feminina nos medios, ademais de participar activamente en movementos contra a violencia de xénero.

En resumo, Begoña Caamaño foi unha intelectual comprometida que utilizou tanto o xornalismo como a literatura para darlles voz ás mulleres e defender a liberdade informativa e os dereitos sociais en Galicia.

Esperamos o teu relato!

O equipo de nenos e nenas de CLUN sae ao campo coas xogadoras do Deportivo Abanca no encontro co FC Barcelona

Os escort kids do Deportivo Abanca protagonizaron un dos momentos máis especiais do encontro deste domingo fronte ao FC Barcelona saltando ao terreo de xogo da man de Feiraco.

Boa parte dos cativos e cativas participantes eran fillos e fillas dos socios e traballadores de CLUN. Esta iniciativa simboliza a unión entre estes dous ámbitos, poñendo en valor o esforzo, o traballo en equipo e a constancia, valores compartidos entre o deporte e o sector agrogandeiro.

 

Feiraco celebra ‘Un Nadal para todos’ unindo xeracións e tradicións

Feiraco volverá reivindicar neste Nadal aquilo que realmente importa: estar xuntos. Co espírito cooperativo que caracteriza á marca e co compromiso de coidar das persoas e das tradicións, a entidade pon en marcha a iniciativa ‘Un Nadal para todos’, coa que busca tender pontes entre xeracións e recuperar a esencia que fai do Nadal unha época especial para reconectar e desfrutar xuntos.

A primeira actividade foi unha visita do centro de maiores Raiola O Hórreo ao Belén de CLUN, instalado por segundo ano consecutivo no Pazo de Raxoi. Un espazo no que a tradición e a vida rural cobran vida a través dun coidado traballo artesanal de preto dun cento de figuras. O Belén pon en valor a vida no campo, mostrando con detalle o traballo de agricultores e gandeiros. Ademais, incorpora elementos propios da cultura e tradición galega, como unha escola típica, un tractor, unha escena de matanza e un hórreo.

Despois da visita, Feiraco ofreceu ás persoas participantes un chocolate con leite quente, creando un momento especial para compartir conversacións, sorrisos e tempo de calidade.

A música será outra das protagonistas, xa que en colaboración coa Escola de Música de Negreira, un grupo de nenos e nenas visitaron o centro de maiores da Baña para interpretar panxoliñas tradicionais. Ao rematar, pequenos e maiores gozaron xuntos dun chocolate con leite Feiraco, creando un momento máxico deses que perduran para sempre.

Con este ‘Nadal para todos’, Feiraco quere lembrar que estas datas son un momento especial para conectar e coidarnos uns a outros, sen esquecer a beleza das tradicións que pasan de xeración en xeración.

FEIRACO reforza o seu compromiso co deporte galego

Feiraco volveu a correr xunto a Galicia na 46ª Carreira Pedestre Popular de Santiago. Un ano máis, sumámonos ao grupo de patrocinadores da 46ª edición da Careira Pedestre Popular de Santiago, organizada polo Correo Galego, unha das citas máis arraigadas e emblemáticas do atletismo galego e nacional.

Iogures FEIRACO, enerxía para os corredores

Nesta edición, Feiraco estivo máis presente ca nunca co novo iogur, un produto recentemente lanzado ao mercado, presente nos puntos de avituallamento, axudando ás persoas participantes a manter o ritmo e completar a proba con vitalidade.

Ademais, na Praza do Obradoiro instalouse un iogur xigante como símbolo da presenza da marca nesta cita. Tamén fomos os encargados de entregar a bolsa oficial da carreira, reafirmando o noso papel como aliados dos deportistas galegos, como embaixadores dos produtos lácteos de proximidade e de cooperativa e inundando as rúas de Santiago de Compostela de verde. 

 

 

 

 

FEIRACO lanza iogures galegos e de cooperativa

Feiraco amplía a súa gama de produtos co lanzamento de iogures no mercado galego. Este lanzamento conta con tres referencias: natural, vainilla e amorodo, que se poderán atopar en tendas e supermercados galegos.

Comercialízase en packs de dúas unidades de 125g nun envase de calidade e de fácil reciclaxe. No exterior luce unha imaxe real dun campo galego, e no interior de cada vasiño o consumidor pode ver a imaxe e a historia de gandeiros e gandeiras responsables de conseguir cada día o leite de calidade de FEIRACO.

Os produtos preséntanse baixo o selo “producto de cooperativa CLUN” e o de “100% orixe galega” facendo alusión ao seus elementos diferenciais. “Un produto de cooperativa é un produto sen intermediarios, onde o modelo cooperativo está dende o campo, no coidado das vacas, na obtención do leite e ata a súa transformación e comercialización. E iso significa que escoller un produto de cooperativa é beneficiar directamente ao campo galego” – explica Juan Gallástegui, director xeral de CLUN.

Este espírito de cooperativa é o que se pode apreciar no spot encargado de presentar o novo iogur FEIRACO, así, esta peza audiovisual está protagonizada por gandeiros e gandeiras reais en lugar de por actores, que directamente dende o campo, presentan o novo iogur Feiraco.

Compromiso coa sustentabilidade

Cun vasiño 100% reciclable, o envase deste novo produto fala por si só de sustentabilidade. Conta cunha capa de plástico fina e reforzo de cartón que se pode separar facilmente, permitindo depositar cada material no colector correspondente: o vasiño de plástico e tapa no amarelo e o cartón no azul. Con este xesto, Feiraco contribúe a facilitar a reciclaxe e o coidado do medio ambiente.

Dez tempadas de alianza: Feiraco renova o seu patrocinio co RC Deportivo de A Coruña

  • O pasado sábado tivo lugar un acto conmemorativo no que se presentou unha camiseta especial co número 10, símbolo destas dez tempadas camiñando xuntos
  • O patrocinio de FEIRACO co Deportivo exténdese ao equipo femenino e ás dépor escolas Feiraco que chegan a máis de 500 nenos e nenas.
  • Neste partido FEIRACO aproveitou para presentar o novo iogur Feiraco onde se emitiu en primicia o spot do lanzamento do novo produto que moi pronto se poderá atopar nos supermercados galegos.

Feiraco,  renova o patrocinio do RC Deportivo da Coruña na que é xa a súa décima tempada de alianza.

Para celebralo, o sábado, 4 de outubro, coincidindo coa previa do partido en Riazor, tivo lugar un acto conmemorativo no que participaron D. Juan Gallástegui, director xeral de CLUN e D. Vicente Fernández, Consejero del RC Deportivo.

Sobre o céspede do estadio presentouse unha camiseta especial co número 10, símbolo destas dez tempadas camiñando xuntos. Ademais, durante o acto proxectouse un vídeo histórico no que se recollían algúns dos momentos máis destacados da relación de Feiraco co club branquiazul, que se remonta á tempada 1992-1993, cando a marca láctea se converteu en patrocinador principal do equipo.

A presenza de FEIRACO na camiseta prolongouse durante oito tempadas consecutivas (1992-2000), coincidindo cunha das etapas máis brillantes do club. Neses anos destacaron figuras como Bebeto ou Mauro Silva e adestradores aínda queridos como Arsenio Iglesias ou Javier Irueta. Ademais, serán recordados pola conquista de títulos tan significativos como a Copa do Rei ou o campionato de Liga. FEIRACO volveu ás camisetas da vestimenta do club deportivista a pasada tempada (2024-2025), esta vez na parte traseira, xusto encima do nome dos xogadores.

Como parte da celebración por este décimo aniversario, sortearase a camiseta conmemorativa nas redes oficiais de FEIRACO, ofrecendo ás persoas afeccionadas a posibilidade de facerse co símbolo desta colaboración.

O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, resaltou que “estes dez anos de unión son boa mostra do compromiso que temos desde CLUN co deporte galego e, neste caso, cun club histórico que forma parte da identidade de Galicia”.

Pero esta unión vai máis aló, xa que FEIRACO renovou, tamén, o seu patrocinio ao Dépor Abanca e as Dépor Escolas FEIRACO, reforzando o seu apoio ao fútbol feminino e á formación das novas xeracións.

Novo iogur

Durante o encontro os afeccionados e afeccionadas puideron gozar do novo Iogur Feiraco na cantina do recinto de maneira gratuíta coas súas consumicións. Trátase dun produto que próximamente estará en supermercados e tendas galegas e co que a marca extende a súa presenza nos produtos lácteos. Tamén neste partido se emitiu en primicia o spot do novo iougr protagonizado por gandeiros e gandeiras da cooperativa que cada día traballan para conseguir o mellor leite Feiraco.

Feiraco crea souvenirs de Galicia para celebrar este 25 de xullo

Con motivo da celebración do Día de Galicia, o 25 de xullo, Feiraco presenta unha nova identidade gráfica en colaboración con  Son un Toxo, coa que busca homenaxear o sentimento de orgullo e amor pola terra que comparten os galegos e galegas.

A proposta visual, inspirada na icónica campaña turística I❤️NY , adáptase á realidade galega cunha mensaxe clara e concisa: ‘EU 💚 GALICIA’. A intención é trasladar esa expresión de afecto e pertenza á terra dun xeito simple, traducindo a mensaxe ao galego e coloreando de verde o icónico corazón.

A ilustración está visible nos lineais lácteos de distintos supermercados galegos, achegando a acción gráfica aos fogares.

Ademais, como parte da campaña, Feiraco pon en marcha diferentes accións promocionais e participativas nas que se pode conseguir os “souvenirs” co lema ‘EU 💚 GALICIA’. Por unha banda, nas redes sociais sortéanse cuncas e bolsas de tea coa ilustración conmemorativa. Por outra, os consumidores que adquiran unha caixa de leite Feiraco poden participar nun sorteo especial dos “souvenirs”. Para iso, deberán subir o tícket de compra e cubrir un formulario que se atopará na web feiraco.es.

Ademais, o día previo, xoves 24 de xullo, a partir das 16.00h, terá lugar unha acción especial no Carrefour de As Cancelas en Santiago de Compostela, no que se instalará un mural xigante coa iniciativa e convidarase ás persoas que se atopen no establecemento a deixar unha mensaxe de amor a Galicia nun post-it. Quen participe levará como agasallo unha cunca ou unha bolsa de tea.

Con esta campaña, Feiraco reforza o vínculo coa comunidade galega a través dunha proposta que pon en valor o orgullo e amor pola nosa terra.

 

O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco reuniu relatos de toda Galicia protagonizados pola música tradicional galega

  • As instalacións de CLUN en Ames acolleron hoxe a entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco
  • Adriana González, Adara Soto e José Luís Capón na categoría xuvenil e Ramón Domínguez, Tomás Rodríguez e Gemma Rojo, na de adultos, foron os gañadores desta edición
  • “A literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura” destacan dende Feiraco.

As instalacións de CLUN en Ames convertéronse, hoxe, no escenario da entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco, convocados pola marca no mes de maio para celebrar o Día da Letras Galegas. Un acto no que se celebrou o poder da palabra de todas as persoas participantes e que contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Patricia Miño, presidenta de Xacarandaina e o equipo directivo de CLUN.

Este certame, xa consolidado no panorama cultural galego, propuxo nesta edición crear historias arredor da figura das cantareiras e da poesía tradicional, achegando a alma e esencia da música galega a todas as xeracións. A proposta inspirou a decenas de participantes, que souberon dar voz a todas esas mulleres que mantiveron viva a música e a lingua galega ao longo da historia.

“É un orgullo ver como cada ano Feiraco é capaz de conectar xeracións a través da escrita”, sinalou a directora de marketing e comunicación de CLUN, Jessica Rey, que puxo en valor esta iniciativa, “coa que demostramos, unha vez máis, que a literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura, coa que a marca Feiraco está completamente comprometida”.

Os relatos premiados

Os relatos premiados recollen palabras nas que brilla a tradición e a creatividade. Na categoría xuvenil, resultaron galardoadas Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón, todos eles estudantes do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Adriana emocionou co seu relato ‘Habelas hailas’, unha homenaxe ás avoas e ás súas historias. Adara ofreceu unha poderosa visión sobre a violencia de xénero en ‘Dunha pandeireta engailoada’, onde a música se converte en refuxio. Pola súa parte, Gabriel presentou ‘O cazador e a presa’, un texto que fai que o lector se mergulle no silencio do monte e a dureza da caza.

Na categoría de adultos, Ramón Domínguez, de Fene (A Coruña), destacou con ‘Carmela’, onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta. Pola súa parte, Tomás Rodríguez, en ‘Campo de artistas’, recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta, quedando para sempre a súa esencia no corpo e alma das persoas. Por último, Gemma Rojo, de Saviñao (Lugo), contou a historia dunha rapaza que, tras perder a súa pandeireta por unha cornada de vaca, crea outra coa tapa dunha pota e acaba conquistando os escenarios do país.

Os premios consistiron nunha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, ademais dun lote de produtos da marca. Ao remate, as persoas premiadas tiveron a oportunidade de visitar a fábrica láctea de Feiraco, coñecendo de preto o labor dunha marca que segue consolidando a súa aposta pola defensa da lingua e a cultura galega.

O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco confirma que Galicia non só é campo de artistas, senón tamén de lendas, de historias e de tradición.