O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco reuniu relatos de toda Galicia protagonizados pola música tradicional galega

  • As instalacións de CLUN en Ames acolleron hoxe a entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco
  • Adriana González, Adara Soto e José Luís Capón na categoría xuvenil e Ramón Domínguez, Tomás Rodríguez e Gemma Rojo, na de adultos, foron os gañadores desta edición
  • “A literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura” destacan dende Feiraco.

As instalacións de CLUN en Ames convertéronse, hoxe, no escenario da entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco, convocados pola marca no mes de maio para celebrar o Día da Letras Galegas. Un acto no que se celebrou o poder da palabra de todas as persoas participantes e que contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Patricia Miño, presidenta de Xacarandaina e o equipo directivo de CLUN.

Este certame, xa consolidado no panorama cultural galego, propuxo nesta edición crear historias arredor da figura das cantareiras e da poesía tradicional, achegando a alma e esencia da música galega a todas as xeracións. A proposta inspirou a decenas de participantes, que souberon dar voz a todas esas mulleres que mantiveron viva a música e a lingua galega ao longo da historia.

“É un orgullo ver como cada ano Feiraco é capaz de conectar xeracións a través da escrita”, sinalou a directora de marketing e comunicación de CLUN, Jessica Rey, que puxo en valor esta iniciativa, “coa que demostramos, unha vez máis, que a literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura, coa que a marca Feiraco está completamente comprometida”.

Os relatos premiados

Os relatos premiados recollen palabras nas que brilla a tradición e a creatividade. Na categoría xuvenil, resultaron galardoadas Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón, todos eles estudantes do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Adriana emocionou co seu relato ‘Habelas hailas’, unha homenaxe ás avoas e ás súas historias. Adara ofreceu unha poderosa visión sobre a violencia de xénero en ‘Dunha pandeireta engailoada’, onde a música se converte en refuxio. Pola súa parte, Gabriel presentou ‘O cazador e a presa’, un texto que fai que o lector se mergulle no silencio do monte e a dureza da caza.

Na categoría de adultos, Ramón Domínguez, de Fene (A Coruña), destacou con ‘Carmela’, onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta. Pola súa parte, Tomás Rodríguez, en ‘Campo de artistas’, recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta, quedando para sempre a súa esencia no corpo e alma das persoas. Por último, Gemma Rojo, de Saviñao (Lugo), contou a historia dunha rapaza que, tras perder a súa pandeireta por unha cornada de vaca, crea outra coa tapa dunha pota e acaba conquistando os escenarios do país.

Os premios consistiron nunha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, ademais dun lote de produtos da marca. Ao remate, as persoas premiadas tiveron a oportunidade de visitar a fábrica láctea de Feiraco, coñecendo de preto o labor dunha marca que segue consolidando a súa aposta pola defensa da lingua e a cultura galega.

O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco confirma que Galicia non só é campo de artistas, senón tamén de lendas, de historias e de tradición.

Gañadores XIII Certame de Microrrelatos FEIRACO

Le os relatos gañadores do XIII Certame de Microrrelatos FEIRACO.

1º premio Categoría Adultos – Ramón Domínguez, Carmela

Cibrán era un bo mozo. O mellor bailador do grupo. O máis feito. O que pegaba os chimpos máis altos.
Carmela devecía por ir ás festas só por velo a el.
Poñíase diante do palco e non lle quitaba o ollo de enriba ata que remataba a actuación. Tanto lle gustaba, que mesmo se meteu na banda e comezou a ir aos ensaios para telo máis cerca.
Pero mentres as outras mozas cantaban e tocaban a gaita, o pandeiro, o bombo e o tamboril, ela dedicábase a esfollar as ferreñas da súa pandeireta.
Quéreme.
Non me quere.
Quéreme.
Non me quere.
Quéreme.
Non me quere.
Mais aquel final malfadado xa era coñecido de antemán ao ser o dela un instrumento de nove pares.
Así e todo, arrigoullas unha a unha, devagar mais sen piedade, sen ser apenas consciente de que a folla de lata de que estaban feitas lle cortaba os dedos e manchaba a pelica co seu sangue namorado.
Perdera a cabeza por Cibrán.
Quen sabe se estaría tamén a perder o tempo, pensou cando escoitou o mozo dedicarlle a outra aquela copla que ela tantas veces cantara:
Sei cantar e sei bailar
sei tocar a pandeireta
a que se case comigo
leva a música completa.

Pero o que non estaba disposta a perder Carmela era a esperanza.
O día do patrón, Carmela non puido tocar por mor da súa pandeireta fanada.
Pero si puido cantar. E, mirando a Cibrán mentres bailaba coa outra, berroulle
en silencio:
Regaliño dos meus ollos,
prenda das miñas entrañas:
se non te casas comigo,
por que non me desenganas?
Porque, no fondo, Carmela sabía que os pétalos das margaridas, e tamén as
ferreñas das pandeiretas, ás veces, erran nos seus vaticinios.
O anillo do meu dedo
é de diamante moi fino:
heicho de dar, meu Cibrán,
cando te cases comigo.

2º premio Categoría Adultos – Tomás Rodríguez, Galicia campo de artistas

Hai moito tempo, cando o Courel cortaba o ceo coas súas puntas afiadas, existía unha vila máxica no corazón de Galicia. Cada domingo, co eco das campás baixando polas corredoiras, o campo da feira enchíase de vida. O aire enfeitizábase con arrecendos doces e salgados, e as voces entrecruzábanse nunha melodía, porque alí a xente non falaba: cantaba.
Cada familia ofrecía un don: os cesteiros facían cestos sen fondo; os ferreiros forxaban ferramentas que só funcionaban cando se empuñaban con coraxe; as tecedeiras fiaban coa espuma do mar redes irrompibles e encaixes para os días de festa; os escribáns, sempre coas mans manchadas de tinta, vendían palabras que nunca se borraban da memoria e inventaran mil formas para nomear a choiva; os panadeiros cocían pan con cheiro a infancia; e os oleiros moldeaban cerámica que mudaba segundo o humor do dono. A familia Pérez, coñecida pola súa mestría na creación de instrumentos, era das máis respectadas. Mais a súa filla, Tareixa, non herdara o don: era muda. Sempre andaba polo obradoiro, ollando, calada, o que os demais sabían facer.
Un día chegou ao mercado un forasteiro. Vestía traxe negro e falaba de máquinas e modernidade. Pouco a pouco convenceu ó pobo de que aqueles oficios non tiñan futuro, e que falar cantando era
cousa de xente atrasada. Cegados por promesas de diñeiro, as familias pecharon os obradoiros e marcharon buscando un novo porvir. Pero, mentres a vila se esvaecía, os Pérez decidiron quedar.
Un domingo, Tareixa achegouse ao campo onde antes se celebraba a feira. Entre obxectos esquecidos atopou un aro de cestería, un anaco de tea e uns discos de ferro. Inspiradapolo que vira facer tantas veces aos seus pais, creou un instrumento único: unha pandeireta de fragmentos dos antigos oficios. Non tiña cordas nin teclas, nin era de metal dourado. Cada ferreña representaba unha familia, unidas ao mesmo ritmo. E entón, sucedeu o inesperado:

Tareixa comezou a cantar. Era coma se a vila falase a través dela. Os seus
pais correron emocionados a abrazala. Agora sabían cal o seu maior don:
devolverlle á xente aquela música na que falaban os seus devanceiros e que
todos esqueceran.
Tareixa pasou a vida vagando por vilas e cidades de Galicia. A súa voz nunca
se quebrou, e as súas mans nunca erraron un alalá. Din que, co seu canto,
moitos lembraron as súas raíces. Senón, ¿como se explica que os emigrantes
galegos chegasen a América cunha maleta sen fondo chea de recordos
intactos? ¿Ou que, cando o mar se manchou de chapapote, milleiros lle
devolveran a espuma coma bordando un encaixe? ¿Ou que, os veciños dos
montes apagasen os lumes coma coma antigos ferreiros?
Algúns din que a vella Tareixa xa morreu. Outros, que camiña máis amodo.
Pero está claro que fixo cantar a Galicia de novo. E cando escoites soar unha
pandeireta e sintas un estremecemento no peito —coma se o corazón tropezase
cos seus latexos—, non teñas medo. É que estás a lembrar quen es.

3º premio Categoría Adultos – Gemma Rojo, Ao compás da xata e Manuela

En Currelos, no corazón do Saviñao, vivía Manuela, unha rapaza nova que traballaba arreo. A horta da casa era a máis verde da contorna e as vacas rubias do país, que ela atendía con mimo, a envexa da parroquia.
Manuela comezara de pequena, tocando a tapa dunha vella pota a xeito de pandeireta, mentres a súa avoa Elena lle cantaba coplas. Aos 10 anos herdou, da tía Maruja, unha pandeireta vella, con arrecendo a verbena e augardente, á que lle faltaban varias ferreñas. Agora si, Manuela tocaba e cantaba en canta foliada había na Ribeira Sacra.
No ano no que ía cumprir 15 anos Manuela ía a debutar como pandereteira na festa da parroquia polo que, uns días antes da gran data, decidiu levar a vella pandeireta con ela e, mentres gardaba o gando, ensaiar un pouco.
Xata, unha das vacas da casa, con máis xenio ca unha sogra sen filtro, teimuda e con ollos de pouco fiar, púxose a escoitar a rapaza mentres cantaba, remoendo con cara de xuíza de concurso de talentos. Manuela cantaba:
“Sein cantar e sein bailar
sein toca-la pandereta
o que se case comigo
leva música completa”

Estaba tan metida na canción que non viu como a Xata se achegaba paseniño, empurrada pola curiosidade… A vaca, sen querer, meteulle unha cabezada na pandeireta e saíu voando, describindo unha parábola perfecta ata caer, a uns 50 metros, dentro do pozo que había na horta.
—Ai, pola virxe de Guadalupe, que era a única que tiña! —berrou Manuela.

Pasou o resto da tarde intentando pescala: coa callada do avó, ca goma de
regar ata cunhas pinzas do churrasco que tiña na horta. Nada. A pandeireta
quedou alí, no fondo, soa, afogada e probablemente ofendida.
Sen pandeireta e sen cartos para unha nova, Manuela colleu outra vez
a tapa da pota vella e colgoulle uns axóuxeres a xeito de ferreñas… Non
soaba igual, pero tiña un aquel moderno que foi todo un éxito o día da
festa da parroquia.
Foi tal o ruxerruxe que se armou que chegou por Currelos un produtor
con gafas sen cristais e bufanda en xullo, buscando talento rural “de raíz
con toque posmoderno” que dicía que ía facer de Manuela toda unha estrela
musical. A rapaza era desconfiada mais comezaron por dar un concerto
na taberna da aldea, rodeada de amigas, veciñas e algunhas vacas curiosas,
coa Xata de líder, muando ao ritmo da tapa da pota vella.
O concerto foi todo un éxito e dedicoulle aquela actuación á súa primeira
pandeireta:
—Descansa en paz no pozo, amiga. Ti abriches a porta ao triunfo…
e á ferruxe.

 

1º premio Categoría Xuvenil – Adriana González, Habelas Hailas

A miña bisavoa era unha meiga. Ela e as súas amigas xuntábanse cada tarde, ao serán, para facer os seus aquelarres e crear meigallos e encantamentos coa maxia das súas mans.
Todas elas estaban dotadas de poderes extraordinarios que lles permitían transformar obxectos cotiás en valiosos instrumentos musicais. Bastáballes acariñar cos seus dedos unha lata de pementón, golpear dúas pinas, ou bater unha culler contra unha botella de anís para que a música emanase dos conxuros das súas mans.
Tamén eran quen de facer maxia coa forza das súas voces, sacando obras de arte das súas gorxas coma se fosen magos que sacan coellos dos sombreiros. O seu cantar era tan fermoso que cegaba os corazóns de cantos as escoitaban.
Pero o seu meigallo ía moito máis aló. Ela e as súas veciñas eran meigas sabias, que coñecían a fórmula dunha apócema máxica capaz de conservar as linguas prohibidas durante décadas e décadas. Coas súas mans e coas súas gorxas foron quen de preservar o ADN da nosa identidade, elaborando coa lingua galega auténticas obras de arte en
forma de cantareas.
Entre alalás e muiñeiras, entre pandeiretas e tarrañolas, foron facendo os seus ritos e transmitíndoos ás súas fillas e netas. Nos solsticios de verán, eu tamén me reúno con elas, e a carón dunha lareira e dun pote, énchome do saber e da cultura centenaria que reside nas súas voces.
Este ano, polas Letras Galegas, vai haber un grande aquelarre como homenaxe a todas as que, coma a miña bisavoa, levan facendo maxia unha morea de anos.

Moitos din que a maxia non existe, e que as meigas son invencións populares.
Iso é porque non coñecen a miña bisavoa e as súas compañeiras.
Todo o saber do mundo está dentro delas. Porque as avoas sabias, como
as meigas, habelas hailas.

2º premio Categoría Xuvenil – Adara Soto, Dunha pandeireta engaiolada

O cristal rompeu en mil anacos e dos meus ollos brotaron bágoas silandeiras e medorentas. Polo meu escudo translúcido só pasaba a escuridade dun murmurio ferinte que me facía tremer. Golpes enfadados sacudíronme unha e outra vez, como xa era costume. Sentíame nunha inmensa gaiola con barrotes en forma de promesas de amor de baleiro e cariño de plastilina. Unha proposta de casamento, un anel de ouro, un sorriso acedo e uns ollos acastañados foran aqueles que me someteran a unha sinfonía de golpes e desprezo que me vía obrigada a denominar matrimonio.
Busquei escapar da realidade. Lembranzas comezaron a sucederse na miña cabeza, naquel escenario que endexamais me cansaría de vivir. Preparábame e tapábame os negróns como podía. Pandeireta en man, saía da casa a paso firme e chegaba ao lugar que tanto ansiaba. Comezabamos a tocar, con cada nova nota infinidade de cores atravesaban o ar. Risos, bailes, aturuxos e música. Palpábao todo á vez, en cuestión de segundos, ao son das pandeiretas. Ulía o entusiasmo e percorría coa ollada a carballeira ateigada de xente. As comisuras dos meus labios curvábanse para finalmente debuxar un sorriso de orella a orella contaxiado polo ambiente dun lugar no que me sentía segura. Un lugar no que era feliz.
Erguinme do chan, o meu home, considerara, xa me zoscara dabondo. O remate do día achegábase, observei o sol acariñando as montañas, debuxei o tacto das ferreñas e sorrín o máximo que a dor me permitía. Esta noite había foliada.

3º premio Categoría Xuvenil – Gabriel Capón, O cazador e a presa

Na escuridade do bosque, baixo o murmurio das follas movidas polo vento, o cazador avanza. Os seus pasos son firmes, case silenciosos, sobre a terra húmida. Nos seus ollos brilla unha fame antiga, unha sede de sangue que lle queima as veas. A escopeta, fría e pesada, descansa no seu ombro, e os seus dedos acarician o gatillo cunha ansia contida. Cada sombra, cada ruxido, fai que o seu corazón lata máis forte, non por medo, senón pola emoción da caza. Quere matar. Necesítao.
A presa, un cervo novo, está a poucos metros, ignorante do perigo. O seu corpo áxil treme ao roce dunha brisa fría. Os seus ollos, grandes e húmidos, miran ao redor, inquietos, captando o menor movemento entre as árbores. O seu corazón late desbocado, como se un instinto ancestral lle berrase que fuxa. Pero non sabe de onde vén o perigo. As súas patas, lixeiras e nerviosas, pisan follas secas, e o leve crepitar resoa como un tambor no silencio. O terror apodérase del, un medo puro, animal, que lle aperta o peito e lle rouba o alento.
O cazador sorrí, un xesto cruel que deixa ver os dentes. Pode cheirar o medo da presa, case saborealo. Move un paso, lento, calculado, e o cervo ergue a cabeza, as orellas tensas. O home axusta a arma, o canón apuntando ao flanco do animal. Imaxina o sangue quente escorrendo, o corpo inerte caendo sobre a herba. A súa respiración é pausada, pero opulso trémelle de excitación. É o momento. O poder de decidir a vida ou a morte está nassúas mans, e iso éncheo de vida.
O cervo, nun instante de pánico cego, dá un salto, intentando fuxir. As ramas cruxen baixo o seu peso, o seu corpo choca contra os arbustos. Pero o cazador é rápido. O disparo retumba, un eco que fai calar o bosque. O cervo cae, un suspiro débil escapa da súa gorxa mentres o sangue tingue a terra.

O cazador achégase, os ollos brillando de satisfacción. Toca o corpo aínda quente, sentindo a vitoria. Non hai remorso, só a euforia do triunfo.
O bosque queda en silencio, só roto polo riso baixo do cazador. A morteé a súa compañeira, a súa amiga, e hoxe, unha vez máis, danzaron xuntos.

Feiraco honra o Día das Letras Galegas exaltando o folclore como esencia da nosa cultura

  • A marca suma forzas co grupo Xacarandaina para promover unha academia de folclore baixo o lema ‘Galicia é campo de artistas’
  • De maneira paralela estará activo o XIII Certame de Microrrelatos, co que pretenden achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional oral ás novas xeracións
  • O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, destacou que “detrás de cada litro de leite hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas”

Feiraco lanza unha nova campaña para homenaxear o Día das Letras Galegas. Este ano desenvolverase baixo o lema ‘Galicia é campo de artistas’, apostando polo folclore tradicional como esencia da cultura galega.

A iniciativa inclúe a creación dunha academia de folclore en colaboración co grupo Xacarandaina, coñecido polo seu labor na difusión da música e do baile tradicional galego.

A través desta alianza, gravaranse catro clases de folclore básico que estarán dispoñibles no enderezo web de Feiraco e que pretenden lograr que todo o mundo sinta a música. Versarán sobre ‘Introdución á pandeireta’, ‘Pasos básicos da muiñeira’, ‘Ritmo folclórico’ e ‘Ton no folclore’.

A iniciativa foi presentada esta mañá no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, nun emotivo acto guiado por Esther Estévez, que amadriñará por terceiro ano consecutivo as Letras Galegas de Feiraco.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que “a campaña de Feiraco sempre se distingue por algo, por innovar e ir un paso máis aló. Este ano, xunto con Xacarandaina, preséntannos unha iniciativa que busca ensinar á xente a bailar, a cantar, a tocar a pandeireta… unha maneira magnífica de poñer en valor o legado que nos deixaron esas pandeiretas e que honra a un pobo que canta, que baila e que ten alegría”.

O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, tras agradecer a todos os presentes a súa colaboración, destacou que “detrás de cada litro de leite, de cada iogur, hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas” e, concluíu, “nós traballaremos todos e todas xuntas para poñelo en valor e que siga habendo, moitos anos máis, un campo de vida e un campo de futuro”.

A directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes, en alusión ao XIII Certame de Microrrelatos, destacou que “é fundamental poñer en marcha este tipo de iniciativas para achegarllas ás novas xeracións”.

Pola súa parte, a presidenta da asociación Xacarandaina, Patricia Miño, explicou o funcionamento da entidade, que leva traballando desde 1978 para educar e poñer en valor a música e a cultura galega: “estamos moi contentos de poder colaborar nesta iniciativa e sentimos unha gran alegría polo recoñecemento a esas mulleres. Nós seguiremos traballando para manter e transmitir o seu legado na sociedade”.

XIII Certame de Microrrelatos

De maneira paralela estará activo o XIII Certame de Microrrelatos, que este ano desafía ás persoas participantes a crear as súas historias sobre esta mesma temática, buscando achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional ás novas xeracións. As narracións deberán estar inspiradas en Galicia e ter de protagonista a unha cantareira ou pandeireteira.

O certame conta con dúas categorías: a xuvenil, dirixida ao estudantado; e a adulta, para maiores de 18 anos. Unha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, xunto cun lote de produtos Feiraco, son os premios aos que optan.

Con esta campaña, Feiraco busca reafirmar o seu compromiso coa cultura galega, promovendo o amor pola lingua e as nosas tradicións, co obxectivo de acadar a transmisión xeracional que as manteña vivas por e para sempre

FEIRACO entrega os premios do XII Certame de Microrrelatos, que convoca para promover o uso da lingua galega

Feiraco, entregou esta mañá os premios aos gañadores do XII Certame de Microrrelatos, un concurso cada ano máis consolidado de Feiraco e que se celebra con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas para promover o coñecemento, o uso e a divulgación do idioma galego. Un certame consolidado que nesta edición sumou un cento de participantes de toda Galicia, así como a participación do alumnado de oito centros educativos. Como explicou Jessica Rey foron “relatos de moi distinta natureza e temática” que en gran medida representaban a realidade cotiá social na que vivimos, dende violencia de xénero, amizade, asasinatos e desaparicións, enfermidades como alzheimer, morriña… Unha importante parte dos galardóns foron para a provincia de Ourense, os tres da categoría xuvenil e o segundo premio da de adultos; mentres que os dous restantes de adulto recaeron na provincia de A Coruña.

Neste acto participaron o director de desenvolvemento de negocio de CLUN, Roberto Casas; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o fundador da Librería Follas Novas, Rafael García; e a directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey. Nel entregáronse os galardóns deste XII Certame de Microrrelatos, no que participaron alumnos e alumnas de Secundaria de oito centros educativos de Galicia na categoría xuvenil e case un cento de persoas na que categoría de maiores de 18 anos.

Jessica Rey puxo en valor a creatividade e a calidade dos relatos gañadores e destacou a gran participación que recibiu esta edición do certame. Pola súa banda, Valentín García destacou “a boa saúde e aceptación do Certame de Microrrelatos grazas o seu elevado índice de participación” –ademais engade- “esta promoción da lingua galega faise dende una marca de prestixio como é Feiraco

Premiados

As persoas galardoadas nesta edición de 2024 na categoría de adultos foron:

José Alvite Lema (de Negreira, A Coruña) acadou o primeiro premio con Púxenme a escoitar no silencio da noite”. Un relato nun momento de insomnio dun escritor co soño de ser lido e no que lembra tempos pasados.

O segundo foi para Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, Ourense) con “A liña do fronte”, unha emotiva narración sobre o alzheimer dun coronel do exército.

A terceira posición recaeu en Manuel Felípez Collazo (A Coruña) e o seu “Loliño” no que amosa a morriña da súa infancia na aldea.

A categoría xuvenil recaeu completamente en centros ourensáns.

Así “Unha noite no parque” de Miguel Salgado Abraldes, do CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea, Ourense) converteuse no ganador desta edición cun relato sobre desaparicións e asasinatos de tres rapaces nun parque.

Seguido de  Analía Baloira Núñez con “Os campos de Galicia” toda unha declaración de amor a terra e o rural galego.

Finalmente,  Noa Rodríguez Pájaro con “Xustiza pola mán” que trata sobre a violencia de xénero e a amizade. Ambos os dous do IES Xermán Ancochea Quevedo (Trives, Ourense).

Todos eles presentaron creacións literarias breves, de menos de 500 palabras, escritas en galego e comezando coa frase “Púxenme a escoitar…” , verso dun dos poemarios de Luisa Villalta, como homenaxe á escritora, a quen este ano se lle dedicou o 17 de maio. Os relatos poden consultarse na web www.feiraco.es

Os seis premiados recibiron un lote de produtos FEIRACO. A maiores, o primeiro premio de cada categoría recibiu un ano de libros en galego e un agasallo especial: unha vaca suxeita-libros feita por un artesán galego en madeira de bidueiro; o segundo premio levou un ano de libros en galego; e o terceiro premio recolleu unha selección de libros de Luisa Villalta.

O xurado do XII Certame de Microrrelatos conformado por FEIRACO e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, seleccionou os tres relatos premiados de cada categoría de acordo con tres criterios: orixinalidade e creatividade da historia, redacción coidada e uso correcto da lingua galega. Unha decisión que nesta edición foi especialmente difícil, debido á calidade dos relatos presentados, polo que todos os presentes no acto de entrega dos galardóns coincidiron á hora de felicitar ao xurado pola súa labor.

Coa entrega destes premios, CLUN pon o broche de ouro aos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha iniciativa que este ano incluíu unha campaña para promover a Leiteratura entre a cidadanía galega, como forma de reivindicar o a literatura en galego e o consumo de leite, como dous dos produtos máis excelentes que se producen na nosa terra.

Deste xeito, a cooperativa volve deixar constancia da total identificación da compañía e das súas marcas con Galicia, coa cultura galega e co rural galego. Un compromiso coa identidade patrimonial, cultural e tradicional da nosa terra que tamén se recolle noutras campañas estacionais como a celebrada recentemente co gallo do Entroido.

Feiraco é unha empresa láctea integrada en CLUN, cooperativa rural galega, e a maior cooperativa leiteira de Galicia, que conta con máis de 3.000 socios,  cunha facturación de preto de 267 millóns de euros en vendas no 2023, sendo este o mellor balance da súa historia, e con presenza en 65 países.

Estas Letras Galegas… Practica a Leiteratura!

A Leiteratura é un recordatorio para que cada día, todos os días, adiquemos un momento para nós. Un momento no que procuremos un bo libro, cunha cunca de leite morno, un lugar de calma e desconectemos para practicar a nosa sesión diaria de Leiteratura.

A Leiteratura quere animar a lectura como hábito de todos os días. Para recuperar o control do noso propio tempo. E para manter viva a nosa lingua.

Leiteratura é un momento para deixar as pantallas e dedicar á lectura. Recuperando ese espazo que os móbiles, ás veces, sen darnos conta rouban á lectura. Practicar a Leiteratura alimenta! Alimenta o corpo, grazas ó leite e alimenta a imaxinación, o coñecemento e a nosa mente, grazas á literatura.

O leite e a literatura son dous dos principais produtos de Galicia. A súa unión fala de pasado, presente e futuro. Fala dos galegos e galegas e do que somos quen de conseguir co esforzo de cada día. E que mellor día para celebrar este propósito que o Día das Letras Galegas.

XII Certame de Relatos Breves de Feiraco

Practicar a Leiteratura e fomentar a nosa lingua é importante, cada día. E escribir é unha das mellores formas de dar vida a nosa lingua. Por iso,desde Feiraco, como cada ano polo Día das Letras Galegas celebramos o XI Certame de Relatos Breves.

Aqueles que queiran participar neste certame e conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado a poetisa Luisa Villalta xa poden preparar os seus relatos. Estes deberán ser orixinais, estar escritos en galego, ter un máximo de 500 palabras e de temática libre, coa única condición de que a historia comece coa frase: “Púxenme a escoitar…”

Xa podes subir o teu relato á web leiteratura.feiraco.es , nesta páxina atoparás toda a información sobre o certame!

CLUN premia, un ano máis, as Letras Galegas

  • A cooperativa celebrou hoxe o acto de entrega dos galardóns correspondentes ao tradicional certame literario que convoca con motivo do Día das Letras Galegas
  • Os gañadores da VII edición do certame de Microrrelatos de Feiraco foron Arcadio Mallo, Tania Vidal e Susana Villamor, na categoría de adultos; e Lorena Fernández, Ariana Núñez e Nerea Costa, na xuvenil
  • No acto de entrega participaron, entre outros, o secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, o presidente da Real Academia Galega, o vicepresidente e o director da división láctea de CLUN

Continue reading “CLUN premia, un ano máis, as Letras Galegas”

FEIRACO CELEBRA AS LETRAS GALEGAS 2018 CUNHA CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, O TRADICIONAL CERTAME DE MICRORRELATOS E A REEDICIÓN DOS CONTOS DE ONDE VÉN O LEITE

  • Hoxe presentouse a VII edición do Certame de Microrrelatos dirixido a nenos, mozos e adultos, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e Pousadas de Compostela 
  • Este ano colabora ademais na Carreira Camiño das Letras e volve colaborar nos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística
  • A campaña de animación á lectura “Practica a LEITura” permite optar a un dos 150 carteis vintage que Feiraco sorteará ata o 27 de maio

Continue reading “FEIRACO CELEBRA AS LETRAS GALEGAS 2018 CUNHA CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA, O TRADICIONAL CERTAME DE MICRORRELATOS E A REEDICIÓN DOS CONTOS DE ONDE VÉN O LEITE”