Os profesionais da saúde recomendan o consumo diario de leite e lácteos dentro dunha dieta variada e equilibrada. Hai multitude de estudos científicos que aboan os seus beneficios para a saúde. O leite e os derivados lácteos son alimentos dun elevado valor nutritivo, xa que na súa composición entran a formar parte practicamente todos os nutrientes en cantidades relativamente elevadas. Ademais de proporcionaren enerxía, son unha excelente fonte de proteínas de elevado valor biolóxico e doutros nutrientes como calcio, magnesio, fósforo, zinc, iodo ou selenio, e de vitaminas do complexo B, así como de vitaminas A e D.
Dado o seu valor nutricional, recoméndase unha inxestión diaria de leite e derivados lácteos equivalente a de 2 a 4 racións diarias de leite en función da idade e do estado fisiolóxico.
Principais beneficios
O leite é fonte de proteínas de elevado valor biolóxico porque contén todos os aminoácidos esenciais, mesmo en cantidades superiores ao patrón proteico internacional de referencia.
Ademais, o leite contén péptidos bioactivos, con propiedades beneficiosas, demostradas cientificamente, para o sistema inmunitario, cardiovascular e dixestivo.
É a principal fonte dietética de calcio, non só polo seu elevado contido deste mineral, senón tamén pola súa alta biodispoñibilidade grazas a outros compoñentes do leite: vitamina D, proteínas, fósforo, etc…
É rico en vitamina A, especialmente importante no crecemento, o desenvolvemento, a inmunidade e a saúde ocular.
Estudos recentes demostran que a graxa do leite, malia que fora considerada non beneficiosa polo seu alto contido en ácidos graxos saturados, non só non é prexudicial para a saúde cardiovascular e outras enfermidades crónicas, como a síndrome metabólica e a diabetes, senón que podería ter un efecto protector a través dalgúns ácidos graxos saturados presentes na graxa láctea.
Ademais, tomar leite é todo un pracer.
Leer más