FEIRACO reforza o seu compromiso co deporte galego

Feiraco volveu a correr xunto a Galicia na 46ª Carreira Pedestre Popular de Santiago. Un ano máis, sumámonos ao grupo de patrocinadores da 46ª edición da Careira Pedestre Popular de Santiago, organizada polo Correo Galego, unha das citas máis arraigadas e emblemáticas do atletismo galego e nacional.

Iogures FEIRACO, enerxía para os corredores

Nesta edición, Feiraco estivo máis presente ca nunca co novo iogur, un produto recentemente lanzado ao mercado, presente nos puntos de avituallamento, axudando ás persoas participantes a manter o ritmo e completar a proba con vitalidade.

Ademais, na Praza do Obradoiro instalouse un iogur xigante como símbolo da presenza da marca nesta cita. Tamén fomos os encargados de entregar a bolsa oficial da carreira, reafirmando o noso papel como aliados dos deportistas galegos, como embaixadores dos produtos lácteos de proximidade e de cooperativa e inundando as rúas de Santiago de Compostela de verde. 

 

 

 

 

FEIRACO lanza iogures galegos e de cooperativa

Feiraco amplía a súa gama de produtos co lanzamento de iogures no mercado galego. Este lanzamento conta con tres referencias: natural, vainilla e amorodo, que se poderán atopar en tendas e supermercados galegos.

Comercialízase en packs de dúas unidades de 125g nun envase de calidade e de fácil reciclaxe. No exterior luce unha imaxe real dun campo galego, e no interior de cada vasiño o consumidor pode ver a imaxe e a historia de gandeiros e gandeiras responsables de conseguir cada día o leite de calidade de FEIRACO.

Os produtos preséntanse baixo o selo “producto de cooperativa CLUN” e o de “100% orixe galega” facendo alusión ao seus elementos diferenciais. “Un produto de cooperativa é un produto sen intermediarios, onde o modelo cooperativo está dende o campo, no coidado das vacas, na obtención do leite e ata a súa transformación e comercialización. E iso significa que escoller un produto de cooperativa é beneficiar directamente ao campo galego” – explica Juan Gallástegui, director xeral de CLUN.

Este espírito de cooperativa é o que se pode apreciar no spot encargado de presentar o novo iogur FEIRACO, así, esta peza audiovisual está protagonizada por gandeiros e gandeiras reais en lugar de por actores, que directamente dende o campo, presentan o novo iogur Feiraco.

Compromiso coa sustentabilidade

Cun vasiño 100% reciclable, o envase deste novo produto fala por si só de sustentabilidade. Conta cunha capa de plástico fina e reforzo de cartón que se pode separar facilmente, permitindo depositar cada material no colector correspondente: o vasiño de plástico e tapa no amarelo e o cartón no azul. Con este xesto, Feiraco contribúe a facilitar a reciclaxe e o coidado do medio ambiente.

Dez tempadas de alianza: Feiraco renova o seu patrocinio co RC Deportivo de A Coruña

  • O pasado sábado tivo lugar un acto conmemorativo no que se presentou unha camiseta especial co número 10, símbolo destas dez tempadas camiñando xuntos
  • O patrocinio de FEIRACO co Deportivo exténdese ao equipo femenino e ás dépor escolas Feiraco que chegan a máis de 500 nenos e nenas.
  • Neste partido FEIRACO aproveitou para presentar o novo iogur Feiraco onde se emitiu en primicia o spot do lanzamento do novo produto que moi pronto se poderá atopar nos supermercados galegos.

Feiraco,  renova o patrocinio do RC Deportivo da Coruña na que é xa a súa décima tempada de alianza.

Para celebralo, o sábado, 4 de outubro, coincidindo coa previa do partido en Riazor, tivo lugar un acto conmemorativo no que participaron D. Juan Gallástegui, director xeral de CLUN e D. Vicente Fernández, Consejero del RC Deportivo.

Sobre o céspede do estadio presentouse unha camiseta especial co número 10, símbolo destas dez tempadas camiñando xuntos. Ademais, durante o acto proxectouse un vídeo histórico no que se recollían algúns dos momentos máis destacados da relación de Feiraco co club branquiazul, que se remonta á tempada 1992-1993, cando a marca láctea se converteu en patrocinador principal do equipo.

A presenza de FEIRACO na camiseta prolongouse durante oito tempadas consecutivas (1992-2000), coincidindo cunha das etapas máis brillantes do club. Neses anos destacaron figuras como Bebeto ou Mauro Silva e adestradores aínda queridos como Arsenio Iglesias ou Javier Irueta. Ademais, serán recordados pola conquista de títulos tan significativos como a Copa do Rei ou o campionato de Liga. FEIRACO volveu ás camisetas da vestimenta do club deportivista a pasada tempada (2024-2025), esta vez na parte traseira, xusto encima do nome dos xogadores.

Como parte da celebración por este décimo aniversario, sortearase a camiseta conmemorativa nas redes oficiais de FEIRACO, ofrecendo ás persoas afeccionadas a posibilidade de facerse co símbolo desta colaboración.

O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, resaltou que “estes dez anos de unión son boa mostra do compromiso que temos desde CLUN co deporte galego e, neste caso, cun club histórico que forma parte da identidade de Galicia”.

Pero esta unión vai máis aló, xa que FEIRACO renovou, tamén, o seu patrocinio ao Dépor Abanca e as Dépor Escolas FEIRACO, reforzando o seu apoio ao fútbol feminino e á formación das novas xeracións.

Novo iogur

Durante o encontro os afeccionados e afeccionadas puideron gozar do novo Iogur Feiraco na cantina do recinto de maneira gratuíta coas súas consumicións. Trátase dun produto que próximamente estará en supermercados e tendas galegas e co que a marca extende a súa presenza nos produtos lácteos. Tamén neste partido se emitiu en primicia o spot do novo iougr protagonizado por gandeiros e gandeiras da cooperativa que cada día traballan para conseguir o mellor leite Feiraco.

Feiraco crea souvenirs de Galicia para celebrar este 25 de xullo

Con motivo da celebración do Día de Galicia, o 25 de xullo, Feiraco presenta unha nova identidade gráfica en colaboración con  Son un Toxo, coa que busca homenaxear o sentimento de orgullo e amor pola terra que comparten os galegos e galegas.

A proposta visual, inspirada na icónica campaña turística I❤️NY , adáptase á realidade galega cunha mensaxe clara e concisa: ‘EU 💚 GALICIA’. A intención é trasladar esa expresión de afecto e pertenza á terra dun xeito simple, traducindo a mensaxe ao galego e coloreando de verde o icónico corazón.

A ilustración está visible nos lineais lácteos de distintos supermercados galegos, achegando a acción gráfica aos fogares.

Ademais, como parte da campaña, Feiraco pon en marcha diferentes accións promocionais e participativas nas que se pode conseguir os “souvenirs” co lema ‘EU 💚 GALICIA’. Por unha banda, nas redes sociais sortéanse cuncas e bolsas de tea coa ilustración conmemorativa. Por outra, os consumidores que adquiran unha caixa de leite Feiraco poden participar nun sorteo especial dos “souvenirs”. Para iso, deberán subir o tícket de compra e cubrir un formulario que se atopará na web feiraco.es.

Ademais, o día previo, xoves 24 de xullo, a partir das 16.00h, terá lugar unha acción especial no Carrefour de As Cancelas en Santiago de Compostela, no que se instalará un mural xigante coa iniciativa e convidarase ás persoas que se atopen no establecemento a deixar unha mensaxe de amor a Galicia nun post-it. Quen participe levará como agasallo unha cunca ou unha bolsa de tea.

Con esta campaña, Feiraco reforza o vínculo coa comunidade galega a través dunha proposta que pon en valor o orgullo e amor pola nosa terra.

 

O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco reuniu relatos de toda Galicia protagonizados pola música tradicional galega

  • As instalacións de CLUN en Ames acolleron hoxe a entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco
  • Adriana González, Adara Soto e José Luís Capón na categoría xuvenil e Ramón Domínguez, Tomás Rodríguez e Gemma Rojo, na de adultos, foron os gañadores desta edición
  • “A literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura” destacan dende Feiraco.

As instalacións de CLUN en Ames convertéronse, hoxe, no escenario da entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco, convocados pola marca no mes de maio para celebrar o Día da Letras Galegas. Un acto no que se celebrou o poder da palabra de todas as persoas participantes e que contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Patricia Miño, presidenta de Xacarandaina e o equipo directivo de CLUN.

Este certame, xa consolidado no panorama cultural galego, propuxo nesta edición crear historias arredor da figura das cantareiras e da poesía tradicional, achegando a alma e esencia da música galega a todas as xeracións. A proposta inspirou a decenas de participantes, que souberon dar voz a todas esas mulleres que mantiveron viva a música e a lingua galega ao longo da historia.

“É un orgullo ver como cada ano Feiraco é capaz de conectar xeracións a través da escrita”, sinalou a directora de marketing e comunicación de CLUN, Jessica Rey, que puxo en valor esta iniciativa, “coa que demostramos, unha vez máis, que a literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura, coa que a marca Feiraco está completamente comprometida”.

Os relatos premiados

Os relatos premiados recollen palabras nas que brilla a tradición e a creatividade. Na categoría xuvenil, resultaron galardoadas Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón, todos eles estudantes do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Adriana emocionou co seu relato ‘Habelas hailas’, unha homenaxe ás avoas e ás súas historias. Adara ofreceu unha poderosa visión sobre a violencia de xénero en ‘Dunha pandeireta engailoada’, onde a música se converte en refuxio. Pola súa parte, Gabriel presentou ‘O cazador e a presa’, un texto que fai que o lector se mergulle no silencio do monte e a dureza da caza.

Na categoría de adultos, Ramón Domínguez, de Fene (A Coruña), destacou con ‘Carmela’, onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta. Pola súa parte, Tomás Rodríguez, en ‘Campo de artistas’, recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta, quedando para sempre a súa esencia no corpo e alma das persoas. Por último, Gemma Rojo, de Saviñao (Lugo), contou a historia dunha rapaza que, tras perder a súa pandeireta por unha cornada de vaca, crea outra coa tapa dunha pota e acaba conquistando os escenarios do país.

Os premios consistiron nunha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, ademais dun lote de produtos da marca. Ao remate, as persoas premiadas tiveron a oportunidade de visitar a fábrica láctea de Feiraco, coñecendo de preto o labor dunha marca que segue consolidando a súa aposta pola defensa da lingua e a cultura galega.

O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco confirma que Galicia non só é campo de artistas, senón tamén de lendas, de historias e de tradición.

Gañadores XIII Certame de Microrrelatos FEIRACO

Le os relatos gañadores do XIII Certame de Microrrelatos FEIRACO.

1º premio Categoría Adultos – Ramón Domínguez, Carmela

Cibrán era un bo mozo. O mellor bailador do grupo. O máis feito. O que pegaba os chimpos máis altos.
Carmela devecía por ir ás festas só por velo a el.
Poñíase diante do palco e non lle quitaba o ollo de enriba ata que remataba a actuación. Tanto lle gustaba, que mesmo se meteu na banda e comezou a ir aos ensaios para telo máis cerca.
Pero mentres as outras mozas cantaban e tocaban a gaita, o pandeiro, o bombo e o tamboril, ela dedicábase a esfollar as ferreñas da súa pandeireta.
Quéreme.
Non me quere.
Quéreme.
Non me quere.
Quéreme.
Non me quere.
Mais aquel final malfadado xa era coñecido de antemán ao ser o dela un instrumento de nove pares.
Así e todo, arrigoullas unha a unha, devagar mais sen piedade, sen ser apenas consciente de que a folla de lata de que estaban feitas lle cortaba os dedos e manchaba a pelica co seu sangue namorado.
Perdera a cabeza por Cibrán.
Quen sabe se estaría tamén a perder o tempo, pensou cando escoitou o mozo dedicarlle a outra aquela copla que ela tantas veces cantara:
Sei cantar e sei bailar
sei tocar a pandeireta
a que se case comigo
leva a música completa.

Pero o que non estaba disposta a perder Carmela era a esperanza.
O día do patrón, Carmela non puido tocar por mor da súa pandeireta fanada.
Pero si puido cantar. E, mirando a Cibrán mentres bailaba coa outra, berroulle
en silencio:
Regaliño dos meus ollos,
prenda das miñas entrañas:
se non te casas comigo,
por que non me desenganas?
Porque, no fondo, Carmela sabía que os pétalos das margaridas, e tamén as
ferreñas das pandeiretas, ás veces, erran nos seus vaticinios.
O anillo do meu dedo
é de diamante moi fino:
heicho de dar, meu Cibrán,
cando te cases comigo.

2º premio Categoría Adultos – Tomás Rodríguez, Galicia campo de artistas

Hai moito tempo, cando o Courel cortaba o ceo coas súas puntas afiadas, existía unha vila máxica no corazón de Galicia. Cada domingo, co eco das campás baixando polas corredoiras, o campo da feira enchíase de vida. O aire enfeitizábase con arrecendos doces e salgados, e as voces entrecruzábanse nunha melodía, porque alí a xente non falaba: cantaba.
Cada familia ofrecía un don: os cesteiros facían cestos sen fondo; os ferreiros forxaban ferramentas que só funcionaban cando se empuñaban con coraxe; as tecedeiras fiaban coa espuma do mar redes irrompibles e encaixes para os días de festa; os escribáns, sempre coas mans manchadas de tinta, vendían palabras que nunca se borraban da memoria e inventaran mil formas para nomear a choiva; os panadeiros cocían pan con cheiro a infancia; e os oleiros moldeaban cerámica que mudaba segundo o humor do dono. A familia Pérez, coñecida pola súa mestría na creación de instrumentos, era das máis respectadas. Mais a súa filla, Tareixa, non herdara o don: era muda. Sempre andaba polo obradoiro, ollando, calada, o que os demais sabían facer.
Un día chegou ao mercado un forasteiro. Vestía traxe negro e falaba de máquinas e modernidade. Pouco a pouco convenceu ó pobo de que aqueles oficios non tiñan futuro, e que falar cantando era
cousa de xente atrasada. Cegados por promesas de diñeiro, as familias pecharon os obradoiros e marcharon buscando un novo porvir. Pero, mentres a vila se esvaecía, os Pérez decidiron quedar.
Un domingo, Tareixa achegouse ao campo onde antes se celebraba a feira. Entre obxectos esquecidos atopou un aro de cestería, un anaco de tea e uns discos de ferro. Inspiradapolo que vira facer tantas veces aos seus pais, creou un instrumento único: unha pandeireta de fragmentos dos antigos oficios. Non tiña cordas nin teclas, nin era de metal dourado. Cada ferreña representaba unha familia, unidas ao mesmo ritmo. E entón, sucedeu o inesperado:

Tareixa comezou a cantar. Era coma se a vila falase a través dela. Os seus
pais correron emocionados a abrazala. Agora sabían cal o seu maior don:
devolverlle á xente aquela música na que falaban os seus devanceiros e que
todos esqueceran.
Tareixa pasou a vida vagando por vilas e cidades de Galicia. A súa voz nunca
se quebrou, e as súas mans nunca erraron un alalá. Din que, co seu canto,
moitos lembraron as súas raíces. Senón, ¿como se explica que os emigrantes
galegos chegasen a América cunha maleta sen fondo chea de recordos
intactos? ¿Ou que, cando o mar se manchou de chapapote, milleiros lle
devolveran a espuma coma bordando un encaixe? ¿Ou que, os veciños dos
montes apagasen os lumes coma coma antigos ferreiros?
Algúns din que a vella Tareixa xa morreu. Outros, que camiña máis amodo.
Pero está claro que fixo cantar a Galicia de novo. E cando escoites soar unha
pandeireta e sintas un estremecemento no peito —coma se o corazón tropezase
cos seus latexos—, non teñas medo. É que estás a lembrar quen es.

3º premio Categoría Adultos – Gemma Rojo, Ao compás da xata e Manuela

En Currelos, no corazón do Saviñao, vivía Manuela, unha rapaza nova que traballaba arreo. A horta da casa era a máis verde da contorna e as vacas rubias do país, que ela atendía con mimo, a envexa da parroquia.
Manuela comezara de pequena, tocando a tapa dunha vella pota a xeito de pandeireta, mentres a súa avoa Elena lle cantaba coplas. Aos 10 anos herdou, da tía Maruja, unha pandeireta vella, con arrecendo a verbena e augardente, á que lle faltaban varias ferreñas. Agora si, Manuela tocaba e cantaba en canta foliada había na Ribeira Sacra.
No ano no que ía cumprir 15 anos Manuela ía a debutar como pandereteira na festa da parroquia polo que, uns días antes da gran data, decidiu levar a vella pandeireta con ela e, mentres gardaba o gando, ensaiar un pouco.
Xata, unha das vacas da casa, con máis xenio ca unha sogra sen filtro, teimuda e con ollos de pouco fiar, púxose a escoitar a rapaza mentres cantaba, remoendo con cara de xuíza de concurso de talentos. Manuela cantaba:
“Sein cantar e sein bailar
sein toca-la pandereta
o que se case comigo
leva música completa”

Estaba tan metida na canción que non viu como a Xata se achegaba paseniño, empurrada pola curiosidade… A vaca, sen querer, meteulle unha cabezada na pandeireta e saíu voando, describindo unha parábola perfecta ata caer, a uns 50 metros, dentro do pozo que había na horta.
—Ai, pola virxe de Guadalupe, que era a única que tiña! —berrou Manuela.

Pasou o resto da tarde intentando pescala: coa callada do avó, ca goma de
regar ata cunhas pinzas do churrasco que tiña na horta. Nada. A pandeireta
quedou alí, no fondo, soa, afogada e probablemente ofendida.
Sen pandeireta e sen cartos para unha nova, Manuela colleu outra vez
a tapa da pota vella e colgoulle uns axóuxeres a xeito de ferreñas… Non
soaba igual, pero tiña un aquel moderno que foi todo un éxito o día da
festa da parroquia.
Foi tal o ruxerruxe que se armou que chegou por Currelos un produtor
con gafas sen cristais e bufanda en xullo, buscando talento rural “de raíz
con toque posmoderno” que dicía que ía facer de Manuela toda unha estrela
musical. A rapaza era desconfiada mais comezaron por dar un concerto
na taberna da aldea, rodeada de amigas, veciñas e algunhas vacas curiosas,
coa Xata de líder, muando ao ritmo da tapa da pota vella.
O concerto foi todo un éxito e dedicoulle aquela actuación á súa primeira
pandeireta:
—Descansa en paz no pozo, amiga. Ti abriches a porta ao triunfo…
e á ferruxe.

 

1º premio Categoría Xuvenil – Adriana González, Habelas Hailas

A miña bisavoa era unha meiga. Ela e as súas amigas xuntábanse cada tarde, ao serán, para facer os seus aquelarres e crear meigallos e encantamentos coa maxia das súas mans.
Todas elas estaban dotadas de poderes extraordinarios que lles permitían transformar obxectos cotiás en valiosos instrumentos musicais. Bastáballes acariñar cos seus dedos unha lata de pementón, golpear dúas pinas, ou bater unha culler contra unha botella de anís para que a música emanase dos conxuros das súas mans.
Tamén eran quen de facer maxia coa forza das súas voces, sacando obras de arte das súas gorxas coma se fosen magos que sacan coellos dos sombreiros. O seu cantar era tan fermoso que cegaba os corazóns de cantos as escoitaban.
Pero o seu meigallo ía moito máis aló. Ela e as súas veciñas eran meigas sabias, que coñecían a fórmula dunha apócema máxica capaz de conservar as linguas prohibidas durante décadas e décadas. Coas súas mans e coas súas gorxas foron quen de preservar o ADN da nosa identidade, elaborando coa lingua galega auténticas obras de arte en
forma de cantareas.
Entre alalás e muiñeiras, entre pandeiretas e tarrañolas, foron facendo os seus ritos e transmitíndoos ás súas fillas e netas. Nos solsticios de verán, eu tamén me reúno con elas, e a carón dunha lareira e dun pote, énchome do saber e da cultura centenaria que reside nas súas voces.
Este ano, polas Letras Galegas, vai haber un grande aquelarre como homenaxe a todas as que, coma a miña bisavoa, levan facendo maxia unha morea de anos.

Moitos din que a maxia non existe, e que as meigas son invencións populares.
Iso é porque non coñecen a miña bisavoa e as súas compañeiras.
Todo o saber do mundo está dentro delas. Porque as avoas sabias, como
as meigas, habelas hailas.

2º premio Categoría Xuvenil – Adara Soto, Dunha pandeireta engaiolada

O cristal rompeu en mil anacos e dos meus ollos brotaron bágoas silandeiras e medorentas. Polo meu escudo translúcido só pasaba a escuridade dun murmurio ferinte que me facía tremer. Golpes enfadados sacudíronme unha e outra vez, como xa era costume. Sentíame nunha inmensa gaiola con barrotes en forma de promesas de amor de baleiro e cariño de plastilina. Unha proposta de casamento, un anel de ouro, un sorriso acedo e uns ollos acastañados foran aqueles que me someteran a unha sinfonía de golpes e desprezo que me vía obrigada a denominar matrimonio.
Busquei escapar da realidade. Lembranzas comezaron a sucederse na miña cabeza, naquel escenario que endexamais me cansaría de vivir. Preparábame e tapábame os negróns como podía. Pandeireta en man, saía da casa a paso firme e chegaba ao lugar que tanto ansiaba. Comezabamos a tocar, con cada nova nota infinidade de cores atravesaban o ar. Risos, bailes, aturuxos e música. Palpábao todo á vez, en cuestión de segundos, ao son das pandeiretas. Ulía o entusiasmo e percorría coa ollada a carballeira ateigada de xente. As comisuras dos meus labios curvábanse para finalmente debuxar un sorriso de orella a orella contaxiado polo ambiente dun lugar no que me sentía segura. Un lugar no que era feliz.
Erguinme do chan, o meu home, considerara, xa me zoscara dabondo. O remate do día achegábase, observei o sol acariñando as montañas, debuxei o tacto das ferreñas e sorrín o máximo que a dor me permitía. Esta noite había foliada.

3º premio Categoría Xuvenil – Gabriel Capón, O cazador e a presa

Na escuridade do bosque, baixo o murmurio das follas movidas polo vento, o cazador avanza. Os seus pasos son firmes, case silenciosos, sobre a terra húmida. Nos seus ollos brilla unha fame antiga, unha sede de sangue que lle queima as veas. A escopeta, fría e pesada, descansa no seu ombro, e os seus dedos acarician o gatillo cunha ansia contida. Cada sombra, cada ruxido, fai que o seu corazón lata máis forte, non por medo, senón pola emoción da caza. Quere matar. Necesítao.
A presa, un cervo novo, está a poucos metros, ignorante do perigo. O seu corpo áxil treme ao roce dunha brisa fría. Os seus ollos, grandes e húmidos, miran ao redor, inquietos, captando o menor movemento entre as árbores. O seu corazón late desbocado, como se un instinto ancestral lle berrase que fuxa. Pero non sabe de onde vén o perigo. As súas patas, lixeiras e nerviosas, pisan follas secas, e o leve crepitar resoa como un tambor no silencio. O terror apodérase del, un medo puro, animal, que lle aperta o peito e lle rouba o alento.
O cazador sorrí, un xesto cruel que deixa ver os dentes. Pode cheirar o medo da presa, case saborealo. Move un paso, lento, calculado, e o cervo ergue a cabeza, as orellas tensas. O home axusta a arma, o canón apuntando ao flanco do animal. Imaxina o sangue quente escorrendo, o corpo inerte caendo sobre a herba. A súa respiración é pausada, pero opulso trémelle de excitación. É o momento. O poder de decidir a vida ou a morte está nassúas mans, e iso éncheo de vida.
O cervo, nun instante de pánico cego, dá un salto, intentando fuxir. As ramas cruxen baixo o seu peso, o seu corpo choca contra os arbustos. Pero o cazador é rápido. O disparo retumba, un eco que fai calar o bosque. O cervo cae, un suspiro débil escapa da súa gorxa mentres o sangue tingue a terra.

O cazador achégase, os ollos brillando de satisfacción. Toca o corpo aínda quente, sentindo a vitoria. Non hai remorso, só a euforia do triunfo.
O bosque queda en silencio, só roto polo riso baixo do cazador. A morteé a súa compañeira, a súa amiga, e hoxe, unha vez máis, danzaron xuntos.

Feiraco ficha a Iago Aspas e David Mella para levar o gran derbi galego ao corazón do rural

  • A iniciativa ‘Todo se decide no campo’ resolve a histórica rivalidade nun partido xogado nun prado e arbitrado por unha gandeira
  • Froito desta unión, creamos unha edición limitada de camisetas, metade celestes e metade azuis, representando así aos dous equipos galegos

Feiraco pon en marcha unha nova entrega da iniciativa ‘Todo se decide no campo’ unindo deporte, humor e tradición para conectar co público galego. Aproveitando a histórica rivalidade entre os dous grandes equipos do fútbol galego, a marca, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, leva a competición a un terreo moi especial: o campo, o corazón do rural galego.

Nesta ocasión, as novas fichaxes de Feiraco son dúas das figuras máis relevantes do fútbol galego: Iago Aspas, de Moaña, e David Mella, de Teo, dous futbolistas ‘made in Galicia’ que se ven inmersos nun reto que vai máis aló do terreo de xogo xa que se desenvolve nunha pradería, un escenario moi distinto ao habitual.

Alí, desafiados por unha gandeira da cooperativa que exerce de árbitra, compiten nunha proba na que o deporte rei se mestura co traballo no campo, o que fai que ámbolos dous futbolistas teñan que facer fronte a obstáculos do menos usuais, como un tractor, vacas pastando ou pacas de palla.

Unha camiseta especial

Como símbolo desta unión sen precedentes, Feiraco crea unha camiseta especial, metade celeste e metade azul, representando as cores dos dous equipos galegos e a capacidade da marca para estar presente no corazón da nosa terra. Como mostran ao final da peza audiovisual, a marca logra unir o que parecía imposible a prol dun único equipo, o de Feiraco. Estas camisetas poderán conseguirse a través de sorteos que realizará a marca a través das nosas redes sociais oficiais. 

Con esta iniciativa, Feiraco xoga co poder das palabras para reivindicar que tanto no fútbol como na produción láctea, grazas ao traballo coidado dos gandeiros e gandeiras, todo se decide no campo. Desta maneira, logra sintetizar os valores que os definen como marca: autenticidade, galeguidade, conexión co campo e tradición.

Celebramos o San Xoán homenaxeando á terra, á tradición e ao feito a man

Dende FEIRACO lanzamos unha edición limitada dunha cunca inspirada nas herbas típicas desta festividade.

Poderase conseguir durante o mes de xuño participando no sorteo organizado a través das nosas redes sociais oficiais ou comprando unha caixa de leite e cubrindo un formulario. 

Presentamos, como cada ano, unha iniciativa para celebrar o San Xoán, unha das festas máis arraigadas e con máis maxia do calendario galego cunha acción coa que buscamos poñer en valor a tradición, o patrimonio cultural galego, a conexión coa terra e o respecto pola artesanía local e o feito a man. 

Baixo o lema “O leite de sempre, na cunca de San Xoán”, lanzamos unha edición limitada dunha cunca inspirada nas sete herbas típicas desta festividade creada en colaboración con Laura Ventoso, artesá en Risoma Cerámica. Un coidado deseño no que se mestura delicadeza, identidade e respecto polas raíces, plasmando o que é todo un símbolo de tradición galega. Faise, deste xeito, unha homenaxe á terra, á tradición e ao feito a man.

Así pois, con esta iniciativa, desde FEIRACO tratamos de reivindicar o valor da cultura tradicional galega, da artesanía como forma de expresión e transmisión, e do vínculo emocional co territorio. 

Como conseguir unha cunca de San Xoán?

A promoción estará activa ata o día grande desta festa, o 24 de xuño. As persoas interesadas poderán conseguir a súa cunca a través de dúas canles: 

Participando no sorteo organizado nas redes sociais oficiais de FEIRACO en Instagram e Facebook. 

Mercando unha caixa de leite FEIRACO:

  • Merca unha caixa de leite (6 litros de calquera das nosas referencias)
  • Fai unha foto do tícket de compra xunto coa caixa.
  • Completa este formulario e sube o tícket de compra.

Con esta acción, reafirmamos o noso compromiso co medio rural e coa cultura galega, apostando pola colaboración con creadoras locais e pola visibilización das tradicións que forman parte do ADN do rural galego.

FEIRACO súmase á festa do 25 aniversario da Liga do DÉPOR cunha edición especial de merchandising esgotada en minutos

Puxéronse a disposición do público máis de 5.000 gorros e paraugas coas cores e identidade gráfica da simbiose entre a marca e o club.

FEIRACO participou de maneira activa na celebración do 25º aniversario da histórica conquista da Liga por parte do Real Club Deportivo de La Coruña cunha acción coa que recuperou a memoria dunha das etapas máis brillantes do club e da súa relación coa marca galega.

Durante a previa do encontro celebrado o sábado 17 de maio en Riazor, FEIRACO organizou a repartición dunha edición limitada de “merchandising” co deseño exclusivo do aniversario. En total, puxéronse a disposición do público máis de 5.000 gorros e paraugas coas cores e identidade gráfica da simbiose FEIRACO-DÉPOR.

A acollida da iniciativa superou todas as expectativas. As unidades dispoñibles esgotáronse na súa totalidade en menos dunha hora, amosando o forte vínculo emocional que a afección conserva con aquela época dourada do club.

Con esta acción, desde FEIRACO buscaron homenaxear un capítulo inesquecible da historia do deporte galego, no que a marca acompañou ao emblemático club como patrocinador principal. Por ese motivo, “non quixemos perder a oportunidade de sumarnos a esta celebración dunha maneira activa, poñendo en valor a conexión emocional cos milleiros de afeccionados que se achegaron ese día ás inmediacións de Riazor”, apuntan.

 

Feiraco honra o Día das Letras Galegas exaltando o folclore como esencia da nosa cultura

  • A marca suma forzas co grupo Xacarandaina para promover unha academia de folclore baixo o lema ‘Galicia é campo de artistas’
  • De maneira paralela estará activo o XIII Certame de Microrrelatos, co que pretenden achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional oral ás novas xeracións
  • O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, destacou que “detrás de cada litro de leite hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas”

Feiraco lanza unha nova campaña para homenaxear o Día das Letras Galegas. Este ano desenvolverase baixo o lema ‘Galicia é campo de artistas’, apostando polo folclore tradicional como esencia da cultura galega.

A iniciativa inclúe a creación dunha academia de folclore en colaboración co grupo Xacarandaina, coñecido polo seu labor na difusión da música e do baile tradicional galego.

A través desta alianza, gravaranse catro clases de folclore básico que estarán dispoñibles no enderezo web de Feiraco e que pretenden lograr que todo o mundo sinta a música. Versarán sobre ‘Introdución á pandeireta’, ‘Pasos básicos da muiñeira’, ‘Ritmo folclórico’ e ‘Ton no folclore’.

A iniciativa foi presentada esta mañá no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, nun emotivo acto guiado por Esther Estévez, que amadriñará por terceiro ano consecutivo as Letras Galegas de Feiraco.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que “a campaña de Feiraco sempre se distingue por algo, por innovar e ir un paso máis aló. Este ano, xunto con Xacarandaina, preséntannos unha iniciativa que busca ensinar á xente a bailar, a cantar, a tocar a pandeireta… unha maneira magnífica de poñer en valor o legado que nos deixaron esas pandeiretas e que honra a un pobo que canta, que baila e que ten alegría”.

O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, tras agradecer a todos os presentes a súa colaboración, destacou que “detrás de cada litro de leite, de cada iogur, hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas” e, concluíu, “nós traballaremos todos e todas xuntas para poñelo en valor e que siga habendo, moitos anos máis, un campo de vida e un campo de futuro”.

A directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes, en alusión ao XIII Certame de Microrrelatos, destacou que “é fundamental poñer en marcha este tipo de iniciativas para achegarllas ás novas xeracións”.

Pola súa parte, a presidenta da asociación Xacarandaina, Patricia Miño, explicou o funcionamento da entidade, que leva traballando desde 1978 para educar e poñer en valor a música e a cultura galega: “estamos moi contentos de poder colaborar nesta iniciativa e sentimos unha gran alegría polo recoñecemento a esas mulleres. Nós seguiremos traballando para manter e transmitir o seu legado na sociedade”.

XIII Certame de Microrrelatos

De maneira paralela estará activo o XIII Certame de Microrrelatos, que este ano desafía ás persoas participantes a crear as súas historias sobre esta mesma temática, buscando achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional ás novas xeracións. As narracións deberán estar inspiradas en Galicia e ter de protagonista a unha cantareira ou pandeireteira.

O certame conta con dúas categorías: a xuvenil, dirixida ao estudantado; e a adulta, para maiores de 18 anos. Unha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, xunto cun lote de produtos Feiraco, son os premios aos que optan.

Con esta campaña, Feiraco busca reafirmar o seu compromiso coa cultura galega, promovendo o amor pola lingua e as nosas tradicións, co obxectivo de acadar a transmisión xeracional que as manteña vivas por e para sempre