Ben sabedes que en Feiraco un dos fitos que máis nos gusta do almanaque… é o Día das Letras Galegas! Levámolo no ADN! Este 2022, como non podía ser doutro xeito, volvemos aportar a nosa particular pinga de leite para poñer en valor a nosa lingua e a nosa literatura, das que estamos taaaan orgullosos. O 16 de maio tivemos o pracer de poñerlle a guinda á nosa campaña #EnGalegoSabeMellor coa celebración dunha serie de actos nos concellos de Ourense e O Barco de Valdeorras, onde tivemos a oportunidade de coñecervos a moitos e moitas de vós a pé de rúa e de colaborar en sendas homenaxes a Florencio Delgado Gurriarán. Un día cheo de emocións!
Primeira parada… Ourense!
Comezamos a xornada agasallando ceeentos de litros de leite Feiraco da nosa edición especial Letras Galegas 2022 na rúa Progreso de Ourense, onde convidamos aos viandantes a descubrir os versos de Gurriarán nos nosos briks e a apuntarse no Club Feiraco para gañar un dos 20 packs de caneca e libro ilustrado que estamos a sortear nas redes. Graciñas a todos e todas polo acollemento e o cariño que nos fixestes chegar, sodes ben riquiños/as!
Xusto despois participamos na homenaxe á figura de Florencio Delgado Gurriarán no Centro Cultural Valcárcel, onde interviron o Director Xeral de CLUN, Juan Gallástegui, e o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández. Todo amenizado coa fermosa actuación do músico Ramiro Núñez, máis coñecido como «Sr. Jingles», que interpretou unha selección de poemas musicados do autor. Unha auténtica delicia que desfrutamos a tope!
Tarde no Barco de Valdeooras
E pola tarde… puxemos rumbo ó Barco de Valdeorras! Grazas tamén a todos os valdeorreses/as que pasastes polo posto que preparamos no Paseo do Malecón e levastes un envase de leite Feiraco para a casa. Tamén aquí participamos noutra homenaxe á figura de Florencio Delgado. E de novo moi ben acompañados! Neste caso contamos con Ricardo Gurriarán, autor da biografía do autor; o Director xeral de CLUN, Juan Gallástegui; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o alcalde do Barco, Alfredo García. Sr. Jingles puxo de novo a nota musical e o mellor de todo: asistiron tamén das fillas do autor homenaxeado, o que sen dúbida fixo máis emotivo se cadra o evento.
Un día para a lembranza e para dicir ben alto… EN GALEGO SABE MELLOR!!!