- A Cooperativa celebrou hoxe o acto de entrega dos galardóns correspondentes ao tradicional certame literario que convoca con motivo do Día das Letras Galegas
- Os gañadores da edición 2016 foron Gael Pérez, Sergio Aller, Rosa Pérez e Andrea Fernández
- No acto de entrega participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o presidente de Feiraco, José Montes, e o director xeral da cooperativa, José Luis Antuña
Ponte Maceira, 27 de xuño de 2016.- Feiraco, Sociedade Cooperativa Galega, fixo entrega hoxe dos galardóns aos gañadores do seu xa tradicional certame literario, que se celebra cada ano con motivo do Día das Letras Galegas. No acto participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, o presidente de Feiraco, José Montes, e o director xeral da cooperativa, José Luis Antuña.
Os galardoados desta edición 2016 foron Gael Pérez, por ‘Coma por coma’; Sergio Aller, por ‘Maldita palabra’; Rosa Pérez, por ‘Incompetencia amatoria’; e Andrea Fernández, por ‘Vellez namorada’. Todas elas son composicións literarias curtas, de ata 500 caracteres, que comezaban polo verso de Manuel María “Levamos toda a nosa vida amando a palabra…”, como modo de homenaxe á figura á que este ano se dedicou o 17 de Maio.
O certame está cada ano máis consolidado, acadando na presente edición a cifra máis alta de participantes. Os premios constaban de diferentes seleccións de libros, entre os que se incluía a Enciclopedia Galega Universal e unha escolma de obras literarias en galego, así como lotes de productos Feiraco.
Broche final á conmemoración do Día das Letras Galegas
Con esta entrega de premios, a cooperativa pon o broche final á conmemoración que cada ano leva a cabo do Día das Letras Galegas. Unha iniciativa que reflicte o compromiso de Feiraco co idioma propio, deixando constancia da plena identificación da marca con Galicia e cos seus valores.
Desde hai máis de 45 anos, Feiraco ten dado reiteradas mostras do seu compromiso con Galicia, tanto nos seus valores e métodos de traballo, tendentes a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico, como nas actividades con proxección social que ten posto en marcha ao longo da súa historia.
Exemplos da súa aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional de Galicia son a campaña que leva a cabo no Entroido, e que conta cada ano cunha boa acollida entre os consumidores, ou a serie ‘De onde vén o leite?’ pola que lles achega a realidade dos procesos produtivos a pé de campo a milleiros de escolares de toda Galicia.