CLUN presenta internacionalmente YOGU+ Kids en SIAL París 2026, unha das maiores feiras alimentarias do mundo

Ames, 16 de outubro de 2026. CLUN participará do 17 ao 21 de outubro en SIAL París 2026, unha das principais feiras internacionais do sector alimentario, onde presentará internacionalmente YOGU+ Kids, a última innovación da súa gama exportadora. A cooperativa aproveitará esta cita, que reúne a profesionais, fabricantes e distribuidores de todo o mundo, para dar a coñecer a súa nova referencia infantil e seguir fortalecendo as relacións comerciais nos mercados internacionais.

O equipo de Exportación de CLUN estará presente no pavillón 2, stand L280, nun encontro estratéxico para compartir co sector as novidades da cooperativa e explorar novas oportunidades de negocio. Todas as súas marcas, Feiraco, Clesa, Únicla A2, YOGU+, Garea e Xoia, estarán representadas na feria, amosando a capacidade de CLUN para transformar leite de máxima calidade en produtos de valor engadido destinados a consumidores e distribuidores de todo o mundo.

YOGU+ Kids, a nova aposta para o mercado internacional

A principal novidade que CLUN levará a SIAL París será YOGU+ Kids, o último lanzamento da familia YOGU+, unha gama de iogures pasteurizados despois da fermentación que xa está presente en máis de 66 países. Elaborados con leite fresco de Galicia como ingrediente principal, estes produtos combinan a calidade da materia prima cunha proposta adaptada ás necesidades e preferencias dos consumidores.

YOGU+ Kids incorpora unha receita especial enriquecida con vitamina D, un nutriente que contribúe ao mantemento dos ósos e dos músculos en condicións normais e que é necesario para o crecemento e o desenvolvemento normais dos ósos nas nenas e nenos. Tanto a imaxe do produto coma o seu sabor foron coidadosamente seleccionados para conectar co público infantil.

Con este lanzamento, a familia YOGU+ amplía a súa oferta, que conta con referencias de sabores como natural, morango, vainilla, plátano e macedonia de mango, ás que se suma agora YOGU+ Kids de morango e plátano. A súa presentación internacional en SIAL París supón un novo paso na estratexia de desenvolvemento e expansión exterior da cooperativa.

Do rural galego aos mercados de todo o mundo

SIAL París constitúe un dos principais puntos de encontro internacionais para a industria alimentaria e unha oportunidade para coñecer tendencias, compartir innovacións e establecer novas relacións comerciais. A edición de 2026, que se celebra do 17 ao 21 de outubro en Paris Nord Villepinte, reunirá a empresas e profesionais de numerosos países arredor das últimas novidades do sector.

Para CLUN, a participación nesta feria permite reforzar a súa proxección internacional e poñer en valor o traballo realizado desde o rural galego, apostando pola transformación de leite de calidade en produtos innovadores e competitivos. A presenza do equipo de Exportación facilitará, ademais, o contacto directo con clientes actuais e potenciais socios comerciais, así como a identificación de novas oportunidades para as marcas da cooperativa.