- A marca suma forzas co grupo Xacarandaina para promover unha academia de folclore baixo o lema ‘Galicia é campo de artistas’
- De maneira paralela estará activo o XIII Certame de Microrrelatos, co que pretenden achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional oral ás novas xeracións
- O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, destacou que “detrás de cada litro de leite hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas”
Feiraco lanza unha nova campaña para homenaxear o Día das Letras Galegas. Este ano desenvolverase baixo o lema ‘Galicia é campo de artistas’, apostando polo folclore tradicional como esencia da cultura galega.
A iniciativa inclúe a creación dunha academia de folclore en colaboración co grupo Xacarandaina, coñecido polo seu labor na difusión da música e do baile tradicional galego.
A través desta alianza, gravaranse catro clases de folclore básico que estarán dispoñibles no enderezo web de Feiraco e que pretenden lograr que todo o mundo sinta a música. Versarán sobre ‘Introdución á pandeireta’, ‘Pasos básicos da muiñeira’, ‘Ritmo folclórico’ e ‘Ton no folclore’.
A iniciativa foi presentada esta mañá no IES Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, nun emotivo acto guiado por Esther Estévez, que amadriñará por terceiro ano consecutivo as Letras Galegas de Feiraco.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que “a campaña de Feiraco sempre se distingue por algo, por innovar e ir un paso máis aló. Este ano, xunto con Xacarandaina, preséntannos unha iniciativa que busca ensinar á xente a bailar, a cantar, a tocar a pandeireta… unha maneira magnífica de poñer en valor o legado que nos deixaron esas pandeiretas e que honra a un pobo que canta, que baila e que ten alegría”.
O director xeral de CLUN, Juan Gallástegui, tras agradecer a todos os presentes a súa colaboración, destacou que “detrás de cada litro de leite, de cada iogur, hai un traballo enorme dedicado á nosa terra. Por iso, cada ano apoiamos con moito ímpeto o Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor que en Galicia hai talento por todas partes, porque si, Galicia é campo de artistas” e, concluíu, “nós traballaremos todos e todas xuntas para poñelo en valor e que siga habendo, moitos anos máis, un campo de vida e un campo de futuro”.
A directora do IES Rosalía de Castro, Gemma Paredes, en alusión ao XIII Certame de Microrrelatos, destacou que “é fundamental poñer en marcha este tipo de iniciativas para achegarllas ás novas xeracións”.
Pola súa parte, a presidenta da asociación Xacarandaina, Patricia Miño, explicou o funcionamento da entidade, que leva traballando desde 1978 para educar e poñer en valor a música e a cultura galega: “estamos moi contentos de poder colaborar nesta iniciativa e sentimos unha gran alegría polo recoñecemento a esas mulleres. Nós seguiremos traballando para manter e transmitir o seu legado na sociedade”.
XIII Certame de Microrrelatos
De maneira paralela estará activo o XIII Certame de Microrrelatos, que este ano desafía ás persoas participantes a crear as súas historias sobre esta mesma temática, buscando achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional ás novas xeracións. As narracións deberán estar inspiradas en Galicia e ter de protagonista a unha cantareira ou pandeireteira.
O certame conta con dúas categorías: a xuvenil, dirixida ao estudantado; e a adulta, para maiores de 18 anos. Unha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, xunto cun lote de produtos Feiraco, son os premios aos que optan.
Con esta campaña, Feiraco busca reafirmar o seu compromiso coa cultura galega, promovendo o amor pola lingua e as nosas tradicións, co obxectivo de acadar a transmisión xeracional que as manteña vivas por e para sempre