As mulleres e a literatura con perspectiva feminista protagonizan as mellores historias do XIV certame de microrrelatos Letras Galegas de Feiraco

En Feiraco cremos que apoiar a nosa terra tamén significa coidar a súa lingua e a súa cultura. Por iso, un ano máis, celebramos a entrega de premios do noso certame de microrrelatos Letras Galegas, unha iniciativa que vai xa pola súa décimo cuarta edición e que se consolidou como un espazo de encontro para os creadores.

As instalacións de CLUN acolleron hoxe, martes 23 de xuño, un acto moi especial no que compartimos coas persoas premiadas, o xurado e representantes de diferentes institucións unha xornada dedicada á literatura que puxo o foco nas mulleres e na literatura con perspectiva feminista.

Este ano os relatos xiraron arredor da figura de Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. A característica maneira na que a escritora poñía a figura das mulleres no centro das súas historias guiou a temática do concurso, que se desenvolveu baixo o título ‘Vai de mulleres‘.

Na categoría adulta, o primeiro premio recaeu en María José Iglesias Ageitos, de Porto do Son, polo relato “Vai de mulleres… afincadas na terra”. O segundo premio foi para Gemma Rojo López do Saviñao por “Onde quedaran as promesas?” e o terceiro para Jacobo Vieites Sánchez de Arzúa por “Galicia Nai”.

No que respecta á categoría xuvenil, na que se participa por institutos, o primeiro premio foi para Iria García, do colexio Sagrado Corazón de Placeres, de Pontevedra, polo relato “O destino irrefutable”. O segundo premio recaeu no IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, para Adriana González Leira por “Informe planetario”, e o terceiro no IES Ricardo Mella de Pontevedra, para Valery Reyes por “Ti eres máis forte que todos os desafíos”. Os premios en ámbalas dúas categorías consistiron en lotes de libros e de produtos FEIRACO.

Durante a entrega de premios contamos coa presencia do secretario xeral da Lingua, Valentín García, membro do xurado desta edición, quen destacou que “estamos ante as xeracións máis formadas da nosa historia, as máis capacitadas e animo a que estas xeracións usen sempre que poidan o galego”.

Este certame representa algo que forma parte do ADN Feiraco: o noso compromiso coa promoción da lingua e cultura galegas.

 

Podes ler aquí os relatos gañadores:  Librito Micorrelatos