Receita da larpeira de San Xoán con leite Feiraco

Entra ben unha larpeira típica do San Xoán, non? Pois temos unha súper boa noticia! En Feiraco decidimos preparala co noso leite galego de cooperativa pois #EnGalegoSabeMellor. O resultado? Móllate e dinos que che parece! Nós só podemos adiantarche que está para repetir unha e outra vez.??

 

Ingredientes para a masa

100 ml de leite enteiro Feiraco

3 ovos

50 gramos de azucre

450 gramos de fariña de forza

60 gramos de manteiga

30 gramos de fermento fresco de panadaría

20 gramos de anís

1 culleradiña de sal

A reladura dun limón

 

Ingredientes para a crema pasteleira

250 ml de leite enteiro Feiraco

1 ovo

30 gramos de azucre

20 gramos de fécula de millo

1 monda dun limón

1 culleradiña de pasta de vainilla

 

 

Ingredientes para o almibre (opcional)

50 ml de auga

50 gramos de azucre

50 gramos de anís

 

 

 

Preparación da masa do bolo

Comezar quentando un pouco o leite e, cando estea morno, retirar do lume e engadir o fermento.

Nunha cunca poñer a fariña e engadir o resto de ingredientes deixando para o final o leite co fermento que preparamos ao comezo.

E chega un dos momentos máis importantes! Amasamos durante quince minutos con paciencia e cariño pois leva o seu tempo. Se ves que é necesario, podes incorporar durante este proceso un pouco máis de fariña. Éche un bo truco!?

Agora pon nunha bandexa con papel vexetal a nosa súper bóla e deixa reposar durante 1 hora e 30 minutos. Durante este tempo, imos aló coa crema pasteleira.?

 

Preparación da crema pasteleira

Diluír 50 ml do leite enteiro Feiraco coa fécula de millo e deixar reposar. Mentres, imos batendo nun bol o azucre co ovo.

Agora toca quentar o resto do leite, a monda do limón e a culleradiña da pasta de vainilla. Unha vez que ferva, retirar a pota do lume e engadir o noso preparado do ovo e azucre mesturando ben.

Poñer de novo a crema a cocer e engadirlle o leite coa fécula de millo. É moi importante non parar de remover ata que comece a ferver de novo. Toma nota!

Retiramos do lume e continuamos remexendo ata obter unha mestura homoxénea. Finalmente, verter a crema pasteleira nunha cunca. Tapar con film para que non faga costra.

 

Preparación da larpeira

Comezamos prequecendo o forno a 180ºC con calor enriba e embaixo.

Estira a masa para darlle a forma á larpeira que máis che guste. Cun coitelo fai cortes en cadrados ou rombos, como prefiras, con profundidade, mais sen cortar a base da torta.

Chegou a nosa parte favorita! ? É hora de sacar o noso lado máis artista! Cun pincel de cociña teremos que pintar a superficie da masa cun ovo ben batido e reencher unha manga pasteleira coa crema para facer o debuxo típico da larpeira polos carrís que fixemos co coitelo.

Rematamos mesturando o azucre co anís para logo decorar aqueles ocos da larpeira onde non botásemos a crema.

E listo! Xa podemos enfornar a nosa obra de arte durante 20/25 minutos a 180ºC. Que gañas tiñamos deste momento ??

 

Preparación do almibre (opcional)

Mentres esperamos, imos preparando o almibre. Poñemos nunha pota o azucre, a auga e o anís durante sete minutos sen parar de remexer.

Cando teñamos a larpeira fóra do forno, empaparemos a súa superficie de almibre e agardamos que arrefríe para consumir.

 

Tiñamos moitas ganas de que chegase este momento! Cóntanos como che foi!

 

MÁIS NOTICIAS

Descubre todas as novidades de Feiraco e mantente ao tanto de todo o que facemos.

Ver todas as noticias

FEIRACO súmase á festa do 25 aniversario da Liga do DÉPOR cunha edición especial de merchandising esgotada en minutos

20 Maio, 2025

Ler máis

Feiraco honra o Día das Letras Galegas exaltando o folclore como esencia da nosa cultura

14 Abril, 2025

Ler máis

Galicia é Campo de Artistas: estas Letras Galegas soan mellor ca nunca!

14 Abril, 2025

Ler máis