Acordádesvos de Belén e Roi, os protagonistas dos contos #deondevénoleite? Pois agora están aprendendo a cociñar! Os dous nenos, sempre coa axuda supervisión dun adulto, vannos ir ensinando unha morea de receitas sinxelas e doadas de preparar especialmente pensadas para facer en familia.
Ben sexa como plan para un día de choiva ou ben como entretemento para unha tarde diferente, cociñar é unha actividade divertida da que gozaredes tanto pequenos coma maiores. Compartiremos convosco propostas para todos os gustos e épocas do ano, cun gran protagonismo dos produtos autóctonos e de tempada. Preparade os vosos mandís… que empeza a nosa aventura culinaria!
Cociñar e aprender en familia
Xa sabedes que en Feiraco sempre estamos a preparar actividades específicas para os máis pequenos da casa. Con esta iniciativa, o noso obxectivo é compartir convosco unha alternativa de ocio para desfrutar cos nenos dun anaco agradable, divertido e didáctico.
E é que cociñar en familia tamén é unha forma de transmitir valores fundamentais relacionados coa alimentación e os bos hábitos nutricionais. A través destas receitas, estaredes a espertar nos máis pequenos interese polos lácteos e pola forma de preparar os alimentos, algo moi importante á hora de que aprendan a comer ben e de forma saudable.
Receitas paso a paso
Todas as receitas que Belén e Roi nos teñen preparadas veñen detalladas paso a paso, con indicacións de que partes son máis recomendables para que fagan os nenos e cales deben realizar os adultos para maior seguridade.
Xa vos adiantamos que mesturar ingredientes, dar forma coas mans a determinadas preparacións ou decorar de forma creativa o prato final serán algunhas das súas tarefas preferidas.
Ademais, nalgúns casos tamén vos propoñeremos diversas actividades didácticas para realizar unha vez finalizada a receita, relacionadas cos alimentos, cos utensilios de cociña ou co momento do ano propio dalgúns pratos. Van converterse en verdadeiros mini chefs de cociña!
Permanecede atentos porque pronto iremos compartindo unha morea de propostas para chupar os dedos. Agardamos que vos animedes a preparalas! E non dubidedes en compartir connosco en facebook o resultado final! 🙂