Vimos de rematar a segunda edición de #Deondevénoleite? e en Feiraco non podemos estar máis satisfeitos. Acompañáronnos nesta aventura máis de 1.500 nenos e nenas de colexios de toda Galicia, que nos visitaron para coñecer de preto o día a día dunha granxa e descubrir como é o proceso de produción do leite.
Dende os grupos máis reducidos ata as visitas máis numerosas, como os 110 nenos que viñeron a vernos dende o Colexio de Cee, todos se portaron fenomenal e contaxiáronnos a súa curiosidade e as súas ganas de aprender.
Temos que confesar que non sabemos quen desfrutou máis coa iniciativa, se eles ou nós. «Cales son as vacas que dan leite enteiro e cales leite desnatado?» «Cales dan queixo e cales batidos?». Os pequenos fixéronnos pasar grandes momentos coas súas xeniais preguntas e ao longo destes dous meses acumulamos mil e unha anécdotas inesquecibles.
Ademais, tivemos a sorte de gozar dun tempo magnífico, o que nos permitiu aproveitar ao máximo todas as actividades programadas para eles: visitas guiadas á granxa, talleres, contos…
Aventura na granxa
Como sabedes, un dos obxectivos de #Deondevénoleite? é que os nenos poidan coñecer o traballo real que se realiza nunha explotación gandeira. A granxa SAT BUSTO CORZÓN, á que damos as grazas unha vez máis pola súa colaboración, abriunos as súas portas e permitiunos acompañalos no seu labor diario durante case dous meses.
Ao inicio desta edición convivimos cun ritmo frenético de traballo na granxa. Coincidindo cos primeiros días de sol da primavera, os pequenos tiveron a oportunidade de presenciar tarefas do campo propias destas datas, como o ensilado de herba ou a sementeira de millo. A maquinaria agrícola levanta paixóns!
Pero se hai algo que sorprende sempre aos máis pequenos son os nacementos. E tamén os houbo! A familia SAT BUSTO CORZÓN creceu durante este tempo. Entre os novos membros temos a ARTAI, un pequeno tenreiro que naceu durante a vista do Colexio Artai de Carballo; BERGAN, en honor aos nenos do CEIP Bergantiños; e SERRA, en homenaxe ao Colexio de Serra de Outes. Aínda que tiveron que marchar na metade do parto, si puideron ver como se asomaba. Estamos seguros de que non esquecerán este momento!
Ademais, os nenos tamén puideron ver un cuxiño acabado de nacer e comprobar como se esforzaba por poñerse de pé ata conseguilo finalmente.
Un proceso de aprendizaxe mutua
Ademais das visitas á granxa, #Deondevénoleite? inclue tamén outras actividades para desenvolver a creatividade, a imaxinación e ata a capacidade de superación dos cativos.
Por exemplo, a través do taller de debuxo, axudámolos a completar tarefas para as que ás veces son se senten capacitados, como debuxar unha vaca seguindo as instrucións do ilustrador. Dende logo, en Feiraco cremos que hai que borrar da mente dos máis pequenos barreiras como o «non podo» ou “non me sae» e motivalos para que vexan que con esforzo todo se pode conseguir.
Eles, á súa vez, regaláronnos grandes doses de entusiasmo. Como esquecer a canción sobre a «vaca marela» que nos adicaron os alumnos de Carballo? Ata nos amosaron o seu correspondente baile! Uns artistas!
Ademais, esta edición de #Deondevénoleite? tamén recibimos a entrañable visita do Colexio de Educación Especial Manuel López Navalón de Santiago de Compostela. Agardamos que gozasen tanto a xornada coma nós coa súa presenza.
Só nos queda dar as grazas de parte de todo o equipo de Feiraco. E é que todos os grupos nos deixan a súa pegada, coas súas preguntas e inquedanzas, o que nos serve para aprender e mellorar. Podedes consultar as fotos de #Deondevénoleite 2014 no noso álbum de Facebook. Ata a próxima edición!