De onde vén o leite?

Do frigorífico? Do supermercado? Máis alá das bromas habituais, en Feiraco estamos convencidos de que a maioría dos nenos galegos si coñecen cal é a orixe do leite. Iso si, dende había moito tempo roldábanos pola cabeza a idea espertar a súa curiosidade ensinándolles máis de preto como é o seu proceso de produción, dende a granxa ata a mesa.

Foi así como se nos ocorreu poñer en marcha a iniciativa #deondevénoleite, unha experiencia coa que queremos contribuír a poñer en valor en rural galego e que, sen dúbida, nos colmou de grandes momentos na cooperativa. Tanto é así… que estamos a preparar unha nova edición! Permanecede atentos!

Visitas guiadas, contos… e moito máis!

#deondevénoleite é un proxecto dirixido a escolares de Galicia que inauguramos este curso en colaboración con varios centros de ensino. Nesta primeira edición, visitáronnos máis de 1.000 nenos e nenas dos ciclos de infantil e primaria, procedentes de Zas, Negreira, Brión, Mazaricos, Santiago…

Movíanos a inquietude de iniciar aos pequenos no coñecemento dun sector tan importante en Galicia como o gandeiro, amosándolles sobre o terreo as tarefas cotiás dunha das nosas explotacións. Queriamos que coñecesen a forma de traballar da nosa cooperativa e cal é o camiño que percorre o leite dende a súa orixe nas granxas ata a mesa do seu almorzo: como é o coidado das vacas, a súa alimentación e muxidura, que tratamento recibe o leite na fábrica, como se realiza o envasado, que tipo de produtos se fan con el…

Que ben o pasamos! Cos ollos como pratos, os nenos gozaron como nunca da visita guiada, fixeron unha morea de preguntas e puxeron todo o seu empeño nos xogos e actividades que lles propuxemos durante a xornada. Por non falar das gargalladas que levantou contacontos coa historia da vaca Chenoa namorada…

Enriquecedor para eles… e tamén para nós!

As aventuras de Roi e Belén

Con motivo de #deondevénoleite, en Feiraco tamén editamos dous contos, un para infantil e outro para primaria, sobre o proceso do leite e o traballo da cooperativa.

Roi e Belén son dous nenos que, ao igual que os que participaron con nós, visitan por primeira vez unha granxa e descobren os segredos do sector leiteiro en Galicia.

Ademais de obsequiar con eles aos nenos participantes, coincidindo coa iniciativa decidimos pintar a parede dunha das nosas granxas coas súas ilustracións: un conto de máis de 15 metros sobre o proceso do leite que acapara todas as miradas de pequenos e maiores.

Tamén distribuímos gratuitamente a primeira edición dos libros en distintos puntos de venda de Galicia. Se quedastes sen eles, podedes descargalos dende a nosa web, tanto a versión de infantil coma a de primaria. Veredes como lles gusta!

MÁIS NOTICIAS

Descubre todas as novidades de Feiraco e mantente ao tanto de todo o que facemos.

Ver todas as noticias

Día das Letras Galegas en FEIRACO: XIV Certame de Microrrelatos “Vai de mulleres”

1 Abril, 2026

Ler máis

O equipo de nenos e nenas de CLUN sae ao campo coas xogadoras do Deportivo Abanca no encontro co FC Barcelona

17 Marzo, 2026

Ler máis

As familias gandeiras de Feiraco saen ao campo cos xogadores do RC Deportivo

11 Marzo, 2026

Ler máis