Nace o proxecto CATTLECARE, un sistema de xestión TIC das granxas galegas
- As explotacións gandeiras modernizaranse mediante dispositivos que permitirán extraer patróns de comportamento das reses
- Mellorarase a xestión dos recursos, como o alimento, mediante a automatización da loxística de distribución
- O consorcio que o desenvolve está formado pola Cooperativa, as empresas tecnolóxicas Conexiona Telecom, Ictel Ingenieros e Gradiant, como entidade que dará soporte ao plan de actuacións
O proxecto CATTLECARE, impulsado por CLUN, a cooperativa de segundo grao nacida da unión de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, marcará un antes e un despois na modernización TIC das explotacións gandeiras. A partir dun consorcio integrado polas empresas tecnolóxicas Conexiona Telecom, Ictel Ingenieros e Gradiant como entidade que dará soporte ao plan de traballo, CATTLECARE márcase como obxectivo a modernización das explotacións gandeiras galegas mediante o desenvolvemento de diversas ferramentas que permitan mellorar a súa xestión a distintos niveis.
O proxecto, analizado nunha Xornada Técnica na sede de Gradiant en Vigo, no Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, pretende mellorar a monitoraxe das reses para extraer datos do comportamento do gando e poder establecer patróns de comportamento que permitan detectar anomalías ou que sexan indicadores de enfermidades, periodo de celo ou procesos de parto. Ademais, CATTLECARE permitirá mellorar a xestión dos recursos nas explotacións como o alimento, mediante a automatización e a optimización da loxística de distribución.
O proxecto, enmarcado no Programa Conecta PEME da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e cun orzamento de máis de medio millón de euros, permitirá crear un dispositivo innovador que, colocado no gando, permitirá non só monitorar o seu grao de mobilidade senon tamén clasificar os tipos de actividades que realizan en cada momento. Ademais, exponse tamén a monitoraxe no tempo real do estado dos silos de penso a través de dispositivos non invasivos de fácil colocación.
Un consorcio con tres empresas multisectoriais e Gradiant
O consorcio que impulsará CATTLECARE está formado por CLUN, cooperativa de segundo grao formada por Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, que se beneficiará da aplicación desta innovación, e as empresas tecnolóxicas Conexiona Telecom e Ictel, deseñadora dos dispositivos.
Pola súa banda, Gradiant como entidade subcontratada dará soporte ás actividades de I+D específicas necesarias para o desenvolvemento do plan de traballo, como redes de comunicacións, sistemas IoT e deseño de dispositivos.
CLUN, Cooperativas Lácteas Unidas
A cooperativa de segundo grao CLUN nace en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñado cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla e Clesa.
Proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación.
Axuda concedida: 51.338,07€