Feiraco participa no proxecto europeo Susmilk

Hoxe queremos compartir con vós un novo proxecto de I+D no que participamos xunto a outros 20 socios de distintos países da Unión Europea. Feiraco é unha das empresas integrantes do proxecto Susmilk 2013-2017.

O obxectivo desta iniciativa europea é promover a creación dunha industria láctea máis sostible. Para iso, o programa busca implementar unha serie de cambios nos procesos de elaboración e comercialización do leite e os produtos lácteos. A principal finalidade é reducir ao mínimo o consumo de auga e enerxía, aproveitando as enerxías renovables.

O consorcio de Susmilk está formado por empresas lácteas, enerxéticas, tecnolóxicas e centros de investigación de países como Suíza, Austria, Alemaña, Noruega, Italia ou Portugal. Galicia ocupa un lugar moi destacado, posto que os tres participantes españois somos galegos: FeiracoQueizuar e a Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago de Compostela.

Unha industria láctea sostible

A industria láctea caracterízase por un elevado consumo de enerxía e de auga para poder levar a cabo os procesos de arrefriamento, quentamento e separación aos que se somete a materia prima para a fabricación do leite e os seus derivados, así como para a limpeza de instalacións e equipos.

O proxecto baséase fundamentalmente no desenvolvemento e implementación de tecnoloxías que contribúan á optimización do consumo enerxético e o aforro de auga.

Susmilk considera varias vías de investigación, entre elas:

  • Subministración de calor: coxeración, bombas de calor, enerxía solar, ciclos pechados de auga, biocombustibles (bioetanol, biogás) ou outros combustibles a través de residuos.
  • Xeración de frío: novos refrixeradores de absorción que usan como enerxía fontes de calor que agora se disipan en forma de vapor sobrante ou radiadores.

O papel de Feiraco en Susmilk

O noso labor dentro do proxecto Susmilk articularase en dous eixes. Por un lado, participaremos no deseño dun sistema de xeración de frío (arrefriador por absorción) a partir de fontes de calor recuperables. Ademais, as nosas instalacións serán tamén o escenario onde posteriormente probaremos e verificaremos a viabilidade do equipo, co obxectivo de que o sistema tecnolóxico resultante do proxecto poida ser aplicable á industria actual.

Para levar a cabo estas probas, en Feiraco imos realizar unha serie de adaptacións na nosa planta de envasado en conducións e acometidas de auga, conexións eléctricas e tanques para auga fría, ademais de instalar sensores de temperatura, presión, vapor de auga… Queda moito traballo por diante!

Co desenvolvemento destas e outras tecnoloxías para implantar na industria láctea, Susmilk calcula que os beneficios se traducirán nun aforro do 50% do total de consumo enerxético e un 30% no consumo de auga. Tamén se reducirá o volume de augas residuais, mellorarase a calidade das verteduras e aproveitaranse residuos para xerar biocombustibles.

Con este proxecto, en Feiraco damos un paso máis na nosa política ambiental, caracterizada pola xestión eficiente dos recursos, a minimización do impacto ambiental da nosa actividade e a conservación e mellora do noso contorno.

En breve contarémosvos máis detalles sobre o proxecto!

Séptimo Programa Marco UE Este proxecto recibiu financiación do Sétimo Programa Marco da Unión Europea para accións de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e demostración.

MÁIS NOTICIAS

Descubre todas as novidades de Feiraco e mantente ao tanto de todo o que facemos.

Ver todas as noticias

Feiraco honra o Día das Letras Galegas exaltando o folclore como esencia da nosa cultura

14 Abril, 2025

Ler máis

Galicia é Campo de Artistas: estas Letras Galegas soan mellor ca nunca!

14 Abril, 2025

Ler máis

Leva un paraugas FEIRACO pola compra de dúas caixas de leite

3 Abril, 2025

Ler máis