- Román Rodríguez e o alcalde de Ames, José Manuel Miñones, coñecen da man do presidente da Cooperativa, José Montes, as iniciativas culturais e educativas desenvolvidas no marco do compromiso cos valores propios de Galicia.
- O representante da Xunta destaca o labor de Feiraco como difusor da “marca de país” e o seu labor social e cultural na entrega de premios ós gañadores do concurso de relatos curtos convocado co gallo do Día das Letras Galegas 2015.
- O presidente da cooperativa refrenda o seu compromiso “coa promoción da lingua” a través do labor da Fundación.
Ponte Maceira, 22 de xullo de 2015. – Feiraco Sociedade Cooperativa Galega recibiu hoxe a visita do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen coñeceu de primeira man as iniciativas culturais e educativas promovidas pola Cooperativa no marco da Responsabilidade Social Empresarial e do seu compromiso cos valores propios de Galicia.
Acompañado polo alcalde de Ames, José Manuel Miñones, e co presidente de Feiraco José Montes como anfitrión, o representante da Xunta visitou as instalacións situadas en Ponte Maceira, e entregoulles os galardóns ós gañadores do concurso de relatos curtos convocado con motivo do Día das Letras Galegas 2015 a través da páxina oficial de Facebook da cooperativa.
O primeiro premiado, Roberto Roget, ademais dun lote de produtos Feiraco, recibiu das mans do conselleiro de Cultura unha Enciclopedia Galega Universal, cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, cuxo representante, Valentín García, tamén estivo presente no acto. Composta por 16 tomos e máis de 7.000 páxinas, é unha obra de referencia do patrimonio cultural galego.
O segundo e terceiro premio foron, respectivamente, para Virtu Castro e Alba Sánchez, que tamén recibiron un lote de productos e un libro da escritora Rosa Aneiros.
Un exemplo a seguir: “A unión fai a forza”
Na súa intervención, Román Rodríguez destacou que Feiraco é o exemplo de que “a unión fai a forza” nun país de carácter minifundista, e destacou o seu labor de “creación de riqueza na contorna”. Apostou porque continúe “facendo marca Galicia” e puxo en valor o labor de iniciativas como a do concurso de relatos, “de alto nivel con máis dun cento de participantes”, que fomenta nos máis novos as actividades culturais a través das novas tecnoloxías, na liña das actuacións da súa Consellería.
Ó respecto, o presidente de Feiraco, José Montes, comprometeuse a seguir “por este camiño e dar un paso máis para promover a lingua”, deixando clara a identificación plena da marca con Galicia e os seus valores a través da Fundación Feiraco, concebida por Jesús García Calvo cunha plena “vocación sociocultural”.
O alcalde de Ames, José Manuel Miñones, destacou a “colaboración mutua” do Concello con Feiraco, a través da promoción de concursos, e tendeu a man para “avanzar nesta alianza cultural”. Ademais, gabou a campaña co gallo do Día das Letras Galegas, que conseguiu a través dos bricks chegar a milleiros de fogares.
Broche final dos actos de ‘Sempre coas Letras Galegas’
Baixo o lema ‘Sempre coas Letras Galegas’ Feiraco celebrou a efeméride do17 de maio convocando o seu xa tradicional concurso de relatos curtos en lingua galega na páxina oficial de Facebook. A campaña completouse coa produción dun packaging especial coa adaptación dun retrato orixinal do homenaxeado, Xosé Filgueira Valverde, e o acceso a un dos seus textos máis representativos, ‘O Galego Verdadeiro’ a través do código QR dos bricks de leite.
Desde hai máis de 45 anos, Feiraco amosa o seu compromiso con Galicia, tanto na súa filosofía e métodos de traballo, tendentes a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico, como nas actividades de proxección social que puxo en marcha ó longo da súa historia.