Día das Letras Galegas en FEIRACO: XIV Certame de Microrrelatos “Vai de mulleres”

(ATENCIÓN! Estivemos recibindo relatos sen a información de contacto. Se enviaches o teu relato a través da web, escríbenos a [email protected])

Esta iniciativa honra a Begoña Caamaño, escritora e xornalista que, na súa obra, reinterpreta desde unha ollada feminina historias míticas, dándolles voz a personaxes como Circe, Penélope ou Morgana.

En FEIRACO, o Día das Letras Galegas é unha cita importantísima dentro do noso compromiso con Galicia e coa súa cultura. É por iso que nos fai moita ilusión presentar o XIV Certame de Microrrelatos. Neste caso, quixemos homenaxear a figura e o legado de Begoña Caamaño, poñendo en valor o seu impacto literario e ideolóxico. Polo tanto, decidimos que a temática do certame deste ano sería “Vai de mulleres”.

En que consiste?

O certame deste ano estriba en crear unha historia situada en Galicia e protagonizada por mulleres. A extensión do texto non pode superar as 500 palabras e avaliarase en función de tres criterios: a orixinalidade (50% da valoración), a coidada redacción (25%) e o uso correcto da lingua galega (25%). Os participantes terán entre o 13 de abril e o 17 de maio para subir á páxina web os seus relatos.

Como participar?

Existen dúas categorías: a categoría xuvenil e a categoría de adultos.

No caso da categoría xuvenil, dirixida a alumnos de ESO e bacharelato, o profesorado de cada centro seleccionará o mellor relato de cada curso e os escollidos subiranse en formato PDF á web feiraco.es onde se debe cubrir ademais un sinxelo formulario de contacto. En canto á categoría de adultos, o autor ou autora deberá subir o seu relato en PDF á web feiraco.es.

Os premios!

Levamos máis de dez anos celebrando este concurso e queremos que cada edición sexa especial. Unha parte importante diso son os premios que preparamos para os gañadores:

1º premio: cadro con lámina ilustrada, 4 libros, lote de produtos FEIRACO, bolsa FEIRACO e marcapáxinas.

2º premio: 2 libros, lote de produtos FEIRACO, bolsa FEIRACO e marcapáxinas.

3º premio: 1 libro, lote de produtos FEIRACO, bolsa FEIRACO e marcapáxinas.

 

Sobre Begoña Caamaño:

Begoña Caamaño Rascado​ (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014) foi unha figura polifacética, destacando como xornalista, escritora, e activista política.

Nas súas obras, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), a súa narrativa caracterízase por unha profunda reivindicación feminista e pola recreación de mitos clásicos desde unha perspectiva feminina. Foi promotora de MUGACOM (Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación) para loitar pola igualdade laboral e o tratamento da imaxe feminina nos medios, ademais de participar activamente en movementos contra a violencia de xénero.

En resumo, Begoña Caamaño foi unha intelectual comprometida que utilizou tanto o xornalismo como a literatura para darlles voz ás mulleres e defender a liberdade informativa e os dereitos sociais en Galicia.

Esperamos o teu relato!

MÁIS NOTICIAS

Descubre todas as novidades de Feiraco e mantente ao tanto de todo o que facemos.

Ver todas as noticias

As mulleres e a literatura con perspectiva feminista protagonizan as mellores historias do XIV certame de microrrelatos Letras Galegas de Feiraco

26 Xuño, 2026

Ler máis

David Mella e Marisa García do RC Deportivo en Eroski con Feiraco

5 Maio, 2026

Ler máis

Unha experiencia emocionante co RC Deportivo para a rapazada

21 Abril, 2026

Ler máis