
Todos os días son 8 de marzo. Pero hoxe, especialmente, queremos dar un paso adiante polas nosas mulleres porque elas son, sen dúbida, un dos piares da nosa cooperativa.
Mulleres con iniciativa, emprendendoras, con tesón e arraigo á nosa terra! A muller rural ten tido sempre un papel fundamental no só no seo do fogar, senón tamén nas actividades agrogandeiras das súas explotacións familiares, levando a titularidade e o peso delas en moitas ocasións. “Mulleres de Seu” é un grupo de traballo nacido en 2013 que implica ás máis de 450 socias de CLUN e que ten un obxectivo claro: promover o empoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural cara a vía do liderazgo. Mulleres empresarias e gandeiras con voz propia.
Empoderamento feminino
Ao longo deste tempo Mulleres de Seu realizou unha morea de accións formativas, talleres e xornadas de traballo para todas as socias. E isto sigue! A axenda de 2018 ven repleta de actividades. Está proxectado un intenso almanaque de 15 sesións de formación e 6 visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia, en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de muxido, xestión de custos ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de ocio e confraternización.
De feito hoxe, con motivo do Día Internacional da Muller, reúnense en Vilalba máis de 100 socias de CLUN para celebrar esta data tan especial. É o II Encontro Mulleres de Seu e contará coa secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, e a testemuña da arquitecta e emprendedora propietaria do Spa Quinta da Auga, María Luisa Gil. O peche poñeráo o grupo de teatro Chévere, coa representación da obra “As fillas bravas”, que busca sensibilizar á sociedade fronte á violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres a través da visión feminina de tres xeracións. Un día para celebrar e proxectar o futuro!
Máis mulleres, mellores empresas
Pero o compromiso real para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres é algo que abrangue a toda a organización. Hoxe non podemos esquecernos tampouco das mulleres que temos noutras áreas da cooperativa: xestión, marketing, recursos humanos, investigación, loxística… Traballamos cada día para seguir derrubando muros e eliminando barreiras que obstaculizan a equidade entre homes e mulleres, un traballo recoñecido co distintivo Igualdade na Empresa do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade.
Ademais, promovemos a incorporación de mulleres a equipos directivos a través do programa #MásMujeresMejoresEmpresas.