Como cada ano, dende Feiraco co motivo das Letras Galegas animamos a todos os alumnos e alumnas de Galicia a escribir en galego participando no XI Certame de Relatos Breves que organizamos en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Presentación oficial do certame
O pasado mércores 10 de maio presentamos o certame por todo o alto no emblemático centro compostelán IES Rosalía de Castro.
Tivemos o privilexio de contar con Esther Estévez como madriña e condutora do acto. Esther compartiu con nós algunha que outra anécdota da súa historia co galego ademais de deixarnos algún aprendizaxe lingüístico. Sabedes o que significa ‘muxir’? Os alumnos de 1º e 2º da ESO do Rosalía de Castro tivérono bastante claro ?
Xabier Mouriño, director do IES Rosalía de Castro tamén aproveitou a ocasión para contarnos como dende o centro animan a todos os alumnos e alumnas a empregar o galego. Ademais, anunciou a estrea da obra de teatro protagonizada polos alumnos do instituto que se estreaba xustamente ese mesmo día.
Tamén tivemos a sorte de contar coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Este recordoulle a todos os rapaces o importante que é o seu papel para que o futuro sexa en galego. Animounos a seguir empregando a nosa lingua e por suposto, a participar no certame.
Jessica Rey, a nosa directora de marketing e comunicación tamén interveu no evento, contándonos o xa histórico compromiso de Feiraco co galego. Tamén nos explicou un pouco máis sobre a iniciativa FALAREI! e a súa conexión co autor homenaxeado este ano o Día das Letras Galegas, Franciso Fernández del Riego.
Como podes participar no certame?
Poden participar no certame todos os alumnos de 5º e 6º de Primaria e os alumnos de 1º e 2º da ESO de todos os centros de Galicia.
Os alumnos deberán redactar un relato breve en galego que aconteza na Galicia do futuro.
Entre todos os microrrelatos, cada centro deberá seleccionar dous, un por nivel, e subir os elixidos á web falarei.gal antes do día 9 de xuño.
Temos moitos premios en xogo!
Participar no XI Certame de Relatos ten premio seguro. Pois os 1.000 primeiros alumnos e alumnas en participar recibirán un estoxo de Feiraco.
Os finalistas elixidos por cada centro recibirán ademais un caderno de Feiraco.
E para os gañadores ou gañadoras e toda a súa clase… Unha excursión a unha das nosas granxas!
As bases completas para participar poden consultarse no Portal da Lingua Galega o na nosa web falarei.gal.