• Mulleres de Seu, iniciativa que integra xa a máis dun cento de socias da cooperativa CLUN, organizou un Encontro para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais
• O foro propiciou un espazo de debate sobre a posición das mulleres no mundo rural galego, nunha mesa redonda moderada pola decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, María Emilia Vázquez
• A coordinadora de ‘Mulleres de Seu’, Carmen Rodríguez, presentou o programa que desenvolverá nas próximas datas e fixo unha chamada aos seus integrantes para “continuar crecendo neste proxecto común a favor do liderado das mulleres no rural”
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2018.- Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) conmemorou hoxe o Día Internacional das Mulleres Rurais coa celebración dun Encontro do Grupo ‘Mulleres de Seu’. Baixo a lema “O futuro é de todas”, a xornada reuniu na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela a máis dun cento de socias de CLUN para xerar un espazo de reflexión sobre a posición das mulleres no rural galego.
O Grupo ‘Mulleres de Seu’ é unha iniciativa que partiu en 2013 da Fundación Feiraco e que na actualidade implica a todas as socias de CLUN, e que traballa para promover o empoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural.
A muller, figura clave no rural galego
O Encontro quixo reivindicar o papel clave da muller no rural de Galicia desde unha perspectiva histórica, social e económica. Este foi o tema da mesa redonda que vertebrou o programa do evento, moderada pola decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María Emilia Vázquez. Neste debate participaron tamén Mª Pilar Freire Esparís, profesora de Historia Económica da USC, especialista en historia da familia, demografía histórica, movementos migratorios, mundo rural e estudos de xénero; e a empresaria Silvia Chaves.
Na súa intervención, o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, fixo unha apelación ás integrantes do grupo: “Estades chamadas a liderar o cambio e facer da Galicia Rural un escenario próspero, innovador e de futuro; un medio competitivo no que se poida traballar, emprender e vivir”. “En CLUN estamos convencidos de que a igualdade debe guiar todas as nosas actuacións e proxectos”, engadiu. “A nosa tarefa é pór en valor a muller como epicentro da vida no campo, porque só a súa plena integración na vida económica en condicións de igualdade lle dará un futuro digno ao noso rural”, dixo. Neste sentido, enxalzou o traballo que vén facendo o grupo ‘Mulleres de Seu’, que foi merecedor de importantes recoñecementos como o Premio de Cooperativas Agroalimentarias de España na categoría de Igualdade de Oportunidades, concedido en 2017, e o Premio Agader 2018 ás Iniciativas de Desenvolvemento Rural na categoría de Mulleres, outorgado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.
Programa até o 2020
Pola súa banda, a coordinadora do Grupo ‘Mulleres de Seu’, Carmen Rodríguez, sinalou que o obxectivo de ‘Mulleres de Seu’ é “crecer e fortalecernos”, para o que se deseñou un amplo programa de accións até o 2020, que afondan nas liñas que vén desenvolvendo o Grupo e incorpora outras novas.
De cara ao próximo ano, incidirase nas accións de formación, con cursos de técnicas profesionais relacionadas coas explotacións gandeiras e no ámbito tecnolóxico, así como na incorporación de formación profesional especializada, traballando para que “se nos recoñeza cun título gandeiro as competencias profesionais”.
Así mesmo, poranse en marcha novas iniciativas centradas na mellora da calidade de vida. Talleres que afonden nos hábitos de vida saudables, educación no ámbito familiar ou formación no coidado de dependentes, incidindo na corresponsabilidade nas tarefas de coidado, entre outros.
Rodríguez sinalou ademais que se impulsarán actividades sociais e culturais, como un grupo de teatro; e no ámbito social buscarase tamén a colaboración con outras asociacións e entidades, visitando outras cooperativas en Galicia, Asturias e Castela A Mancha. A mellora do coñecemento do ámbito institucional é outro dos ámbitos nos que veu traballando o Grupo, e neste sentido está prevista unha visita ao Congreso dos Deputados.
Finalmente, Rodríguez animou a “continuar mellorando os nosos programas, incorporando a máis mulleres, e sen dar as costas a ningún dos problemas das mulleres no mundo, que tamén son os nosos”. “O movemento de empoderamento da muller é irreversible no mundo, e correspóndenos a nós que no rural teñamos os dereitos, o coñecemento e o recoñecemento do importante papel que a muller desempeña na sociedade rural”, apostillou.
Na clausura do Encontro interveu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que reiterou o compromiso do Goberno autonómico coa igualdade de xénero e as actuacións encamiñadas a empoderar as mulleres en todos os ámbitos de actividade e tomas de decisión.