Esforzo, compromiso, valor, entrega, traballo en equipo… Hai case 50 anos un grupo de gandeiros do val da Barcala uniuse co gran soño de crear un proxecto no rural galego movido por todos estes valores. Despois de medio século de andaina, Feiraco é hoxe o triunfo daquel reto, que parecía case unha quimera. Os nosos gandeiros e gandeiras tiñan razón.
Eles son os protagonistas indiscutibles do noso último spot, o mellor xeito que tiñamos de facerlles unha homenaxe e de compartir con todos vós o valor do seu traballo e tesón por construir un proxecto como Feiraco e por facer posible que chegue ás vosas mesas un leite de altísima calidade, 100% galego e procedente unicamente das nosas granxas.
Os nosos gandeiros/as son, sen dúbida, a chave da creación de Feiraco como cooperativa. Homes e mulleres que souberon adaptarse aos cambios do paso do tempo e que fixeron posible a modernización do agro galego. Todos eles son a historia viva de Feiraco que axudaron, co seu esforzo, a construír a Galicia de hoxe.
Un envase á altura dun gran leite
E se vós tamén pensabades que un gran leite como Feiraco merecía un envase á altura da súa calidade… tamén tiñades razón! Os novos envases de Feiraco e Leite Únicla marcan un dos grandes fitos da historia da nosa cooperativa e non podían faltar na nosa nova campaña. Son a materialización máis clara da nosa aposta pola innovación e a sustentabilidade. Non en van, trátase dos primeiros envases Pure–Pak® Sense Aseptic para lácteos de longa vida en todo o sur de Europa. Ademais, traen unha morea de melloras: máis ergonómicos, cero goteos, pregado fácil e cartón procedente unicamente de bosques sustentables.
Consumir leite Feiraco é seguir alimentando un xeito de ser marcado polo compromiso con Galicia, polo respecto ao medio e polo desenvolvemento económico do noso rural. E se xa consumiades Feiraco por todo iso e motio máis… tamén tiñades razón! 🙂