Que pasa se sacamos unha vaca do prado e a levamos a unha biblioteca? En Feiraco queremos sumarnos un ano máis á celebración das Letras Galegas, a festa máis importante da nosa literatura, que este ano homenaxea a figura do poeta de Guitiriz Xosé María Díaz Castro.
Facémolo a través dunha campaña especial coa que queremos felicitarlles o 17 de maio a todos os galegos e galegas e, por suposto, contribuír a poñer en valor a nosa lingua e a nosa cultura, que forman parte do noso xeito de ser. Ademais organizamos o III Concurso de Relatos Breves en facebook. Participade!
Alimentando un xeito de ser… galego
O Día das Letras Galegas é unha data que en Feiraco sentimos moi próxima aos nosos valores corporativos de compromiso e vinculación con Galicia.
Como non podía ser doutro xeito, o galego é a lingua que nos move na cooperativa e o vehículo natural de comunicación cos nosos consumidores. A nosa defensa do idioma e de Galicia pasa por unha aposta sincera polo uso do galego nas nosas campañas de publicidade, nos nosos envases de produto e na lingua que empregamos nas nosas comunicacións, mesmo a través das redes sociais.
Sendo como é a lingua que nos define, tamén aportamos o noso gran de area para impulsar e potenciar o galego entre os máis novos a través de actividades específicas como De onde vén o leite?, que mestura o coñecemento do sector gandeiro co fomento da lectura, a través da edición de dous contos en galego sobre o proceso do leite.
E, por suposto, non perdemos nunca a oportunidade de sumarnos a todas esas datas especiais do almanaque e da cultura galega, como é o caso do Entroido, no que ata facemos unha edición especial dos nosos envases.
Somos, en definitiva, xente de aquí que traballa para xente de aquí, alimentando un xeito de ser no que o espírito galego está moi presente.
Ler tamén alimenta
Coa deste ano, xa son tres as campañas que levamos feito para conmemorar o Día das Letras Galegas.
En 2012 unímonos á homenaxe de Valentín Paz Andrade cunha acción específica baixo o lema ‘Ler tamén alimenta’. Pola súa banda, ‘As letras con leite entran’ foi o eslogan escollido en 2013, ano no se conmemorou a figura de Roberto Vidal Bolaño.
Xunto con orixinais para prensa e publicidade dixital, este ano contamos de novo co noso xa tradicional Concurso de Relatos Breves en facebook, unha iniciativa que recibistes con gran acollida dende o inicio.
Só cómpre que busquedes un oco para a inspiración e nos propoñades un relato en galego de ata 500 caracteres con espazos. O requerimento deste ano é que debe empezar pola frase ‘A noite é…’, que se corresponde co título do poema número 2 da obra Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.
A que agardades para coller lapis e papel? Na pasada convocatoria recibimos máis de 130 relatos, o que demostra que, grazas a vós, estas letras nosas están máis vivas que nunca.