Feiraco, entregou esta mañá os premios aos gañadores do XII Certame de Microrrelatos, un concurso cada ano máis consolidado de Feiraco e que se celebra con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas para promover o coñecemento, o uso e a divulgación do idioma galego. Un certame consolidado que nesta edición sumou un cento de participantes de toda Galicia, así como a participación do alumnado de oito centros educativos. Como explicou Jessica Rey foron “relatos de moi distinta natureza e temática” que en gran medida representaban a realidade cotiá social na que vivimos, dende violencia de xénero, amizade, asasinatos e desaparicións, enfermidades como alzheimer, morriña… Unha importante parte dos galardóns foron para a provincia de Ourense, os tres da categoría xuvenil e o segundo premio da de adultos; mentres que os dous restantes de adulto recaeron na provincia de A Coruña.
Neste acto participaron o director de desenvolvemento de negocio de CLUN, Roberto Casas; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o fundador da Librería Follas Novas, Rafael García; e a directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey. Nel entregáronse os galardóns deste XII Certame de Microrrelatos, no que participaron alumnos e alumnas de Secundaria de oito centros educativos de Galicia na categoría xuvenil e case un cento de persoas na que categoría de maiores de 18 anos.
Jessica Rey puxo en valor a creatividade e a calidade dos relatos gañadores e destacou a gran participación que recibiu esta edición do certame. Pola súa banda, Valentín García destacou “a boa saúde e aceptación do Certame de Microrrelatos grazas o seu elevado índice de participación” –ademais engade- “esta promoción da lingua galega faise dende una marca de prestixio como é Feiraco
Premiados
As persoas galardoadas nesta edición de 2024 na categoría de adultos foron:
José Alvite Lema (de Negreira, A Coruña) acadou o primeiro premio con Púxenme a escoitar no silencio da noite”. Un relato nun momento de insomnio dun escritor co soño de ser lido e no que lembra tempos pasados.
O segundo foi para Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, Ourense) con “A liña do fronte”, unha emotiva narración sobre o alzheimer dun coronel do exército.
A terceira posición recaeu en Manuel Felípez Collazo (A Coruña) e o seu “Loliño” no que amosa a morriña da súa infancia na aldea.
A categoría xuvenil recaeu completamente en centros ourensáns.
Así “Unha noite no parque” de Miguel Salgado Abraldes, do CPI Virxe da Saleta (San Cristovo de Cea, Ourense) converteuse no ganador desta edición cun relato sobre desaparicións e asasinatos de tres rapaces nun parque.
Seguido de Analía Baloira Núñez con “Os campos de Galicia” toda unha declaración de amor a terra e o rural galego.
Finalmente, Noa Rodríguez Pájaro con “Xustiza pola mán” que trata sobre a violencia de xénero e a amizade. Ambos os dous do IES Xermán Ancochea Quevedo (Trives, Ourense).
Todos eles presentaron creacións literarias breves, de menos de 500 palabras, escritas en galego e comezando coa frase “Púxenme a escoitar…” , verso dun dos poemarios de Luisa Villalta, como homenaxe á escritora, a quen este ano se lle dedicou o 17 de maio. Os relatos poden consultarse na web www.feiraco.es
Os seis premiados recibiron un lote de produtos FEIRACO. A maiores, o primeiro premio de cada categoría recibiu un ano de libros en galego e un agasallo especial: unha vaca suxeita-libros feita por un artesán galego en madeira de bidueiro; o segundo premio levou un ano de libros en galego; e o terceiro premio recolleu unha selección de libros de Luisa Villalta.
O xurado do XII Certame de Microrrelatos conformado por FEIRACO e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, seleccionou os tres relatos premiados de cada categoría de acordo con tres criterios: orixinalidade e creatividade da historia, redacción coidada e uso correcto da lingua galega. Unha decisión que nesta edición foi especialmente difícil, debido á calidade dos relatos presentados, polo que todos os presentes no acto de entrega dos galardóns coincidiron á hora de felicitar ao xurado pola súa labor.
Coa entrega destes premios, CLUN pon o broche de ouro aos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha iniciativa que este ano incluíu unha campaña para promover a Leiteratura entre a cidadanía galega, como forma de reivindicar o a literatura en galego e o consumo de leite, como dous dos produtos máis excelentes que se producen na nosa terra.
Deste xeito, a cooperativa volve deixar constancia da total identificación da compañía e das súas marcas con Galicia, coa cultura galega e co rural galego. Un compromiso coa identidade patrimonial, cultural e tradicional da nosa terra que tamén se recolle noutras campañas estacionais como a celebrada recentemente co gallo do Entroido.
Feiraco é unha empresa láctea integrada en CLUN, cooperativa rural galega, e a maior cooperativa leiteira de Galicia, que conta con máis de 3.000 socios, cunha facturación de preto de 267 millóns de euros en vendas no 2023, sendo este o mellor balance da súa historia, e con presenza en 65 países.