O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco reuniu relatos de toda Galicia protagonizados pola música tradicional galega

  • As instalacións de CLUN en Ames acolleron hoxe a entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco
  • Adriana González, Adara Soto e José Luís Capón na categoría xuvenil e Ramón Domínguez, Tomás Rodríguez e Gemma Rojo, na de adultos, foron os gañadores desta edición
  • “A literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura” destacan dende Feiraco.

As instalacións de CLUN en Ames convertéronse, hoxe, no escenario da entrega de premios do XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco, convocados pola marca no mes de maio para celebrar o Día da Letras Galegas. Un acto no que se celebrou o poder da palabra de todas as persoas participantes e que contou coa presenza de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Patricia Miño, presidenta de Xacarandaina e o equipo directivo de CLUN.

Este certame, xa consolidado no panorama cultural galego, propuxo nesta edición crear historias arredor da figura das cantareiras e da poesía tradicional, achegando a alma e esencia da música galega a todas as xeracións. A proposta inspirou a decenas de participantes, que souberon dar voz a todas esas mulleres que mantiveron viva a música e a lingua galega ao longo da historia.

“É un orgullo ver como cada ano Feiraco é capaz de conectar xeracións a través da escrita”, sinalou a directora de marketing e comunicación de CLUN, Jessica Rey, que puxo en valor esta iniciativa, “coa que demostramos, unha vez máis, que a literatura segue a ser unha canle de transmisión das nosas raíces e da nosa cultura, coa que a marca Feiraco está completamente comprometida”.

Os relatos premiados

Os relatos premiados recollen palabras nas que brilla a tradición e a creatividade. Na categoría xuvenil, resultaron galardoadas Adriana González, Adara Soto e Gabriel Capón, todos eles estudantes do IES Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. Adriana emocionou co seu relato ‘Habelas hailas’, unha homenaxe ás avoas e ás súas historias. Adara ofreceu unha poderosa visión sobre a violencia de xénero en ‘Dunha pandeireta engailoada’, onde a música se converte en refuxio. Pola súa parte, Gabriel presentou ‘O cazador e a presa’, un texto que fai que o lector se mergulle no silencio do monte e a dureza da caza.

Na categoría de adultos, Ramón Domínguez, de Fene (A Coruña), destacou con ‘Carmela’, onde a protagonista intenta interpretar os sentimentos do seu namorado a través dos ferreños da súa pandeireta. Pola súa parte, Tomás Rodríguez, en ‘Campo de artistas’, recreou a vida dunha moza muda do Courel que logra cantar grazas a tocar a pandeireta, quedando para sempre a súa esencia no corpo e alma das persoas. Por último, Gemma Rojo, de Saviñao (Lugo), contou a historia dunha rapaza que, tras perder a súa pandeireta por unha cornada de vaca, crea outra coa tapa dunha pota e acaba conquistando os escenarios do país.

Os premios consistiron nunha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, ademais dun lote de produtos da marca. Ao remate, as persoas premiadas tiveron a oportunidade de visitar a fábrica láctea de Feiraco, coñecendo de preto o labor dunha marca que segue consolidando a súa aposta pola defensa da lingua e a cultura galega.

O XIII Certame de Microrrelatos de Feiraco confirma que Galicia non só é campo de artistas, senón tamén de lendas, de historias e de tradición.

MÁIS NOTICIAS

Descubre todas as novidades de Feiraco e mantente ao tanto de todo o que facemos.

Ver todas as noticias

Gañadores XIII Certame de Microrrelatos FEIRACO

4 Xullo, 2025

Ler máis

Feiraco ficha a Iago Aspas e David Mella para levar o gran derbi galego ao corazón do rural

19 Xuño, 2025

Ler máis

Celebramos o San Xoán homenaxeando á terra, á tradición e ao feito a man

12 Xuño, 2025

Ler máis