- O acto de presentación da obra, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, reuníu a preto de 200 persoas, entre representantes da familia de García Calvo, da Cooperativa e da Universidade nunha emotiva cerimonia con ambientación musical a cargo do grupo de cámara Minueto e do guitarrista nicrariense Xosé Guzmán.
- O volume recolle o pensamento e obra deste líder cooperativista e ilustre intelectual galego a través de múltiples artigos publicados durante máis de catro décadas á fronte de Feiraco. Inclúe tamén colaboracións de distintas personalidades e profesores universitarios, con fortes vencellos persoais e profesionais a García Calvo e ligados ao Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) e ao Consello Social da Universidade, que o homenaxeado presidíu durante 8 anos.
- O acto, ao que acudíu o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, tivo lugar hoxe no Paraninfo da Universidade.
Ponte Maceira, 04 de outubro de 2013.- “Jesús García Calvo. Feiraco, un modelo cooperativo para o desenvolvemento rural galego” é o título da obra que hoxe se presentou no Paraninfo da USC e que supón o recoñecemento post mortem ao presidente de honra e fundador da Cooperativa, xerme do cooperativismo agrario de Galicia e referente actual do sector leiteiro nacional.
Sobranceiras figuras do eido universitario e intelectual, directivos e traballadores de Feiraco e familia quixeron rendir tributo a este ilustre pensador galego nun sentido acto, presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao que tamén asistíu o reitor da Universidade, Juan Casares Long, e a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana; e ambientado pola música do grupo de cámara Minueto e do guitarrista nicrariense, moi próximo ao homenaxeado, Xosé Guzmán.
Escribindo as claves do desenvolvemento cooperativo
O libro recolle, en preto de 400 páxinas, o pensamento de García Calvo sobre a concepción e medidas necesarias para o desenvolvemento pleno do medio rural galego baseado nun modelo cooperativo. O asociacionismo agrario entendido de maneira profesionalizada, rendible, competitiva e innovadora, debidamente integrado nunha estrutura de Economía Social. O volume inclúe porén múltiples reflexións deste ilustre intelectual tanto de corte técnico, documental como, e sobre todo, humano, elaboradas durante máis de 40 anos á fronte de Feiraco e agora impresas nesta obra. Unha ampla escolma sobre a economía agrogandeira galega, que agora honra a memoria do fundador de Feiraco, e que se complementa con artigos doutras destacadas figuras do mundo académico ligadas ao Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento Económico de Galicia (IDEGA) e ao Consello Social da USC, que o homenaxeado presidíu durante 8 anos, e con fortes vencellos desde o punto de vista persoal e profesional con Jesús García Calvo.
Afecto, respecto e admiración dos seus sucesores
O presidente da Cooperativa, José Montes, lembrou que a relación que mantivo con Jesús García Calvo remóntase aos comezos de Feiraco, cando xermolou un proxecto cooperativo de longo alcance ligado a Cáritas Interparroquial de Negreira. “O liderado”, destaca Montes, “estivo sempre nas mans de D. Jesús, que acabou sendo unha institución comarcal, punto de referencia e cerebro dun verdadeiro movemento de masas cunha resposta encomiable a pesar dos escasos medios dos que dispoñía”. E que foi aí cando naceu o “meu afervoamento por un home insigne, cunha capacidade cum laude” no plano persoal e profesional. Ser o seu sucesor e ter a responsabilidade de continuar “un proxecto que segue mirando ao desenvolvemento rural e ao benestar da súa xente” cólmao agora de satisfacción.
O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, referíuse con admiración á figura de García Calvo ao lembrar que “telo coñecido e traballado con el foi unha honra e un estímulo. Falar con el era recibir unha lección continua. Cando finou, no 2011, foise unha vida que trascendeu a súa propia porque deixaba unha triple herdanza: a da familia, a da cooperativa que construíu e gobernou democraticamente durante 4 décadas e a dun intelectual que entendeu con paixón o tempo que lle tocou vivir”. Escribíu amplamente con gran sentido crítico e base técnica sobre a evolución histórica de Feiraco, as coxunturas e o seu contexto, “desde o entusiasmo fundacional, a entrada na Comunidade Económica Europea ou a severa crise que atravesou a Cooperativa no 2005 (cando me incorporei) e que obrigou a un cambio estratéxico que el titelou con acerto e compromiso”, rememorou Antuña.
Compromiso vital co agro galego
De amplísima formación académica e profesional en ciencias sociais e humanísticas, Jesús García Calvo (1921-2011), foi licenciado en dereito e rexistrador da propiedade. Foi presidente do Consello Social da USC e de UTECO Coruña, pertenceu ao Consello de Administración de FINSA e da Caixa Rural Provincial da Coruña. Autor de numerosos artigos e conferencias sobre economía social, cooperativismo e desenvolvemento rural, foi tamén experto en políticas agrarias da Unión Europea e a súa opinión ten sido referente intelectual independente e crítico.
O seu fondo compromiso coa mellora da economía rural en Galicia levouno a dedicar boa parte da súa vida, de maneira altruista, a liderar a reconversión do agro galego, cambiando o seu individualismo e baixa produtividade por un modelo de cooperación eficaz. Case con 50 anos, Feiraco mantén viva a súa identidade cooperativa e lidera o sector leiteiro en Galicia, facendo oír a súa voz, presidindo e participando nas primeiras institucións, entidades e foros que en Galicia e España definen o modelo presente e futuro da economía social e do sector.
Recoñecementos
Entre outras distincións, Jesús García Calvo recibíu as seguintes: Premio Agrario de Galicia 2005, Medalla de Ouro da USC, Medalla de Ouro da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, Comendador da Orde do Mérito Civil Agrícola, Insignia de ouro e brillantes como socio fundador de Feiraco.
Como presidente de Feiraco, recolleu, no seu nome, numerosas distincións, entre elas: Medalla de Galicia, Premio Agrario de Galicia á traxectoria empresarial, Premio Euroforo Empresarial á empresa galega con maior proxección exterior, Premio Carrefour ao produto preferido polos consumidores ou Premio Consumer ao leite de mellor relación calidade-prezo.