- Nun Encontro para celebrar o Día Internacional da Muller no que participou a secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella
- A xornada contou ademais co testemuño da arquitecta e emprendedora propietaria do Spa Quinta da Auga, María Luisa Gil, para falar da importancia do relevo xeracional
- Mulleres de Seu, que reuniu desde a súa creación en 2013 a máis de 450 socias das tres cooperativas que integran CLUN, traballa para promover o empoderamento e o desenvolvemento das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural
Vilalba, 8 de Marzo de 2017.- A cooperativa de segundo grao Unión de Cooperativas Lácteas (CLUN), nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, conmemora o Día Internacional da Muller 2018 co II Encontro ‘Mulleres de Seu’. Trátase dunha iniciativa que xurdiu en 2013 da Fundación Feiraco, que na actualidade implica a todas as socias de CLUN e que traballa para promover o empoderamento e o desenvolvemento profesional das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural.
A xornada, celebrada esta mañá en Vilalba baixo a lema ‘Un paso adiante’, contou coa participación de máis de 100 socias de CLUN e a presenza da secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, que felicitou a este colectivo de referencia no rural galego e reiterou o compromiso do Goberno autonómico coa igualdade de xénero e as actuacións encamiñadas a empoderar as mulleres en todos os ámbitos de actividade e tomas de decisión.
O presidente de CLUN, José Ángel Blanco, asegurou que o papel das mulleres socias da nova cooperativa de segundo grao “que nace da necesidade de xerar valor para as nosas explotacións” é capital no desenvolvemento, posicionamento e consolidación de CLUN no sector agrogandeiro galego. “Mulleres de seu expresa a vontade de CLUN de que a igualdade presida todas as súas actuacións; de que a muller adquira todo o protagonismo alí onde realiza as súas actividades, que sexa recoñecido por todos que a muller rural desenvolve funcións imprescindibles para a continuidade da vida no campo. Este é o século das mulleres e da igualdade”, manifestou.
Arquitectura en femInino
No Encontro participou tamén a arquitecta e emprendedora, conselleira delegada do Relais&Chateaux A Quinta da Auga de Santiago, María Luisa García-Gil, que falou da importancia de transmitir ás novas xeracións, no seu caso, a súa filla, os valores de tenacidade, liderado, emprendemento e innovación para derrubar barreiras de xénero. María Luisa García é un exemplo de muller emprendedora, polifacética e adiantada á súa época, que conseguiu un título universitario nunha carreira “de homes” facéndose un nome no mundo da arquitectura. Pioneira na restauración de casas de turismo rural, unha das primeiras profesionais en facer vivenda de protección oficial, é responsable de máis de 500 rehabilitacións integrais en Galicia e Premio Europa Nostra da Haya en 2002 pola súa obra no Pazo A Torre do Monte. Sempre á beira das últimas tendencias e da innovación con tradición, García-Gil exerce na actualidade a súa faceta de empresaria como conselleira delegada do hotel Quinta da Auga, onde a creatividade, a constancia e a calor humana inspiran cada un dos seus proxectos.
As fillas bravas
É o título da obra de teatro que representou o grupo galego Chévere durante a reunión desta mañá. “Un espazo para a arte e o espectáculo con compromiso de xénero”, en palabras da vicepresidenta de Feiraco e impulsora de Mulleres de Seu, Carmen Rodríguez. A obra conta a historia de tres mulleres que cantan “o que lles dá a gana” como antes fixeran a súa nai e a súa avoa, porque todas “son fillas do vento”. Con esta peza que ofrece ás mulleres unha boa dose de autoestima, Chévere reafirma modelos empoderados da muller e segue explorando as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero para sensibilizar a sociedade fronte á violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres.
Mulleres de Seu
A vicepresidenta de Feiraco, Carmen Rodríguez, compartiu coas asistentes os obxectivos, as actividades realizadas ata o momento, os resultados máis significativos insistindo na súa boa marcha e o potencial futuro que posúe. O pasado ano destacou o Premio concedido por Cooperativas Agroalimentarias de España en Igualdade de Oportunidades. O grupo, constituído en 2013 desde a Fundación Feiraco, reuniu a máis de 450 socias en máis dunha vintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo. Para este 2018 está proxectado un intenso calendario de formación, unhas 15 sesións máis seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia, en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de ordeño, xestión de custos ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de lecer e confraternización. Un comité de traballo é o responsable na actualidade de coordinar os proxectos deste grupo adecuándoos ás necesidades das tres cooperativas que conforman CLUN, as súas áreas de influencia e as demandas de todas e cada unha das súas socias.
Carmen Rodríguez resumiu o obxectivo de Mulleres de Seu no “empoderamento das socias da cooperativa, en condicións de igualdade, e tamén en institucións e organizacións sociais”. “Queremos ser mulleres con iniciativa propia, emprendedoras, con tesón, con arraigamento á nosa terra e á nosa idiosincrasia”, sinalou