- A vicepresidenta de Feiraco e coordinadora deste grupo de empoderamento feminino no rural recolleu hoxe a distinción na categoría Mulleres en presenza do presidente da Xunta
- A iniciativa Mulleres de Seu, que agrupa na actualidade a máis de 150 socias, constitúe a aposta de Cooperativas Lácteas Unidas pola igualdade e busca o desenvolvemento profesional como empresarias e gandeiras
Ponte Maceira, 14 de setembro de 2018.- O grupo para o empoderamento feminino no ámbito cooperativo de CLUN ‘Mulleres de Seu’ recibiu o premio AGADER 2018 na categoría Mulleres por contribuír de xeito singular á promoción do medio rural e á xeración dunha sociedade máis dinámica e cohesionada.
Recolleu a distinción, en presenza do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e da conselleira do Medio Rural Ángeles Vázquez, a coordinadora do grupo e vicepresidenta de Feiraco, Carmen Rodríguez, asegurando seguir traballando por consolidar esta iniciativa coa que “buscamos a nosa capacitación profesional como empresarias e gandeiras, a formación técnica e emocional, a dignificación do noso papel no ámbito rural e o empoderamento feminino a través da participación na Cooperativa e nos órganos de xestión”.
“Conseguimos ademais que todas as compañeiras se identifiquen co noso plan de traballo, con perfís moi diferentes, desde mozas emprendedoras que se incorporan ao rural como as que levan toda a vida a cargo dunha gandeiría. Xuntas queremos contribuir a crear un rural vivo e activo aproveitando, desde Mulleres de Seu, todo o talento a través da igualdade de oportunidades”, engadiu Carmen Rodríguez.
A vicepresidenta de Feiraco considerou o recoñecemento como un salto cualitativo na traxectoria de Mulleres de Seu e felicitou aos demais premiados desta 9ª edición dos Premios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: Veigas de Sabugueiro, Cooperativa Levinred, Trasdeza Natur, a iniciativa para a recuperación de terreos abandonados no concello de Miño, Turisa Galicia, a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Ourense e Festival da Luz.
Mulleres de Seu, a aposta de CLUN pola igualdade
Fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo desta iniciativa nacida ao amparo da Fundación Feiraco, en colaboración con AGACA, no 2013. Mulleres de Seu ten ido madurando nos últimos anos e será unha das liñas prioritarias das políticas de Responsabilidade Social Empresarial de CLUN para os vindeiros exercicios.
O grupo reuniu ata a actualidade ás súas socias en máis dunha trintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo. Para o 2018 está proxectado un intenso calendario de formación, con máis de 15 sesións, seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia, en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de muxido, xestión de custes ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de ocio e convivencia.
Un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas, é o responsable hoxe en día de coordinar os proxectos deste grupo adecuándoos ás necesidades das tres cooperativas que conforman CLUN (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), ás súas áreas de influencia e ás demandas de todas e cada unha das súas socias.