- Nunha visita que organizaron onte e na que foron recibidas pola presidenta da Cámara Baixa, Ana Pastor, e polas Comisións de Igualdade e de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente
- A iniciativa Mulleres de Seu, que agrupa na actualidade a máis de 150 socias, constitúe a aposta de Cooperativas Lácteas Unidas pola igualdade e busca o desenvolvemento profesional como empresarias e gandeiras
Ponte Maceira, 13 de decembro de 2018.- O grupo para o empoderamento feminino no ámbito cooperativo de CLUN ‘Mulleres de Seu’ levou onte o seu programa ao Congreso dos Deputados. Unha delegación das socias da Cooperativa tivo a oportunidade de expoñerlle de primeira man os retos e accións do grupo á presidenta da sede da soberanía nacional, Ana Pastor; ademais de aos presidentes das Comisións de Igualdade e Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Pilar Cancela e José Ignacio Llorens, respectivamente. A coordinadora do grupo, Carmen Rodríguez, trasladou o agradecemento pola recepción, a oportunidade “gratificante” de coñecer in situ o funcionamento e composición deste órgano de gran relevancia institucional e asistir á conmemoración do 40 aniversario da Constitución Española dentro do programa de actos que se está a desenvolver estes días. En relación con Mulleres de Seu, Rodríguez asegurou seguir traballando por “consolidar esta iniciativa coa que buscamos a nosa capacitación profesional como empresarias e gandeiras, a formación técnica e emocional, a dignificación do noso papel no ámbito rural e o empoderamento feminino a través da participación na Cooperativa e nos órganos de xestión”. “Xuntas queremos contribuir a crear un rural vivo e activo aproveitando todo o talento a través da igualdade de oportunidades”, engadiu.
Mulleres de Seu, a aposta de CLUN pola igualdade
Fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo desta iniciativa nacida ao amparo da Fundación Feiraco no 2013. Premiada recentemente pola Xunta de Galicia, a través de Agader, e por Cooperativas Agroalimentarias de España, Mulleres de Seu ten ido madurando nos últimos anos e é unha das liñas prioritarias das políticas de Responsabilidade Social Empresarial de CLUN para os vindeiros exercicios.
O grupo reuniu ata a actualidade ás súas socias en máis dunha trintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo. Durante este 2018 levouse a cabo un intenso calendario de formación, con máis de 15 sesións, seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia, en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de muxido, xestión de custes ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de ocio e convivencia. A planificación para o 2019 farase en liña coa deste ano, incidindo naqueles aspectos máis demandados polas socias da cooperativa. Un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas, é o responsable hoxe en día de coordinar os proxectos deste grupo adecuándoos ás necesidades das tres cooperativas que conforman CLUN (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), ás súas áreas de influencia e ás demandas de todas e cada unha das súas socias.