A cooperativa CLUN reunirá aos seus gandeiros no cumio ‘Explotacións lácteas galegas. Visión 2025’
- Mercado lácteo internacional, futuro nunha contorna treboenta, produción de forraxes, eficiencia e sustentabilidade centrarán o debate no I Cumio Gandeiro que organiza Unión de Cooperativas Lácteas en Santiago este mércores, 22 de marzo
- O presidente da Xunta inaugurará a Xornada, que se celebrará no Palacio de Congresos, e que será clausurada pola conselleira do Medio Rural
A cooperativa de segundo grao Unión de Cooperativas Lácteas (CLUN), nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, organiza a súa I Xornada Técnico Económica, na que se darán cita gandeiros e profesionais relacionados co sector agrario co fin de analizar o futuro do sector lácteo desde unha perspectiva global baixo o título “Explotacións Lácteas Galegas. Visión 2025”. A xornada, que se celebrará este mércores, 22 de marzo, no Palacio de Congresos de Santiago, será inaugurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo (11.40h), mentres que a conselleira de Medio Rural, Anxos Vázquez, será a encargada de clausurala (18:00h).
Consulta o Programa da I Xornada Técnico Económica
Na Xornada abordaranse diversas cuestións técnico-económicas e estratéxicas de especial interese para os socios de CLUN á hora de exporse ao seu futuro no sector, como a eficiencia do rabaño, produción de forraxes, produtividade da man de obra e, sobre todo, as perspectivas do mercado lácteo desde a actualidade ata o horizonte 2025.
Nesta contorna, expertos de referencia debaterán e confrontarán ideas e puntos de vista, co fin de poder orientar as explotacións a ser sustentables, e os asistentes poderán coñecer as diferentes liñas de actuación, tanto en España como en Europa, en materia de produción láctea.
Un programa con expertos de referencia a nivel europeo
No I Xornada impulsada por CLUN, que nace con vocación de consolidarse como unha cita bianual de referencia para o sector agrogandeiro, participarán expertos como Sophie Helaine, xefa de Unidade Adxunta do EU Milk Market Observatory, que analizará as perspectivas do mercado lácteo no contexto europeo e o catedrático Carlos Buxadé, co relatorio ‘O futuro do vacún de leite nunha contorna treboenta’. A continuación, o director técnico Rancho As Neves José Luís Juaristi dará as claves do éxito na produción leiteira, e o experto Bernard Andrieu, technical manager de Lallemand Animal Nutrition, analizará o reto de producir forraxe en 2025. Na sesión de tarde, terá lugar unha mesa redonda co título ‘Explotacións de vacún de leite: eficiencia, sustentabilidade e futuro’, na que compartirán posturas gandeiros das explotacións San José de Lérida e Casa Reigada de Lugo, ademais de expertos do sector.