- Un galardón co que se pretende homenaxear ao presidente de honra e fundador da Cooperativa, comprometido coa mellora da economía rural en Galicia e a reconversión do agro galego.
- Na modalidade de “Textos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas”, a gañadora foi Araceli Freire Cedeira coa tese doutoral “Conflitividade social no medio rural galego (1939-1975): o caso dos montes veciñais en man común”
- Francisca Gago Guillán alzouse co premio na modalidade “Traballos Fin de Máster e Fin de Grao” con “Os modelos de aplicación do programa Leader 2007-2013 no Estado español”.
Ponte Maceira, 16 de decembro de 2014.- A Fundación Feiraco convocou, en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela, o Premio Jesús García Calvo de Investigación en Desenvolvemento Rural e Cooperativismo para premiar aqueles traballos de investigación que contribúan ao mellor coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e o cooperativismo en Galicia co fin último de mellorar a actividade económica e a calidade de vida da poboación rural.
O gañador desta primeira edición na modalidade de “Textos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas” foi Araceli Freire Cedeira. Na modalidade de “Traballos Fin de Máster e Fin de Grao”, a agraciada foi Francisca Gago Guillán.
Ao acto de entrega, que tivo lugar hoxe, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e que estivo presidido polo reitor da USC, Juan Viaño, acudiron o presidente da Fundación Feiraco, José Montes; a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia (CES), Corina Porro; o director do Idega, Xaquín Fernández Leiceaga; e o profesor da USC, Juan Carmona, que comezou a cerimonia coa lectura da conferencia “Emprendimiento en Galicia. Unha reflexión a partir das figuras de Jesús García Calvo e Valentín Paz Andrade”.
Traballos premiados
Baixo o título “Conflitividade social no medio rural galego (1939-1975): o caso dos montes veciñais en man común”, Araceli Freire Cedeira centrou a súa investigación nos montes veciñais como obxecto de estudo para esclarecer a historia recente da sociedade rural galega. A tese fai unha exhaustiva revisión da evolución da lexislación forestal durante o franquismo, do dereito consuetudinario sobre o monte reivindicado polos veciños, da súa loita pola recuperación dese dereito, os conflitos ocasionados e a súa resolución coa devolución efectiva final das propiedades comunitarias.
O traballo de fin de máster de Francisca Gago Guillán, “Os modelos de aplicación do programa Leader 2007-2013 no Estado español”, analiza por primeira vez, de maneira cuantitativa, os modelos de aplicación do programa Leader nas diferentes Comunidades Autónomas españolas para o período de estudo do traballo.
Premio Jesús García Calvo
A Fundación Feiraco decidiu convocar por primeiro ano o Premio Jesús García Calvo como homenaxe ao presidente de honra e fundador da Cooperativa, comprometido coa mellora da economía rural en Galicia e a reconversión do agro galego, cambiando o seu individualismo e baixa produtividade por un modelo de cooperación eficaz.
Feiraco quere manter viva a súa identidade cooperativa, facendo oir a súa voz premiando todas aquelas iniciativas que defendan, como o fixo o seu fundador, o modelo presente e futuro da economía social e do sector.