- Feiraco celebrou o 4 de xullo o acto de entrega dos galardóns correspondentes ao tradicional certame literario que convoca con motivo do Día das Letras Galegas.
- Os gañadores da VI edición do certame de Microrrelatos de Feiraco foron Vili Rei, Alba Sánchez e Ariadna Fernández, na categoría de adultos; e Candela Millán, Ana Rosa Cantalejo e Alba Suárez, na de xuvenil.
- No acto de entrega participaron, entre outros, o secretario Xeral de Política Lingüística, o académico da Real Academia Galega, o administrador da Fundación Carlos Casares, o vicepresidente e director da división láctea de CLUN e o ilustrador Siro López.
Feiraco entregou os galardóns aos gañadores do seu xa tradicional certame literario, que se celebra cada ano con motivo do Día das Letras Galegas. No acto participaron o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o académico da Real Academia Galega, Xesús Ferro Ruibal o administrador da Fundación Carlos Casares, Häkan Casares; o vicepresidente e director da división Láctea respectivamente de CLUN, José Montes, Pablo Gómez, así como o ilustrador Siro López, que asinou bricks conmemorativos das Letras Galegas 2017 coa caricatura de Carlos Casares debuxada por el.
Todos os presentes recordaron a Carlos Casares con emotivas palabras e narraron anédcdotas que só os seus achegados e familiares, tamén presentes, podían coñecer.
Os galardoados desta edición de 2017 foron Vili Rei por O cantil cala, Alba Sánchez por Pan duro, e Ariadna Fernández por O mar, na categoría de adultos; e Candela Millán, Ana Rosa Cantalejo por Morriña e Alba Suárez por Nun recuncho do ceo, na de xuvenil.
Todas elas son composicións literarias breves, de ata 500 caracteres, que comezan pola frase da obra Deus sentado nun sillón azul “E alí estaba, sentado nun sillón azul” como xeito de homenaxe ao xornalista e escritor Carlos Casares ao que este ano se lle dedicou o 17 de Maio. Seu fillo, Häkan Casares, indicou que o autor sempre estivo preocupado por promover e potenciar novos talentos literarios.
O certame, cada ano máis consolidado e con participacións de moita calidade, incorporou como novidade esta edición unha nova categoría, a xuvenil, coa finalidade de fomentar a creación literaria en galego entre os máis novos. Entre os premios figuran diferentes seleccións de libros, entre os que se inclúe a Enciclopedia Galega Universal, ademais dunha escolma de obras literarias en galego, e variados lotes de produtos de Feiraco.
Guinda á conmemoración do Día das Letras Galegas
Con esta entrega de premios, Feiraco ponlle a guinda á conmemoración que cada ano leva a cabo polo Día das Letras Galegas. Unha iniciativa que reflicte o compromiso de CLUN co idioma propio, deixando constancia da plena identificación da compañía e as súas marcas con Galicia e os seus valores. Exemplos desta aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional de Galicia, son as campañas estacionais do Entroido ou San Xoán.