MÁIS DE 600 GANDEIROS ASISTEN Á II XORNADA TÉCNICO-ECONÓMICA
- A Cooperativa Láctea Galega organizou o encontro para dar a coñecer a gandeiros, socios e cooperativas a situación actual e o futuro do sector, así como as liñas de actuación a seguir neste novo escenario.
- O director xeral de Feiraco insta a mellorar a competitividade coidando a sustentabilidade enerxética e optimizando o terreo para lograr unha rendibilidade superior que xere beneficios.
- A conselleira de Medio Rural e do Mar, encargada da inauguración do evento, asumiu o compromiso da Administración para fortalecer o sector lácteo neste novo contexto.
Ponte Maceira, 10 de marzo de 2014.- A Cooperativa Láctea Galega Feiraco celebrou esta mañá en Santiago de Compostela a II Xornada Técnico-Económica “A produción láctea ante un novo escenario”. No encontro, organizado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia para achegar a socios, gandeiros e cooperativas a situación actual e o futuro do sector tras a desaparición das cotas lácteas, o director xeral de Feiraco, José Luís Antuña, lanzou unha mensaxe de optimismo aos máis de 600 profesionais do ámbito alí reunidos.
Da súa inauguración encargouse a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que valorou a importancia do sector lácteo, tractor da economía galega. Quintana asumiu o compromiso da Administración para fortalecer o sector lácteo neste novo escenario sen cotas. “Hai que apostar por unha fórmula acertada: o fortalecemento das estruturas cooperativas e das asociacións de produtores lácteos. É o momento de achegar posturas entre os distintos axentes da cadea de valor cara a modelos eficientes, rendibles e competitivos. O obxectivo de todos os que formamos parte desta engrenaxe é converter o escenario nunha nova oportunidade”, afirmou.
Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa de Formación activado pola Cooperativa en 2008 para impulsar a cualificación dos seus socios como base para continuar crecendo e incrementando a súa competitividade dentro do sector.
Preparados para producir con criterios de seguridade e calidade
Antes de realizar unha reflexión sobre o novo escenario sen cotas, o director xeral da Cooperativa Láctea Galega, José Luís Antuña, quixo lanzar unha mensaxe de optimismo aos presentes: “Galicia, os gandeiros galegos da cooperativa e moitos outros, están preparados para producir cos criterios de seguridade e calidade e todos os requisitos máis esixentes dos mercados, como o fan as mellores granxas europeas”.
Antuña fixo referencia ás posibles solucións para tentar facer fronte á desregularización de prezos, ben arranxando a escaseza de leite no mercado para evitar a importación de excedentes doutros países; ben mediante a fortaleza na negociación dos prezos, ou traballando na xeración de produtos de valor a través da innovación ou coa mellora das marxes actuando sobre os custos de produción.
Aludiu tamén ao esforzo realizado para que “todas as partes da cadea asuman unhas marxes racionais que permitan defender as nosas explotacións defendendo ao mesmo tempo os intereses do consumidor a comprar leite a un prezo aceptable e asumible” porque “gústenos ou non, o novo escenario sen cotas é a nosa realidade inmediata, que define o marco estratéxico onde se desenvolverá o sector lácteo”, declarou.
Durante a súa intervención afirmou ademais que “en todos os plans estratéxicos Galicia figura como unha zona do mundo óptima para a produción de leite” por iso animou aos socios a continuar traballando, coñecendo os custos de cada explotación e actuando sobre eles. Instou a mellorar a competitividade coidando a sustentabilidade enerxética e optimizando o terreo para lograr unha rendibilidade superior que xere beneficios.
O novo escenario desde o punto de vista da industria e o produtor
Durante a sesión, reflexionouse sobre o presente e futuro do sector lácteo español desde o punto de vista do mundo cooperativo da man do director do Departamento de Gandaría de CAE, Fernando de Antonio.
Tamén se profundou na desaparición das cotas, analizando se supón unha ameaza ou unha oportunidade e cales son as actuacións prioritarias da man do coordinador da Asociación Industrias Lácteas de Galicia, Pedro Ramos.
Ademais celebráronse dúas mesas redondas para abordar o novo escenario desde a óptica da industria, na que participaron, Fernando de Antonio, Pedro Ramos, Juan Manuel Fiz e José Luís Antuña, e o novo escenario desde a óptica do produtor no que interviñeron os propietarios de explotacións de Cantabria, Segovia, Toledo, Portugal e A Coruña.