As cooperativas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas promoven unha nova cooperativa de segundo grao nun proxecto aberto a outras cooperativas agrogandeiras
O principal obxectivo é crear un grupo cooperativo de referencia no sector agro-gandeiro, que permita gañar tamaño e eficiencia a curto prazo, e así converterse nun grupo líder na economía galega.
O novo grupo cooperativo nace con tres grandes obxectivos estratéxicos, que contribúen á sustentabilidade da produción láctea galega:
• Integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción
• Optimizar as subministracións
• Agregar volume para mellorar a cadea de valor láctea e contribuír á súa estruturación
Os consellos reitores das catro cooperativas acordaron a integración, que deberá ser ratificada polas súas respectivas asembleas xerais de socios o 31 de outubro de 2016.
Este paso importante vai na liña dos grandes movementos cooperativos europeos
Catro cooperativas gandeiras galegas: Feiraco, Irmandiños, Melisanto e Xallas, alcanzaron un acordo polo que inician un proceso de integración das súas actividades e negocios nunha cooperativa de segundo grao. As cooperativas que impulsan este acordo de integración adícanse principalmente á fabricación de pensos, tenda agrícola e á prestación de servizos aos seus socios; e á recollida, envasado e distribución de leite, así como doutros derivados lácteos.
Cada unha das cooperativas partícipes procederá a achegar a totalidade dos seus negocios -activos e persoal- á nova cooperativa a cal, a partir da integración, pasará a realizar todas as actividades fronte a terceiros.
As porcentaxes de participación de cada unha das catro cooperativas na nova cooperativa de segundo grao obtivéronse en función da valoración de cada unha delas, correspondendo a Feiraco S.C.G. o 45,3%; Os Irmandiños, o 30,7%; Melisanto, o 12,6%; e Xallas – Santa Comba S. C. G., o 11,4%.
O novo grupo contará con participacións significativas nas sociedades Feiraco Piensos S.L, Feiraco Lácteos S.L, Clesa-Acolat, Ucoga Asesores, Delagro S.C. e Artesans Gandeiros.
O proxecto de integración cooperativa agrupará inicialmente a 4.340 gandeiros que producen 410 millóns de litros de leite, dos que as cooperativas procesan 150 millóns de litros; así mesmo elaboran nas súas fábricas 240.000 toneladas de pensos e forraxes, e contan cun persoal total de 437 traballadores. No último exercicio a facturación agregada das catro cooperativas, ascendeu á contorna de 200 millóns de euros.
A nova cooperativa disporá de fábricas de produción de pensos nas seguintes localidades: Santa Comba, Ribadeo, Melide e Ponte Maceira, así como surtidores de gasóleo en Ponte Maceira, A Picota e Ribadeo e tendas agrarias en Melide, Ponte Maceira, A Picota, Ordes, Santa Comba e Ribadeo.
En canto á extensión dos servizos a socios, xunto á asistencia á reprodución do gando e alimentación, servizos veterinarios e á calidade do leite prestaranse servizos de xestión económica, xestoría administrativa e seguros, subministración de gasóleo, fertilizantes e outros, así como servizos de horta, maquinaria e taller de reparacións.
O futuro do sector lácteo está condicionado pola forte volatilidade dos prezos nun mercado global, polo que a integración dos servizos técnicos económicos para alcanzar unha maior eficiencia nos custos de produción, que afecta os socios das cooperativas tanto polo tamaño reducido das explotacións, como pola falta de integración nun proceso industrial que lles achegue retorno cooperativo, será o primeiro obxectivo estratéxico do acordo.
Optimizar as subministracións nas mellores condicións competitivas, é o segundo obxectivo do acordo cooperativo, dado o efecto directo que as materias primas de alimentación animal e outras subministracións representan na competitividade das explotacións gandeiras; xunto a sumar volume de produción láctea que permitirá ás cooperativas contribuír á mellora da cadea de valor e a súa estruturación, constitúen os outros dous obxectivos do acordo.
Á súa vez, a nova cooperativa de segundo grao terá outras evidentes vantaxes competitivas: compartir o coñecemento facilitará responder as esixencias da demanda, nun mundo que sociolóxicamente require tipoloxías de produtos innovadores e saudables que faciliten tamén o acceso ao mercado exterior; prestar unha nova xeración de servizos integrados que incremente a rendibilidade das explotacións; cooperar cunha distribución concentrada en estratexias promocionais e de márketing, tamén constitúen fortalezas relevantes do acordo, que no seu conxunto contribúen á sustentabilidade do sector lácteo galego.
Unha cooperativa de segundo grao
A constitución dunha cooperativa de segundo grao, na que se integren os distintos negocios das cooperativas asinantes, será o instrumento para operar nos mercados, cun consello reitor no que os presidentes das distintas cooperativas establecerán as estratexias e políticas do novo grupo empresarial da economía social.
Este proxecto está aberto ao ámbito cooperativo, do que naceu a través da intermediación de AGACA, polo que está prevista a integración futura de novas cooperativas; o novo grupo estimula e fomenta este movemento integrador entendendo que debese universalizarse canto sexa posible para poder cumprir o seu obxectivo constitutivo de portas abertas.
Os consellos reitores aprobaron o 7 de outubro, e esperamos que as asembleas xerais das cooperativas asinantes ratifiquen o próximo 31 de outubro o acordo de integración, que estará plenamente operativo en xaneiro de 2017.
Esta decisión de unión cooperativa tómase nun contexto global de volatilidade dos prezos e atonía da demanda, aínda que con plena confianza no papel da produción de leite e derivados nunha alimentación saudable global, que responda tamén as características da demanda mundial en canto a todo tipo de segmentos do mercado, pois sempre foi a categoría máis innovadora e dinámica, xunto á perspectiva de futuro.
Enlaces de interese
Cuatro cooperativas prevén su integración en un grupo lácteo de referencia que comience a operar en enero
Medio Rural felicítase pola unión de catro cooperativas galegas nun só grupo lácteo de referencia na comunidade
Esta alianza nos acerca al modelo cooperativo vigente en Europa
Cuatro cooperativas lácteas gallegas prevén unirse y abarcar el 20% del mercado
Feiraco, Irmandiños, Melisanto y Xallas impulsan una cooperativa que liderará el lácteo en Galicia