A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago celebrou a festividade de San Vicente Ferrer, patrón dos seus estudos, cun evento no que se desvelaron os gañadores de distintos premios académicos, artísticos e honoríficos.
Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) recibiu o premio Premio Fulget 2017, que recoñece a empresas ou colectivos empresariais galegos que destacan polo seu traballo a prol das mellores relacións entre a actividade económica e a súa contorna profesional. Plano no que CLUN ten un claro compromiso coa Facultade desde hai 20 anos co patrocinio do IDEGA e a convocatoria do Premio Jesús García Calvo; formando parte do comité consultivo de expertos para ofrecer asesoramento na mellora da empregabilidade do alumnado en diversos campos; ademais do uso que fai CLUN da bolsa de emprego da Facultade para incorporar profesionais de alta cualificación. Recolleu o premio o director comercial de CLUN, Ramón Mandiá.
O acto de entrega contou coa presenza da decana de Económicas e Empresariais, María Emilia Vázquez; do vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto Javier López; e de numerosos profesores e alumnos, ademais de varios directivos de CLUN.