- A cooperativa celebrou hoxe o acto de entrega dos galardóns correspondentes ao tradicional certame literario que convoca con motivo do Día das Letras Galegas
- Os gañadores da VII edición do certame de Microrrelatos de Feiraco foron Arcadio Mallo, Tania Vidal e Susana Villamor, na categoría de adultos; e Lorena Fernández, Ariana Núñez e Nerea Costa, na xuvenil
- No acto de entrega participaron, entre outros, o secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, o presidente da Real Academia Galega, o vicepresidente e o director da división láctea de CLUN
Ponte Maceira, 12 de xullo de 2018.- Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) fixo hoxe entrega dos galardóns aos gañadores do seu xa tradicional certame literario, que se celebra cada ano con motivo do Día das Letras Galegas. No acto participaron o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o vicepresidente da cooperativa e o director da división Láctea respectivamente, José Montes e Pablo Gómez, así como a presidenta do xurado, a escritora Rosalía Morlán.
Os galardoados desta edición de 2018 foron Arcadio Mallo, Tania Vidal e Susana Villamor, na categoría de adultos; e Lorena Fernández, Ariana Núñez e Nerea Costa, na de xuvenil. Todas elas son composicións literarias breves, de ata 500 caracteres, que comezan pola frase da obra A festa no faiado “Subiu ata o faiado da casa e alí…” como xeito de homenaxe á autora Ana María Victoria Moreno á que este ano se lle dedicou o 17 de maio.
O certame, cada ano máis consolidado, forma parte da tradicional campaña promocional de CLUN con motivo da festividade das Letras Galegas. Este ano incluíu a campaña de animación á lectura “Practica a LEITura”, que permitiu optar a un dos 150 carteis vintage que sorteu a cooperativa; e a colaboración na Carreira do Camiño das Letras e nos premios do Concurso-Exposición Letras Galegas 2018 convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. A reedición dos contos De onde vén o leite?, para achegarlles aos máis pequenos os procesos de obtención do leite desde a granxa á mesa, completou nesta edición as accións conmemorativas da festividade do 17 de maio.
Entre os premios figuran un cartel chapado vintage da campaña “practica a LEITura”, diferentes seleccións de libros, ademais dunha escolma de obras literarias en galego, unha estancia para dúas persoas no Pazo de Lestrove, cortesía de Pousadas de Compostela, e variados lotes de produtos de CLUN.
Broche de ouro á celebración do Día das Letras Galegas
Esta entrega de premios supón o broche de ouro de CLUN á súa conmemoración do Día das Letras Galegas. Unha iniciativa que reflicte o compromiso da cooperativa co idioma propio, deixando constancia da plena identificación da compañía e as súas marcas con Galicia e os seus valores. Exemplos desta aposta pola identidade patrimonial, cultural e tradicional de Galicia, son tamén as campañas estacionais do Entroido ou San Xoán.