- A equipación deportiva contará coa presenza das marcas Feiraco e Clesa
- Esta colaboración enmárcase nas acción da Cooperativa en materia de igualdade e difusión e promoción do deporte feminino
Ponte Maceira, 20 de Setembro de 2018.- Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) aposta unha vez máis polo deporte feminino e as súas marcas Feiraco e Clesa figuran no novo equipamento do equipo de baloncesto BAXI Ferrol, que foi presentado hoxe en rolda de prensa na cidade departamental.
O acordo de colaboración co equipo enmárcase no apoio da cooperativa formada por Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto á difusión e promoción do deporte feminino e as súas accións en materia de igualdade. CLUN ademais dálle continuidade á súa colaboración co Programa Universo Muller do Consello Superior de Deportes (CSD) a través das súas marcas, un proxecto integral do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que ten como obxectivo o desenvolvemento da muller e a súa evolución dentro da sociedade, secundando iniciativas que impulsen estes valores a través do deporte. Anteriormente, apoiaran á expedición ‘1.000 kilómetros de hielo’ da alpinista Chus Lago a través das marcas Únicla e Clesa.
No acto de presentación do novo equipamento deportivo do BAXI Ferrol, que compite na liga DIA e que tivo lugar no Campus da Malata, estiveron presentes a Directora de Persoas e RSC, Sonia González, e a xefa de Márketing Adali Morales, que subliñaron na identificación da cooperativa cos valores que buscan unha vida saudable a través da alimentación e o deporte, con Feiraco e Clesa como exemplo de marcas de referencia garantías de calidade da granxa á mesa, e pola difusión do deporte feminino como clave dentro das súas políticas en materia de igualdade.
Así mesmo, resaltaron o especial vínculo das marcas co baloncesto en Ferrolterra, lembrando ao mítico equipo Clesa Ferrol, toda unha referencia deportiva nos anos 80.
CLUN, compromiso coas mellores marcas
A cooperativa de segundo grao CLUN nace en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego.
Aliñado cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación.
CLUN comercializa os mellores produtos lácteos de Galicia coas marcas Feiraco, Únicla, Clesa e os queixos de Arquega.