- As máis de 450 socias deste grupo para o empoderamento da muller no rural terán, entre outros, acceso a formación de calidade dentro do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020, activado pola Xunta para a empregabilidade e o desenvolvemento profesional das mulleres rurais
- O convenio inclúe tamén accións de difusión e asesoramento a Mulleres de Seu por parte da Secretaría Xeral
Ponte Maceira, 19 de xullo de 2018.- Mulleres de Seu, o grupo para o empoderamento da muller no rural de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) vén de asinar un acordo de colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia para a posta en valor da súa actividade. O acordo inclúe acceso a formación de alta cualificación dentro do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020; ademais de difusión, colaboración activa con enfoque de xénero e asesoramento en cuestións de igualdade por parte do departamento da Xunta.
Firmaron o convenio o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
O convenio supón un paso máis na colaboración histórica entre Mulleres de Seu e a Secretaría Xeral, conscientes ambas entidades da importancia de promover programas de igualdade entre homes e mulleres, favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nos contornos profesionais e dignificar o papel da muller no ámbito rural e o seu liderado en institucións e organizacións sociais.
Mulleres de Seu, a aposta de CLUN polo empoderamento feminino no rural
Fomentar o empoderamento feminino, o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, dignificando o seu papel no ámbito rural, é o obxectivo desta iniciativa nacida ao amparo da Fundación Feiraco no 2013. Mulleres de Seu ten ido madurando nos últimos anos e será unha das liñas prioritarias das políticas de Responsabilidade Social Empresarial de CLUN para os vindeiros exercicios.
O grupo reuniu ata a actualidade a máis de 450 socias en máis dunha trintena de accións formativas, talleres e outras xornadas de traballo. Para o 2018 está proxectado un intenso calendario de formación, con máis de 15 sesións, seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia, en aspectos técnicos como inseminación artificial, técnicas de muxido, xestión de custes ou informática e uso de dispositivos electrónicos, complementado con sesións de ocio e convivencia.
Un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas, é o responsable hoxe en día de coordinar os proxectos deste grupo adecuándoos ás necesidades das tres cooperativas que conforman CLUN (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), ás súas áreas de influencia e ás demandas de todas e cada unha das súas socias.