Nova campaña de Feiraco

Esforzo, compromiso, valor, entrega, traballo en equipo… Hai case 50 anos un grupo de gandeiros do val da Barcala uniuse co gran soño de crear un proxecto no rural galego movido por todos estes valores. Despois de medio século de andaina, Feiraco é hoxe o triunfo daquel reto, que parecía case unha quimera. Os nosos gandeiros e gandeiras tiñan razón.

Eles son os protagonistas indiscutibles do noso último spot, o mellor xeito que tiñamos de facerlles unha homenaxe e de compartir con todos vós o valor do seu traballo e tesón por construir un proxecto como Feiraco e por facer posible que chegue ás vosas mesas un leite de altísima calidade, 100% galego e procedente unicamente das nosas granxas.

Os nosos gandeiros/as son, sen dúbida, a chave da creación de Feiraco como cooperativa. Homes e mulleres que souberon adaptarse aos cambios do paso do tempo e que fixeron posible a modernización do agro galego. Todos eles son a historia viva de Feiraco que axudaron, co seu esforzo, a construír a Galicia de hoxe.

Un envase á altura dun gran leite

E se vós tamén pensabades que un gran leite como Feiraco merecía un envase á altura da súa calidade… tamén tiñades razón! Os novos envases de Feiraco e Leite Únicla marcan un dos grandes fitos da historia da nosa cooperativa e non podían faltar na nosa nova campaña. Son a materialización máis clara da nosa aposta pola innovación e a sustentabilidade. Non en van, trátase dos primeiros envases PurePak® Sense Aseptic para lácteos de longa vida en todo o sur de Europa.  Ademais, traen unha morea de melloras: máis ergonómicos, cero goteos, pregado fácil e cartón procedente unicamente de bosques sustentables.

Consumir leite Feiraco é seguir alimentando un xeito de ser marcado polo compromiso con Galicia, polo respecto ao medio e  polo desenvolvemento económico do noso rural. E se xa consumiades Feiraco por todo iso e motio máis… tamén tiñades razón! 🙂

https://youtu.be/l4JhTTQifv8

 

XIRO DE 360º NOS NOVOS ENVASES DOS LEITES FEIRACO E ÚNICLA DE CLUN

 

  • Os novos envases para as marcas Feiraco e Únicla, que estarán no mercado esta semana, destacan pola súa alta innovación, fácil manexo e práctico sistema de encartado que favorece a reciclaxe do produto
  • Trátase do primeiro envase Pure-Pak® Sense Aseptic para lácteos de longa vida en todo o sur de Europa, procedente de bosques sustentables
  • CLUN destina máis de 3,2 millóns de euros a este lanzamento na súa aposta por ofrecer unha mellor experiencia de consumo e a solidez da integración cooperativa 

Ponte Maceira, 09 de outubro de 2017.-

A cooperativa de segundo grao Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), nacida da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, revoluciona o packaging dos lácteos co lanzamento do seu novo envase para os leites Feiraco e Únicla. Dispoñible no mercado a partir desta semana, o novo formato de Elopak Pure-Pak® Sense Aseptic, primeiro para lácteos de longa vida no sur de Europa, posúe características altamente innovadoras que facilitan o seu uso, favorecendo a vertedura e evitando o goteo. Ademais, contribúen á reciclaxe do produto grazas ao seu práctico sistema de encartado; e proceden de bosques sustentables, fieis á responsabilidade ambiental de CLUN.

Trátase, por tanto, dun formato novo e singular dentro da categoría de leites en España que denota maior frescura e naturalidade ao ser o envase por excelencia do produto fresco.

Os novos e innovadores envases utilizaranse para toda a gama de produtos das marcas Feiraco e Únicla, obedecendo á aposta da cooperativa pola innovación visual e funcional, dirixida a mellorar a experiencia de consumo. Un investimento de máis de tres millóns de euros sitúa esta operación como o primeiro gran paso de CLUN desde o seu nacemento, o pasado mes de xaneiro.

O lanzamento dos novos envases enmárcase nunha ampla campaña de difusión en punto de venda e en diferentes soportes e canles informativas, tanto tradicionais como dixitais, e en diversos formatos (insercións publicitarias, anuncios, guías audiovisuais, etc.), activa desde este mesmo mes de outubro.

Sobre CLUN

A cooperativa de segundo grao CLUN nace en xaneiro de 2017 da integración de Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñado cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla e Clesa.

 

Sobre Elopak

Elopak-empresa norueguesa propiedade do Grupo Ferd (un dos grupos industriais privados máis grandes de Noruega) – é un provedor líder en solucións de envasado de cartón complexo para alimentación líquida.

Tras 60 anos de continua expansión e crecemento, Elopak é na actualidade unha corporación global que opera con clientes en máis de 80 países. Ademais, o Grupo Elopak busca desenvolver continuamente a súa oferta de produtos co obxectivo de adaptarse ás demandas cambiantes do mercado. http://www.elopak.com/

Establecida en España desde 1981, Elopak ofrece aos seus clientes servizos tanto comerciais e de mercadotecnia como un servizo técnico completo.

to

Proxectos de Innovación Feiraco

OS NOSOS PROXECTOS DE INNOVACIÓN

A Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), apoia a realización dos seguintes proxectos:

Ano 2016

  • Feiraco Lácteos S.L.: Proxecto consistente en melloras tecnolóxicas en industria láctea, cun investimento de 103.966,72 euros, para o que se lle concedeu unha axuda pública total de 25.991,68 euros (o 75% financiada polo Feader). Con este proxecto a empresa pretende mellorar a calidade dos produtos e reducir custos.

Ano 2017

  • Feiraco Lácteos S.L.: Proxecto consistente en melloras tecnolóxicas en industria láctea, cun investimento de 150.362,80 euros, para o que se lle concedeu unha axuda pública total de 60.145,12 euros (o 75% financiada polo Feader). Con este proxecto a empresa pretende mellorar a calidade dos produtos e reducir custos.
  • Feiraco Pensos S.L.U.: Proxecto consistente en melloras tecnolóxicas en industria de fabricación de penso para alimentación animal, cun investimento de 32.700,00 euros, para o que se lle concedeu unha axuda pública total de 11.445,00 euros (o 75% financiada polo Feader). Con este proxecto a empresa pretende mellorar a calidade dos produtos e reducir custos.