Feiraco recibe a visita do conselleiro de cultura, educación e ordenación universitaria

  • Román Rodríguez e o alcalde de Ames, José Manuel Miñones, coñecen da man do presidente da Cooperativa, José Montes, as iniciativas culturais e educativas desenvolvidas no marco do compromiso cos valores propios de Galicia.
  • O representante da Xunta destaca o labor de Feiraco como difusor da “marca de país” e o seu labor social e cultural na entrega de premios ós gañadores do concurso de relatos curtos convocado co gallo do Día das Letras Galegas 2015.
  • O presidente da cooperativa refrenda o seu compromiso “coa promoción da lingua” a través do labor da Fundación.

Ponte Maceira, 22 de xullo de 2015. – Feiraco Sociedade Cooperativa Galega recibiu hoxe a visita do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen coñeceu de primeira man as iniciativas culturais e educativas promovidas pola Cooperativa no marco da Responsabilidade Social Empresarial e do seu compromiso cos valores propios de Galicia.

Acompañado polo alcalde de Ames, José Manuel Miñones, e co presidente de Feiraco José Montes como anfitrión, o representante da Xunta visitou as instalacións situadas en Ponte Maceira, e entregoulles os galardóns ós gañadores do concurso de relatos curtos convocado con motivo do Día das Letras Galegas 2015 a través da páxina oficial de Facebook da cooperativa.

O primeiro premiado, Roberto Roget, ademais dun lote de produtos Feiraco, recibiu das mans do conselleiro de Cultura unha Enciclopedia Galega Universal, cedida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, cuxo representante, Valentín García, tamén estivo presente no acto. Composta por 16 tomos e máis de 7.000 páxinas, é unha obra de referencia do patrimonio cultural galego.

O segundo e terceiro premio foron, respectivamente, para Virtu Castro e Alba Sánchez, que tamén recibiron un lote de productos e un libro da escritora Rosa Aneiros.

Un exemplo a seguir: “A unión fai a forza”

Na súa intervención, Román Rodríguez destacou que Feiraco é o exemplo de que “a unión fai a forza” nun país de carácter minifundista, e destacou o seu labor de “creación de riqueza na contorna”. Apostou porque continúe “facendo marca Galicia” e puxo en valor o labor de iniciativas como a do concurso de relatos, “de alto nivel con máis dun cento de participantes”, que fomenta nos máis novos as actividades culturais a través das novas tecnoloxías, na liña das actuacións da súa Consellería.

Ó respecto, o presidente de Feiraco, José Montes, comprometeuse a seguir “por este camiño e dar un paso máis para promover a lingua”, deixando clara a identificación plena da marca con Galicia e os seus valores a través da Fundación Feiraco, concebida por Jesús García Calvo cunha plena “vocación sociocultural”.

O alcalde de Ames, José Manuel Miñones, destacou a “colaboración mutua” do Concello con Feiraco, a través da promoción de concursos, e tendeu a man para “avanzar nesta alianza cultural”. Ademais, gabou a campaña co gallo do Día das Letras Galegas, que conseguiu a través dos bricks chegar a milleiros de fogares.

Broche final dos actos de ‘Sempre coas Letras Galegas’ 

Baixo o lema ‘Sempre coas Letras Galegas’ Feiraco celebrou a efeméride do17 de maio convocando o seu xa tradicional concurso de relatos curtos en lingua galega na páxina oficial de Facebook. A campaña completouse coa produción dun packaging especial coa adaptación dun retrato orixinal do homenaxeado, Xosé Filgueira Valverde, e o acceso a un dos seus textos máis representativos, ‘O Galego Verdadeiro’ a través do código QR dos bricks de leite.

Desde hai máis de 45 anos, Feiraco amosa o seu compromiso con Galicia, tanto na súa filosofía e métodos de traballo, tendentes a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico, como nas actividades de proxección social que puxo en marcha ó longo da súa historia.

Feiraco lanza unha mensaxe de optimismo ante un mercado sen cotas

MÁIS DE 600 GANDEIROS ASISTEN Á II XORNADA TÉCNICO-ECONÓMICA

  • A Cooperativa Láctea Galega organizou o encontro para dar a coñecer a gandeiros, socios e cooperativas a situación actual e o futuro do sector, así como as liñas de actuación a seguir neste novo escenario.
  • O director xeral de Feiraco insta a mellorar a competitividade coidando a sustentabilidade enerxética e optimizando o terreo para lograr unha rendibilidade superior que xere beneficios.
  • A conselleira de Medio Rural e do Mar, encargada da inauguración do evento, asumiu o compromiso da Administración para fortalecer o sector lácteo neste novo contexto.

Ponte Maceira, 10 de marzo de 2014.- A Cooperativa Láctea Galega Feiraco celebrou esta mañá en Santiago de Compostela a II Xornada Técnico-Económica “A produción láctea ante un novo escenario”. No encontro, organizado no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia para achegar a socios, gandeiros e cooperativas a situación actual e o futuro do sector tras a desaparición das cotas lácteas, o director xeral de Feiraco, José Luís Antuña, lanzou unha mensaxe de optimismo aos máis de 600 profesionais do ámbito alí reunidos.

Da súa inauguración encargouse a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, que valorou a importancia do sector lácteo, tractor da economía galega. Quintana asumiu o compromiso da Administración para fortalecer o sector lácteo neste novo escenario sen cotas. “Hai que apostar por unha fórmula acertada: o fortalecemento das estruturas cooperativas e das asociacións de produtores lácteos. É o momento de achegar posturas entre os distintos axentes da cadea de valor cara a modelos eficientes, rendibles e competitivos. O obxectivo de todos os que formamos parte desta engrenaxe é converter o escenario nunha nova oportunidade”, afirmou.

Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa de Formación activado pola Cooperativa en 2008 para impulsar a cualificación dos seus socios como base para continuar crecendo e incrementando a súa competitividade dentro do sector.

Xornada-Tecnica-Feiraco-2

Preparados para producir con criterios de seguridade e calidade

Antes de realizar unha reflexión sobre o novo escenario sen cotas, o director xeral da Cooperativa Láctea Galega, José Luís Antuña, quixo lanzar unha mensaxe de optimismo aos presentes: “Galicia, os gandeiros galegos da cooperativa e moitos outros, están preparados para producir cos criterios de seguridade e calidade e todos os requisitos máis esixentes dos mercados, como o fan as mellores granxas europeas”.

Antuña fixo referencia ás posibles solucións para tentar facer fronte á desregularización de prezos, ben arranxando a escaseza de leite no mercado para evitar a importación de excedentes doutros países; ben mediante a fortaleza na negociación dos prezos, ou traballando na xeración de produtos de valor a través da innovación ou coa mellora das marxes actuando sobre os custos de produción.

Aludiu tamén ao esforzo realizado para que “todas as partes da cadea asuman unhas marxes racionais que permitan defender as nosas explotacións defendendo ao mesmo tempo os intereses do consumidor a comprar leite a un prezo aceptable e asumible” porque “gústenos ou non, o novo escenario sen cotas é a nosa realidade inmediata, que define o marco estratéxico onde se desenvolverá o sector lácteo”, declarou.

Durante a súa intervención afirmou ademais que “en todos os plans estratéxicos Galicia figura como unha zona do mundo óptima para a produción de leite” por iso animou aos socios a continuar traballando, coñecendo os custos de cada explotación e actuando sobre eles. Instou a mellorar a competitividade coidando a sustentabilidade enerxética e optimizando o terreo para lograr unha rendibilidade superior que xere beneficios.

Xornada-Tecnica-Feiraco-3

O novo escenario desde o punto de vista da industria e o produtor

Durante a sesión, reflexionouse sobre o presente e futuro do sector lácteo español desde o punto de vista do mundo cooperativo da man do director do Departamento de Gandaría de CAE, Fernando de Antonio.

Tamén se profundou na desaparición das cotas, analizando se supón unha ameaza ou unha oportunidade e cales son as actuacións prioritarias da man do coordinador da Asociación Industrias Lácteas de Galicia, Pedro Ramos.

Ademais celebráronse dúas mesas redondas para abordar o novo escenario desde a óptica da industria, na que participaron, Fernando de Antonio, Pedro Ramos, Juan Manuel Fiz e José Luís Antuña, e o novo escenario desde a óptica do produtor no que interviñeron os propietarios de explotacións de Cantabria, Segovia, Toledo, Portugal e A Coruña.

Convértete no auténtico agroheroe do entroido da man de Feiraco

  • A cooperativa vestirá as súas caixas agrupadoras de leites clásicas cun escudo de agroheroe que permitirá aos consumidores optar a diferentes premios a través das redes sociais da cooperativa.

Ponte Maceira, 02 de febreiro de 2014.-Con motivo da celebración dunha das festas máis conmemoradas de Galicia, o Entroido, Feiraco anima a todos os galegos a converterse en auténticos agroheroes para vivir esta festividade dun xeito especial. Para iso a cooperativa vestirá, desde hoxe ata o vindeiro 28 de febreiro, as súas caixas agrupadoras de leites clásicas cun distintivo impreso que permitirá identificar a cada consumidor como agroheroe.

Para optar aos diferentes premios o consumidor deberá recortar o distintivo que figure nas caixas e facerse unha foto que subirá á App Entroido que atopará no perfil de Facebook de Feiraco. As primeiras 1.000 fotografías que se suban ao Facebook da cooperativa recibirán unha camiseta de Agroheroe deseñada en exclusiva pola firma Rei Zentolo. Pola súa banda, as fotografías máis orixinais serán agasalladas con 90 lotes de produtos Feiraco.

#feiracoagroheroe, o novo heroe do século XXI

En liña cos valores estratéxicos de Feiraco, galeguidade, naturalidade e cooperativismo, a cooperativa asocia ao auténtico agroheroe cunha persoa que se identifique, de igual xeito que o fai ela, cos valores e tradicións galegas. De aí que calquera persoa poida proclamarse agroheroe con tan só consumir leite Feiraco; contar con suficiente sentido do humor e pór en valor aquelas accións propias da tradición e cultura de Galicia.

Agrupadores-leche