COMPROMISO FEIRACO

O noso compromiso é con todos: socios, consumidores, equipo humano, provedores, o medio, o contorno social e o respecto pola identidade da nosa orixe galega.

EMPRESA FAMILIARMENTE RESPONSABLE

Apostamos pola igualdade e a conciliación e traballamos para que o noso persoal poida conseguir o maior equilibrio entre a súa vida persoal e profesional. Proba do noso compromiso é a certificación EFR (Empresa Familiarmente Responsable), unha ferramenta de xestión única no mundo, baseada na mellora continua, que responde a unha nova cultura sociolaboral e empresarial fundamentada na flexibilidade, o respecto e o compromiso mutuo.

COMPROMISO COAS PERSOAS

Apoiar as familias, tanto dos nosos socios coma dos nosos traballadores, promover a igualdade de oportunidades e facilitar a conciliación son algunhas das claves da nosa política de Recursos Humanos.

Promovemos a implantación de medidas sociais baseadas no respecto e o compromiso que abarcan aspectos tan importantes como o apoio profesional e familiar, a estabilidade e calidade no traballo ou o apoio a posibles vítimas de violencia de xénero. A conciliación laboral e familiar é tamén una das nosas principais preocupacións: facilitámoslles a flexibilidade horaria ás nais e pais, axudas para gardaría, licenzas retribuídas ou permisos especiais para actividades sociais.

No 2009 aprobamos o Plan de Igualdade polo que o Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade nos outorgou o Distintivo de Igualdade na Empresa. Esta mención recoñece o noso labor na aplicación de medidas que garanten a paridade de oportunidades entre ambos os sexos.

Feiraco é, ademais, a primeira compañía alimentaria de Galicia adherida á Rede Española do Pacto Mundial de Nacións Unidas, unha iniciativa que promove valores fundamentais relacionados co cumprimento dos dereitos humanos, ambientais e de loita contra a corrupción.