QUE É O LEITE?

O leite é un alimento moi completo, xa que contén calcio, fósforo, magnesio e proteínas, que son esenciais para o desenvolvemento e o crecemento. Un adecuado consumo de leite durante todas as etapas do desenvolvemento humano contribuirá a manter os ósos e os músculos fortes e a previr enfermidades na idade adulta.

O leite é fonte de proteínas de elevado valor biolóxico, posto que contén todos os aminoácidos esenciais, mesmo en cantidades superiores ao patrón proteico internacional de referencia.

Ademais, o leite contén péptidos bioactivos con propiedades beneficiosas demostradas cientificamente para o sistema inmunitario, cardiovascular e dixestivo.

É a principal fonte dietética de calcio, non só polo seu elevado contido deste mineral, senón tamén pola súa alta biodispoñibilidade grazas a outros compoñentes do leite: vitamina D, proteínas, fósforo, etc…

É rico en vitamina A, especialmente importante no crecemento, o desenvolvemento, a inmunidade e a saúde ocular.

DE QUE SE COMPÓN O LEITE?

A lactosa é o hidrato de carbono maioritario (98 %) que contén o leite; este, por causa da acción dalgunhas bacterias acidificantes, transfórmase en ácido láctico, que dá como produto final leites fermentados e iogur. Para poder ser dixerido, necesita a lactase, unha encima que se segrega no intestino delgado. Se hai un déficit ou diminución da produción desta encima, non se absorberá nin se dixerirá correctamente a lactosa, ata o punto de que poden aparecer unhas diarreas características, que son a manifestación primordial da intolerancia á lactosa.

Ademais, o leite contén proteínas de alto valor biolóxico. Como a caseína (78 % do total de proteínas), da que se obtén o callo, e seroproteínas (17 % do total de proteínas) de onde obtemos a callada ou o queixo fresco. Tamén contén moitas encimas, como lipases (responsables do sabor e cheiro a rancio), proteases (responsables da formación da callada) e fosfatases alcalinas (indicadoras dunha correcta pasteurización).

Composición de leite de vaca por cada 100 ml

  • Hidratos de carbono: 4,6
  • Proteínas: 3,1
  • Caseína: 2,80
  • Albúmina: 0,70
  • Lactosa: 4,9
  • Graxas: 3
  • Cenizas: 0,75
  • Residuo seco: 11,7
  • Auga: 87,0

POR QUE TOMAR LÁCTEOS A DIARIO?

A actual pirámide alimentaria recomenda consumir de 2 a 4 racións de lácteos ao día. Os produtos lácteos son o leite, o iogur e mais o queixo. O leite é rico en auga, proteínas de alta calidade e hidratos de carbono (lactosa), e é baixo en graxas. É fonte de vitaminas como a A, E e K e de sales minerais coma o calcio, fósforo e sodio. Contén pouca cantidade de vitamina C e ferro. Aconséllase consumir como mínimo un vaso de leite ao día. É máis saudable o leite semidesnatado ou desnatado.

O iogur é un alimento que se obtén ao engadirlle ao leite enteiro, semidesnatado ou desnatado, fervido, fermentos que degradan a lactosa e a converten en ácido láctico. O seu valor alimentario é semellante ao do leite pero con menor contido en lactosa. Aconséllase consumir 2 iogures diarios.

Os iogures conteñen probióticos que son microorganismos vivos que interaccionan coas bacterias da microflora intestinal ou coas células da mucosa intestinal. As súas accións son: equilibrar a flora bacteriana intestinal, protexer fronte a infeccións gastrointestinais e diarreas e incrementar as defensas, xa que potencian a resposta inmunolóxica.

O queixo é un produto fresco ou madurado, sólido ou semisólido, obtido da separación do soro despois da coagulación do leite por acción do callo ou outro coagulante. O queixo presenta un alto valor nutritivo polo seu contido en calcio e vitaminas A B2, B12 e D. O seu contido en hidratos de carbono é escaso e diminúe de maneira proporcional ao aumento da maduración do queixo. O seu contido en graxas varía segundo o tipo e grao de curación do queixo.

Máis información en www.inlac.es

POR QUE TOMAR LÁCTEOS EN CADA MOMENTO DA VIDA?

Embarazo e lactación

Moitos dos nutrientes do leite son necesarios durante esta etapa, como por exemplo, proteínas, fósforo, magnesio, vitamina B12, riboflavina, ácido fólico e calcio. O consumo de ata 3 porcións de produtos lácteos durante o embarazo, e de ata 5 durante a lactación, pode chegar a cumprir con estes requisitos.

Nenos e adolescentes

Durante esta etapa o consumo de calcio e ferro é fundamental e axudará a manter ósos e dentes en bo estado.

Os nenos menores de 11 anos deben consumir 3 porcións de lácteos ao día, e os maiores, 3 ou 4 diarias. É recomendable optar por leite semidesnatado, porque contén menos graxa saturada. Só os nenos menores de 5 anos deben tomar leite enteiro.

Adultos

O leite xoga un papel importante no mantemento da saúde e na prevención de enfermidades crónicas. O leite e os produtos lácteos atópanse entre os máis altos provedores de calcio facilmente absorbible. Dado que a masa ósea máxima non se alcanza ata a terceira década da vida, é especialmente importante para os adultos cubrir as necesidades de calcio, proteínas e vitamina D co fin de previr a osteoporose. A falta de estróxenos en mulleres posmenopáusicas dificulta a absorción e retención do calcio, polo que se fai necesario suplir ese déficit a través da alimentación.