PREGUNTAS FRECUENTES

Querémosche ofrecer toda a información sobre o coidado das nosas vacas, os nosos procesos de traballo e fabricación e os nosos produtos, que contan con todas as garantías dos selos de calidade, como Galega 100%.

CONTACTA CON NÓS se non atopas o que estás a buscar e responderémosche canto antes.

É bo tomar leite?

Os profesionais da saúde recomendan o consumo diario de leite e lácteos dentro dunha dieta variada e equilibrada. Hai multitude de estudos científicos que aboan os seus beneficios para a saúde. O leite e os derivados lácteos son alimentos dun elevado valor nutritivo, xa que na súa composición entran a formar parte practicamente todos os nutrientes en cantidades relativamente elevadas. Ademais de proporcionaren enerxía, son unha excelente fonte de proteínas de elevado valor biolóxico e doutros nutrientes como calcio, magnesio, fósforo, zinc, iodo ou selenio, e de vitaminas do complexo B, así como de vitaminas A e D.

Dado o seu valor nutricional, recoméndase unha inxestión diaria de leite e derivados lácteos equivalente a de 2 a 4 racións diarias de leite en función da idade e do estado fisiolóxico.

Principais beneficios

O leite é fonte de proteínas de elevado valor biolóxico porque contén todos os aminoácidos esenciais, mesmo en cantidades superiores ao patrón proteico internacional de referencia.

Ademais, o leite contén péptidos bioactivos, con propiedades beneficiosas, demostradas cientificamente, para o sistema inmunitario, cardiovascular e dixestivo.

É a principal fonte dietética de calcio, non só polo seu elevado contido deste mineral, senón tamén pola súa alta biodispoñibilidade grazas a outros compoñentes do leite: vitamina D, proteínas, fósforo, etc…

É rico en vitamina A, especialmente importante no crecemento, o desenvolvemento, a inmunidade e a saúde ocular.

Estudos recentes demostran que a graxa do leite, malia que fora considerada non beneficiosa polo seu alto contido en ácidos graxos saturados, non só non é prexudicial para a saúde cardiovascular e outras enfermidades crónicas, como a síndrome metabólica e a diabetes, senón que podería ter un efecto protector a través dalgúns ácidos graxos saturados presentes na graxa láctea.

Ademais, tomar leite é todo un pracer.

Leer más

Cal é o consumo de leite e lácteos recomendado polos profesionais da nutrición?

Dado o seu valor nutricional, recoméndase unha inxestión diaria de leite e derivados lácteos equivalente a de 2 a 4 racións diarias de leite en función da idade e do estado fisiolóxico.

En nenos, a partir de 6 meses e na idade escolar, e para os adultos en xeral, é recomendable a inxestión de 2 a 3 racións de leite ou o seu equivalente en produtos lácteos. Os maiores de 60 anos deben tomar diariamente de 2 a 4 racións. Durante a adolescencia, a xestación e para as nais en período de lactación recoméndanse de 3 a 4 racións.

*Unha ración de leite é o equivalente a unha cantidade de 200-250 ml —unha cunca—, namentres que unha ración de iogur supón 125 g. A ración de queixo maduro son uns 40-50 g e a de queixo fresco 125 g.

A que idade poden os bebés comezar a tomar leite de vaca?

Para o lactante recoméndase a inxestión exclusiva de leite materno durante o seis primeiros meses de vida ou, cando isto non é posible, a alimentación con fórmulas lácteas adaptadas a base de leite de vaca. Posteriormente, en nenos de pouca idade e na idade escolar, é recomendable a inxestión de 2 a 3 racións de leite ou o seu equivalente en produtos lácteos.

*Unha ración de leite é o equivalente a unha cantidade de 200-250 ml —unha cunca—, namentres que unha ración de iogur supón 125 g. A ración de queixo maduro son uns 40-50 g e a de queixo fresco 125 g.

Podo tomar leite se teño intolerancia á lactosa?

Se es intolerante á lactosa, podes desfrutar do noso mellor leite Únicla Sen Lactosa, dispoñible en dúas variedades: semidesnatado e desnatado.

Os celíacos poden tomar leite?

O leite non contén glute, polo que é un alimento totalmente apto para os celíacos, como tamén o son os seus derivados (iogures, queixos, nata, manteiga…).

Son prexudiciais as graxas do leite?

Estudos recentes demostran que a graxa do leite, malia que fora considerada non beneficiosa polo seu alto contido de ácidos graxos saturados, non só non é prexudicial para a saúde cardiovascular e outras enfermidades crónicas, como a síndrome metabólica e a diabetes, senón que podería ter un efecto protector a través dalgúns ácidos graxos saturados presentes na graxa láctea.

Ademais, a graxa do leite contén ácido oleico —un ácido graxo monoinsaturado— nunha proporción de aproximadamente unha terceira parte dos seus ácidos graxos. A inxestión de ácidos graxos monoinsaturados (AGMI) relaciónase nomeadamente con cambios beneficiosos no perfil lipídico, como a redución do colesterol LDL, triglicéridos, cociente colesterol total/HDL e o aumento do colesterol HDL, o que coñecemos como “colesterol bo”.

Se o que che preocupa é reducir a cantidade de calorías, podes optar por leites desnatados ou semidesnatados.

Como debo conservar o leite?

A partir do envasado, o leite ten unha vida útil duns 4 meses ata a súa data de caducidade. Durante ese período, recoméndase conservala nun lugar fresco e seco. Unha vez aberto o envase, debe manterse no frigorífico.

O leite Feiraco é 100 % galego?

O leite Feiraco procede unicamente das granxas dos nosos socios gandeiros, situadas en 18 municipios concentrados na área de influencia das comarcas coruñesas de Santiago, Ordes e Arzúa. É galega 100 %.

Cales son os produtos da marca Feiraco?

Feiraco comercializa leites clásicos (enteiro, semidesnatado e desnatado); leite para Hostalaría; leite Únicla (coas súas cinco referencias: Enteiro, Semidesnatado, Desnatado, Semidesnatado Sen Lactosa e Desnatado Sen Lactosa); batidos; natas (para montar e para cociñar); iogures líquidos que non precisan frío para a súa conservación (Iogu+), e queixos (das variedades Tetilla, Arzúa-Ulloa e queixo de barra).

Onde podo comprar produtos Feiraco?

En Galicia, pódese comprar leite Feiraco en todos os principais distribuidores de alimentación. No resto do territorio estatal, os nosos produtos están dispoñibles nas cadeas El Corte Inglés, Carrefour, Dia e Leclerc.

Que significan as siglas UHT?

Son as siglas de UHT (Ultra High Temperature) e fan referencia ao proceso de ‘uperización’ ao que se somete o leite para a súa conservación. Este proceso consiste en someter o leite a unha inxección de vapor a presión durante un par de segundos, ata alcanzar os 150 °C, co fin de destruír os xermes e prolongar a súa conservación. O leite mantén así todas as súas vitaminas, proteínas e minerais, ademais do seu sabor.

Como garante Feiraco a calidade dos seus produtos?

En Feiraco esforzámonos cada día por che ofrecer os mellores produtos lácteos, coa máxima garantía de calidade dende a orixe.

O modelo de organización da nosa cooperativa permítenos controlar e optimizar todas as etapas do proceso produtivo. En Feiraco contamos cun sistema integrado de calidade e de inocuidade dos alimentos baseado nas certificacións ISO 9001 e ISO 22000. Este sistema esténdese a toda a cadea de fabricación, dende a produción gandeira do leite de vaca nas nosas explotacións ata o envasado e comercialización dos produtos finais.

Mais o mellor leite só pode proceder das mellores granxas. O leite Feiraco procede unicamente das granxas dos nosos socios, todas elas localizadas en Galicia. Eles son a peza clave na nosa cooperativa e asesorámolos e apoiamos de forma permanente a través dun equipo técnico especializado.

A garantía de calidade dos produtos Feiraco comeza mesmo antes da selección da mellor materia prima. A alimentación das nosas gandarías é tamén una das nosas principais preocupacións. Por iso, fabricamos os nosos propios pensos, deseñados á medida das necesidades de alimentación das nosas vacas para que poidan producir o mellor leite.

O noso esforzo pola calidade e a innovación está avalado polas etiquetas Letra Q, Galega 100 % e Galicia Calidade.

Que significa a certificación ”Galega 100 %” que aparece nos envases?

Todas as variedades do leite Feiraco (leite enteiro, leite semidesnatado, leite desnatado, leite para Hostalaría e leite Feiraco Únicla) contan co recoñecemento da marca de garantía Galega 100 %, concedida pola Asociación Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL).

Esta distinción é o reflexo dos valores e o compromiso de Feiraco para cos nosos socios e os nosos consumidores: ofrecer sempre a máis alta calidade nos nosos produtos e utilizar unicamente leite procedente dos nosos socios cooperativistas, todos situados en Galicia.

A marca Galega 100% garánteche que a materia prima utilizada para a elaboración do leite e de todos os produtos derivados procede exclusivamente das explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada.

Para formaren parte deste rexistro, as granxas dos nosos gandeiros tiveron que alcanzar de maneira continuada uns parámetros superiores aos esixidos polas normas comunitarias, tanto en materia de saneamento e seguridade alimentaria coma no cumprimento dos máis altos estándares de calidade do leite.

Que supón o selo “Galicia Calidade”?

Galicia Calidade é un dos selos máis recoñecibles que distinguen os produtos galegos da máis alta calidade. Tanto o leite Feiraco coma o leite Feiraco Únicla, así coma os nosos iogures e batidos están amparados por esta marca de garantía.

Como consumidor, a marca Galicia Calidade non só che garante a orixe galega, senón que é un aval de confianza, prestixio e calidade.

Contar coa certificación de Galicia Calidade significa que todos os nosos produtos superan de forma continua os diferentes controis e auditorías esixidos; para isto é necesario contar coas materias primas da máis alta calidade e con óptimos procesos de produción que priman a innovación e garanten a máxima seguridade alimentaria.

Que significan as siglas PLS?

Significan Produtos Lácteos Sustentables.

Feiraco asinou, xunto con outras 14 industrias lácteas e 9 empresas de distribución, un Convenio de colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a implantación, o desenvolvemento e a promoción dun programa de produtos lácteos sustentables.

O logotipo PLS (Produtos Lácteos Sustentables) impreso nos nosos envases non só garante a trazabilidade e a orixe española do leite, senón que tamén certifica que foi contratada nunhas condicións que velan pola sustentabilidade económica do sector lácteo. Para obteren o certificado PLS, as industrias lácteas deben superar periodicamente un exhaustivo sistema de control sobre os procedementos, mecanismos e instrumentos que teñen implantados para cumpriren estas condicións.

Que facemos para preservar o medio ambiente?

En Feiraco, o desenvolvemento sustentable é un alicerce fundamental na nosa estratexia. Por iso, mantemos un fiel compromiso co medio ambiente a través dunha preocupación constante pola xestión eficiente dos recursos, a minimización do impacto ambiental da nosa actividade e a conservación e mellora da nosa contorna.

A nosa política ambiental céntrase en distintos eixes de actuación que comprenden a redución do consumo de enerxía e de auga, a elección de materiais reciclables, a xestión eficiente dos residuos e o incremento da sensibilización a través de cursos de formación específicos.

Ademais, traballamos activamente para reducir a pegada de carbono. As granxas Únicla, por exemplo, reducen un 10 % das emisións de CO2.

Iniciativas ambientais
O sentido de responsabilidade co noso medio tense materializado en multitude de iniciativas coas que buscamos promover o seu coidado e a súa conservación.
Feiraco participa no proxecto europeo Susmilk 2013-2017. O seu obxectivo é iniciar un cambio de sistema na cadea de procesos de elaboración e comercialización do leite e produtos lácteos coa finalidade de reducir ao mínimo o consumo de enerxía e auga e aproveitar os recursos enerxéticos renovables.

Temos en marcha programas de aforro enerxético nas principais granxas produtoras de leite. Ademais, diminuímos o uso de fertilizantes e potenciamos o emprego de enerxías alternativas.

Traballamos na optimización das rutas de recollida do leite para reducir custos no transporte e minimizar o seu impacto ambiental. Froito da nosa preocupación por reducir os niveis de CO2, tamén elaboramos un estudo que se propón examinar a relación entre a alimentación do gando e as emisións de CO2.

Na elaboración dos envases de produtos Feiraco, utilizamos papel certificado FSC, que garante que foi elaborado con materias primas procedentes unicamente de bosques xestionados de maneira responsable.

Que é FSC?

É o selo do Forest Stewardship Council (FSC), unha organización independente creada para promover a xestión responsable dos bosques de todo o mundo.

Todas as variedades do leite Feiraco (leite enteiro, leite semidesnatado, leite desnatado, leite para Hostalaría) e leite Feiraco Únicla, así coma os nosos iogures, batidos e natas, comercialízanse en envases de cartón Tetra Pack con selo FSC. A etiqueta FSC garante que as fibras de madeira utilizadas no envase de Tetra Pack son trazables a través de toda a cadea de subministración e que o papel utilizado provén de bosques certificados por FSC e doutras fontes controladas.

É unha mostra máis do noso compromiso ambiental.

Que é Únicla?

Únicla é un leite Premium, único na súa categoría, de alto valor engadido, que aspira a situarse á cabeza dos leites clásicos polo seu sabor.

Ler máis

Que valores achega Únicla á nosa dieta?

Únicla conta con excepcionais propiedades nutricionais que o converten nun alimento de gran valor na nosa dieta. É un leite altamente saudable que contén perfís graxos equilibrados. Únicla contén de forma natural Omega 3 e CLA e unha adecuada relación Omega 3/6. Ademais, destaca pola súa gran potencia de antioxidantes naturais. É fonte natural de selenio, que contribúe á protección celular contra a oxidación e favorece o sistema inmunolóxico.

Que hai detrás do logo iTQi Sabor Superior Award que leva o leite Únicla?

iTQi son as siglas do International Taste & Quality Institute. Con sede en Bruxelas, é a asociación líder dedicada a catar e promover produtos alimenticios de sabor superior. O International Taste & Quality Institute outorga o Superior Taste Award (Premio ao Sabor Superior), considerado como a Guía Michelin dos produtos alimentarios. O noso leite Únicla foi distinguido con este prestixioso galardón e obtivo a máxima puntuación (3 estrelas de ouro).

Trátase dun recoñecemento único, xa que o iTQi traballa en asociación coas 15 institucións culinarias máis prestixiosas de Europa, tales coma os Maîtres Cuisiniers de France, a Academy of Culinary Arts, a Hellenic Chefs’ Association, a Académie Culinaire de France, o Verband der Köche Deutschlands, a Federación de Asociacións de Cociñeiros de España, a Federerazione dei Cuochi italiana, Årets Kock of Sweden, Euro-Toques, a Gilde Van Nedrlandse Meesterkoks, a Associação de Cozinheiros Profissionais de Portugal, a Craft Guild of Chefs, a Turkish Cooks Association, a World Master Chefs Society (WMCS) e a Association da Sommellerie Internationale (ASI).

Como se produce o leite Únicla?

Merecedora do Primeiro Premio Europeo á Innovación Cooperativa no 2009, o carácter diferenciador de leite Únicla é o resultado de coidar con esmero da alimentación e o benestar das nosas vacas.

Ademais, en Únicla agarimamos a calidade dende a orixe. Así, en Feiraco contamos con 9 granxas certificadas coa máxima distinción internacional en materia de seguridade alimentaria: a norma UNE-NISO 22000:2005. Con esta certificación, as granxas da nosa cooperativa marcaron un fito sen precedentes en Europa.

Como consumidor, este recoñecemento garánteche a máis alta calidade dos nosos produtos lácteos dende a mesma orixe da produción do leite de vaca nas granxas da nosa cooperativa.

Ver proceso Únicla